Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

martes, 12 de septiembre de 2023
En plena canícula

Pois si; Satiro Suárez Recaedro foi desde Ramiras ata Vilela pola sombra. Cunha poda na man. Ás tres da tarde. En plena canícula. Satiro, O Fervuras, era un pouco así botado para adiante. Non lle tiña medo a nada. A proba é que ten tractor, ten rozadoira, ten toda a maquinaria agrícola habida e por haber, pero el é de sacho, poda, fouciño e gadaña. E non lle importa poñerse a rozar en plena canícula. Agora mesmo baixa para Vilela, en Castrelo de Miño, pola sombra, iso si, pero baixo un sol de carallo.
Pingas de Orballo No medio do camiño, e aínda que este é curto, nin tan sequera un quilómetro, senta ó pé dun piñeiro para acender un cigarro. Non tarda en erguer o cu porque cae na conta de que a sombra dos piñeiros nin é sombra nin nada que se lle asemelle. O piñeiro case bota aínda máis calor que o propio sol. Ármase de valentía e segue costa abaixo.
Chega á finca suando xa coma un carneiro. Nada lle mete medo. Ó primeiro golpe de poda contra unha acacia -que de mimosa non ten nada-, xa bufa. É igual; el dálle que dálle ata que esgaza o tronco. Nun último golpe, córtaa por completo. Deixa escapar un leve sorriso e bótalle a man a outra. Nun dos golpes, unha condenada silva rabúñalle todo o brazo dereito. O Fervuras acórdase de quen se ten que acordar e os xuramentos retumban por todo Vilela.
Da cara de Satiro xa non se sabe se é suor o que cae pola súa faciana ou se é o regato de Señorín, na mesma parroquia de Macendo. Pero el, tumba que dálle ás mimosas, e ás silvas, e ás cepas vellas, e ós fentos. En plena canícula. Baixo un sol de carallo.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES