Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

viernes, 15 de septiembre de 2023
Un resumo moi sinxelo

O resumo da miña vida é fácil, sinxelo: nacín, vivo e... morrerei. Xa está. Para que quere a xente saber máis? Todos durmimos, erguemos, estudamos ou traballamos ou facemos o parvo, para rematar durmindo outra vez e volta coa ladaíña. Un día detrás doutro. Uns viven mellor, outros peor e outros nin tan sequera saben que están a vivir. Ó final morremos todos e, xa de mortos, que máis dá. Ó morto que lle importa o que veña por detrás. E aínda que lle importe, nada pode facer.
Pingas de Orballo Na miña vida sempre hai un antes e un despois de cada cousa, de cada tempo. E que? A quen lle importa? Se alguén ten interese, que pense na súa propia vida, na que tamén haberá un antes e un despois de cada acción. A maioría das veces complicámonos de máis. Cando todo se resume niso: nacer, vivir e morrer.
Algúns escriben libros a esgalla para deixar constancia dos seus actos ó longo da vida. Seguro que tan só serán recordados polo nome ou alcume, polo lugar no que naceron e na forma de morrer. Nada máis. Tanta loita, tanto esforzo para un simple: morreu (ás veces nin dicimos o nome) o fillo de tal, que casara no quinto inferno, etcétera.
Outros pregoan as súas tarefas con orgullo e sorriso dentífrico, cando na realidade será recordado porque cometeu aquela falcatruada no ano da pera. E todos metemos a pata ata no bulleiro máis espeso. Ante todo isto, quedade con este epitafio: nacín, vivín e... morrerei. Un resumo moi sinxelo.

Chanzo a chanzo

Escaleira ó ceo. Creo que era unha canción de Led Zeppelin. Eu quixen intentalo. Subila, claro. Empecei chanzo a chanzo. Xa perdín a conta dos que levo e dos días transcorridos. Cando empecei aínda era un rapaz inocente e, agora, son un vello aínda máis inxenuo. Porque, isto, hai que recoñecelo, é unha inocentada. Máis ben, unha trapallada, unha chafallada.
Pingas de Orballo Pero aí sigo, sube que sube. Pasei xa moi cerca da lúa. Aínda me queda moito por alcanzar Marte, e Xúpiter, e Saturno, e Urano, e Neptuno, e o pobre Plutón... e o ceo segue estando no quinto carallo. Non obstante, non renuncio, non recúo. E iso que, o peor, será logo a baixada. Tamén se di moitas veces que é peor baixar que subir.
Aínda que, tal como vai o asunto e tal como pasa o tempo, ó mellor non baixo nunca. Porque me dá que isto de alcanzar o ceo non é como se conta, nin como se pensa. Emporiso, acaba de ocorrérseme que, se chego, se algún día chego, e para que a baixada sexa máis rápida, a mellor solución será deixarme caer, que é o mesmo que tirarme en picado. Seguro que chego abaixo moito antes que choutando de chanzo en chanzo.
Tranquilos todos, tamén sei seguro que caerei de pé. Sempre caio de pé. As veces que me tirei desde o campanario da igrexa de Baños de Molgas e as veces que me lancei ó río Arnoia desde a ponte das Cepas, caín de pé.
O problema estará en cando me deixarei caer. Porque o puto ceo segue no quinto inferno e eu sigo, dálle que dálle, chanzo a chanzo.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES