Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Chile á vista

viernes, 15 de septiembre de 2023
Nos anos setenta, a experiencia chilena era seguida con curiosidade e esperanza en todo o mundo. Tamén naquela Galicia que se asomaba ao final do franquismo e que tiña no maxín as andanzas por aquelas terras de Blanco Amor ou Suárez Picallo. Para moitos, o golpe de Augusto Pinochet non foi sorpresa; mais ben, un exemplo, de libro diriamos, da temida angustia da Casa Branca, moi preocupada polo efecto da Revolución Cubana en América Latina.

Porque non foi Augusto Pinochet, ou non foi só Pinochet e os militares e carabineiros Chile á vistachilenos, quen decidiu poñer fin á experiencia democrática e socialista chilena. Pola contra, foi unha concreción de manual da alianza entre as oligarquías locais, os terratenentes, os medios de comunicación..., conspirando aberta e destemidamente co Pentágono e o Departamento de Estado dos EUA. Foron estes quen dirixiron e financiaron, de principio a fin, toda a operación para protexer os seus respectivos intereses económicos e estratéxicos.

Os Edwards, os Matte, os Alessandri, os diferentes clans de poder con tentáculos nas áreas clave da economía chilena, introduciron todos os ingredientes na pota da rebelión: a proclamación socialista de Salvador Allende, a nacionalización dos recursos naturais, do cobre ao salitre, da industria siderúrxica e do cemento, do sector financeiro con máis do 90 por cento do crédito en mans do Estado, a reforma agraria...

A Pepsi-Cola (Mr Kendall e Agustín Edwards), a ITT, a PANAM, a PANAGRA, as multinacionais, en clara conivencia coa CIA (Helms), alimentaron un clima de constante confrontación para minar a acción do goberno da Unidade Popular e inculcar, dentro e fóra do país, a inevitabilidade dunha solución militar. Era a culminación dun desgaste continuado que se iniciara xa mesmo antes de 1970. Foron 1.104 días marcados por choques permanentes. O presidente Nixon e o seu secretario de Estado Kissinger coidáronse ben de asegurar que a "axuda militar" chegaba a quen debía e onde debía. A batería simultánea de medidas de presión abarcaban todas as áreas: económica, financeira, diplomática, militar e ideolóxica, amosando con rotundidade o modus operandi dos órganos de poder dos EUA.

Internamente resolveuse cunha brutalidade sen contención: miles de mortos, presos, mutilados e torturados, secuestrados e desaparecidos no que pretendía ser un escarmento de proporcións continentais. La Moneda foi bombardeada e asaltada con poderosos medios bélicos. Salvador Allende, asasinado. A Declaración de Independencia de Chile, subscrita por Bernardo O'Higgins, arrasada e destruída.

A tráxica experiencia chilena servía ao obxectivo de amedrentar. Trala Revolución Cubana, a Unidade Popular mostraba a posibilidade de realizar cambios revolucionarios por vía pacífica. Para moitos, o golpe refutaría a idea de que era posible conquistar a poder político sen recorrer á loita armada. Se a vía democrática podía permitilo, o cambio da natureza do Estado a través do control do executivo non era abondo para conter os impulsos doutros resortes do poder que escapaban ao control cívico.

A acción tivo tamén efectos indesexados importantes. O custe en reputación e imaxe para a Casa Branca foi considerable. Quizais por iso iniciouse entón unha transición que desembocaría nesa preferencia arbitrada no século XXI para substituír por togas aqueles uniformes militares que dificilmente se podían admitir como expresión do estado de dereito e salvagarda dos dereitos humanos...

Está esquecido Chile? Está superado Chile? Quen é agora Chile en América Latina?
Ríos, Xulio
Ríos, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES