Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

jueves, 14 de septiembre de 2023
Ensinando lingua Kungaliana

Debido a que dentro duns días chegará ó noso planeta unha delegación galáctica, con maioría de extraterrestres do planeta Kungala (o planeta do meu amigo alieníxena), a Escola Oficial de Idiomas convocoume a un parladoiro para que lle ensinase ós políticos locais e provinciais algo da lingua kungaliana.
Pingas de Orballo Aceptei de contado porque a lingua dese planeta que está máis alá do infinito é tan sinxela que tan só consta de tres palabras: igggi para dicir si, igggo para dicir non e úngala, que significa depende.
Todo o demais baséase en abaneos de cabeza e acenos coas dúas extremidades. Chamarlles brazos ou mans a estas é unha temeridade. Certo que, en cada moneo ou xesto, deixan escapar algo así como un uuhhh. Algunhas veces un eehhh; moi semellante ó noso saúdo cando entramos nun ascensor, por exemplo. Non obstante, xa o teño comentado: sempre me entendín ben, moi ben co meu amigo.
A proba é que, en vez de buscar calquera outro punto de aterraxe coa súa nave, decantouse, como non, pola Pitediña, en Baños de Molgas. De aí que as autoridades sexan tan só locais e provinciais. Dependendo logo da xuntanza, optarán, ou non, por reunirse con máis terrícolas.
Aínda así, témolle algo ó parladoiro cos políticos. Sabemos da intelixencia destes e non todos están capacitados para aprender esas tres simples palabras. Principalmente a de depende. Eles son máis de si ou non, ou sexa, ordeno e mando. Vou entrar á primeira clase e que sexa o que Deus queira.

A culpa é do galo

O galo espertoume de mañá cedo. Eses bichos sempre madrugan máis que ninguén. E eu teño un mal espertar. Adoito andar a golpes cos soños, con aqueles que tiven durante toda a noite. Foron varios. Como tamén teño un mal durmir, durmo por varias veces e sempre se soña. Ó espertar intento lembralos todos, e como non recordo moitas cousas, axiña me alporizo e braceo tanto que sempre acabo rompendo obxectos.
Pingas de Orballo Chámome José Souto Penedo, pero todos me chaman Pepe. Así, a secas. Penso que son o único habitante de todo o concello e de toda a comunidade autónoma que non ten ningún alias, ningún alcume. Son O Pepe. Iso si, o fillo dos Troiteiros. Tanto meu pai coma miña nai, logo de arar ou cavar nas leiras, marchaban todas as noitiñas cara ó río Arnoia e andaban “á cachea”. Só collían troitas. A xente, que é lista, non tardaron en bautizalos. Eu, como non destaco en nada, non lles dou opción para que me bauticen de mala maneira.
Claro que se chegan a ver os meus espertares, ó mellor non tardan en buscar algún alcume apropiado. Repito, a xente é lista. En principio chámanme O Pepe. Vaia carallada, cando na realidade son José.
Tamén é certo que tan axiña como me lavo, como mollo a cara, estou xa coma unha rosa, apto para iniciar un novo día e aguantar todo o que me boten por enriba. A miña primeira medida do día sempre é a mesma: intentar matar ó puto galo. Non se deixa pillar.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES