Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Marta é nome de anxo

martes, 12 de septiembre de 2023
Non é que os anxos sexan nenos ou nenas, mulleres ou homes; é que o seu pasar pola vida está por riba de diferencias e poden ter nomes femininos ou masculinos, existentes ou creados especialmente para seres especiais. No decurso da nosa vida, imos descubrindo persoas que, por ser anxos, elevan moi alto o nome que as identifica. E este domingo dinme conta do que sen decatarme levo sabendo catro décadas: Marta -Martita- é nome de anxo.

Na miña familia coñecemos e queremos a Marta Quiroga Blanco desde sempre. Amiga e filla de amigos -José Manuel Quiroga e Gloria Blanco- era veciña nos veráns de Miño, xogaba cos nosos fillos, tiña xeitos de anxo no falar, no sorrir, no vivir. E fóisenos este setembro, nos 46 anos dunha mocidade perpetua, deixándonos na alma un baleiro dorido, agarimo impotente, aínda sabendo que os anxos son máis do ceo que da terra, e ao fin está na casa.

Cada visita a Aspnais, a súa segunda casa, reencontraba á amiga, todo sorriso, que sempre me encomendaba saúdos para a familia, preguntaba por todos, alegrábase de verme, sen deixar o seu labor, incansable. Poucas veces me caen as bágoas mentras escribo, pero nesta ocasión algo especial me acontece e non deixo de refregar os ollos, inutilmente.

Como Marta -Martita para os amigos- era un anxo traballador, estou seguro que Deus non lle vai asignar un traballo contemplativo na parte máis elevada do ceo que soñamos, senón que buscará un posto acorde co seu ser. E aínda que non precise suxerencias, que saiba que aos amigos nos gustaría que Marta tivese un posto de Anxo da Garda para acompañar a alguén que precise protección, agarimo, ledicia, bondade e inocencia. Amén.
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES