Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

En relación á Casa da Ría

jueves, 14 de septiembre de 2023
Días atrás o concello emitía unha nota de prensa na que mencionaba a casa da ría. A conta diso, e dos comentarios que se fixeron nos xornais, decidín facer unha relación de puntos salientables na historia da casa da ría, que non chegou a ser 'Casa da ría de Ribadeo'. Polo camiño, a nova de non ter localizados dous telescopios.

A Casa da ría tivo un custe de 55 millóns de pesetas, a prezos actualizados cousa de medio millón de euros de hoxe. A planta baixa conta cun distribuidor que dá á sala de charlas e actividades múltiples, na que hai tamén un mostrador para recepción. O outro grande espazo da planta baixa, a sala de exposicións, ten unha montaxe sobre a ría arredor da columna soporte do telescopio. Dispón tamén a parte baixa de varias divisións interiores que inclúen almacén e servizos. A planta superior, con acceso diferente, está ocupada pola terraza, a dúas alturas, cun observatorio astronómico para acoller o telescopio.

Foi inaugurada o Día Mundial do Medio Ambiente, en xuño de 2001, con asistencia de Manuel Fraga Iribarne.

No 2002 a protección da maquinaria de arrastre para apertura da cúpula do observatorio quedou danada nun temporal, e sen reparación, no 2003 a maquinaria que protexía estaba tocada impedindo a correcta apertura e cerre da cúpula.

Tamén foi quedando de manifesto un problema estrutural que se facía visible nas filtracións de agua. O encharcamento na parte superior por baixo do terrazo e sobre a estrutura deu, e segue a dar, lugar ó nacemento de árbores nas terrazas, tendo eu mesmo arrincado algúns abondo máis altos ca min.

Ente outros avatares, o concello propúxoa como sede da Reserva da Biosfera Eo, Oscos e Terras de Burón, pero non foi aceptada. Encheuse de pintadas, ten habido algún niño de avespas nas súas contras... e cada vez menos posibilidade de uso e máis necesidade de mantemento.

En canto ó funcionamento, a casa da ría depende do concello. Por iso, a A.C. Xerfa asinou un convenio co concello no 2001, ampliado no 2003 xa con outro dos catro alcaldes que viu pasar, para instalar alí o telescopio que viña usando de xeito itinerante anos antes da súa construción. O telescopio é un reflector de tipo Newton de focal 1500 mm e diámetro 255 mm, sobre unha montura ecuatorial con posicionamento manual. Nun episodio que me segue a desconcertar, a instalación levou consigo o pé do telescopio, impedindo o seu uso itinerante.

Conforme á degradación das instalacións foi progresando, fíxose máis difícil a utilización. Mentres nalgún caso chovía por riba do aparello, o que motivou que comezara a cubrirse cunha lona a pesar de estar baixo cuberto, oxidándose o espello (aínda que para observacións xeralistas seguía a ter un bo aproveitamento), cambiouse a pechadura máis dunha vez sen ter chaves Xerfa, e a alarma pasou a mellor vida. Francisco Rivas, xa clave no seu momento para a consecución do telescopio principal, engadiu un telescopio pequeno que gañara nun concurso un equipo no que participaba a súa filla.

Nos anos 2000 fixéronse diversas observacións e cursiños de astronomía, a carón doutras actividades máis dispersas e puntuais, creando unxermolo de continuidade e interese no pobo. Mais, nun momento, o concello optou por un convenio coa Universidade de Santiago polo que, a cambio dun monto económico que só no primeiro ano superou de longo o gastado con anterioridade, déronse un par de cursiños de verán e realizáronse varias observacións astronómicas. Sempre no verán, e xa no mesmo pobo en condicións de luminosidade máis precarias. O que non se fixera con Xerfa, fíxose cunhas actividades que logo se enfocaron a uso turístico. Xerfa, que nacera no 1991 para axudar a dinamizar as actividades culturais do daquela Instituto de Formación Profesional de Ribadeo e a inserilo no pobo, quedou pouco a pouco reducida ó nome dunha revista que aínda se segue editando no actual CIFP Porta da Auga, sen conexión xa coa A.C. A Casa da Ría, sen mantemento, sen actividade, pasou a ser unha carga na que tan pronto medraban árbores na súa terraza como servía para acubillo de transgresores humanos ou animais, a pesar de sucesivos avisos.

Polo medio, tamén houbo algunha tentativa para mellorar a situación, como cando, tendo xa observado que a óptica dos telescopios pouco a pouco ía deteriorándose, e vendo conveniente darlle un repaso e motorizalo, Xerfa pediu unha subvención á Asociación Puente de los Santos (comandada no 50% polos concellos de Castropol e Ribadeo). Foi denegada porque pretendíase que a A. C., que non tivo nunca empregados, tivera alí alguén de xeito permanente para atender o local (a Casa da Ría, do concello, non as observacións).

Ata chegar a hai uns días, cando primeiro se anuncia dende o concello que se vai poñer orde no caos e recuperar a casa e logo se difunde que hai dous telescopios "sen localizar".

Un suma e segue que non sei onde rematará e que tampouco sei se se reverterá. Un suma e segue no que aparecen testemuñas que aseveran que o dia seguinte á xira, o 7 de agosto, a porta de acceso á terraza estaba aberta e a do observatorio forzada, pero co telescopio dentro, o que se puxo en coñecemento da Policía Local por teléfono e da Garda Civil de xeito presencial, levando alí a máis a outra persoa que pode actuar tamén de testemuña.
Gregorio Montes, Antonio
Gregorio Montes, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES