Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O mundo, un problema de Galicia

miércoles, 06 de septiembre de 2023
Alguén dirá que xa temos bastantes propiamente nosos como para botarnos enriba os de todos os demais, pero nunha sociedade globalizada e interdependente como a actual, a Galicia aféctanlle moitos problemas que teñen orixe noutras latitudes. O mundo, un problema de GaliciaApreciámolo en carne propia en calquera crise financeira ou xeopolítica, por mais afastadas que estean. Por outra banda, no día a día global, gaña centralidade unha axenda transversal de impacto mundial da que tampouco nos podemos evadir. Nese senso, o mundo é tamén un problema de Galicia e debemos participar das estratexias globais adaptándoas ás nosas especificidades. E partindo de nós podemos tamén contribuír responsable e orixinalmente a ese debate con ideas produto da nosa matriz xeocultural.

Pero o mundo é tamén un problema para Galicia. En varios sentidos. Primeiro, porque é manifesta a insuficiencia das políticas públicas habilitadas para dar resposta a esa nova realidade, dende o debate, o diagnóstico e a definición de programas. Segundo, polo retroceso experimentado nos últimos lustros a propósito da concreción dunha política pública de acción exterior integral. Terceiro, pola extensión desa radiografía inhibicionista oficial ao conxunto dos actores sociais, comezando polos partidos de oposición e seguindo por outros actores institucionais e cívicos. Non nos estrañemos pois que vaiamos arrastras en asuntos que van dende o corredor atlántico ao engarce exterior da nosa cultura.

Sabemos da regresión experimentada nos últimos anos na acción exterior de Galicia, cualificable de acomplexada e sen ambición algunha. Aqueles que tanto presumen de poñer a Galicia por diante, quédanse na retórica evitando compromisos neste ámbito que asocian dogmaticamente cunha certa idea de Galicia que non comparten sen se decataren que compre imperiosamente esa certa política, na dose adecuada, pois sen ela eses intereses e obxectivos económicos que si chegan a comprender requiren defensa e ambición. Sen ambas as dúas dificilmente se verán satisfeitos.

Pero onde a oposición é goberno, pouca ou nada de diferenza hai. É clamorosa a ausencia de reflexión e propostas construtivas neste eido. E deberan marcar diferenza niso de cara aos próximos comicios autonómicos que serán cruciais para que Galicia non fique fóra do salto que podería darse no autogoberno das nacionalidades vasca e catalá. Vai pasar nun contexto onde o territorial será determinante na articulación da política estatal e da súa proxección en Europa e no mundo.

Galicia, a diferenza doutras comunidades no Estado, definiu a tempo algunhas políticas ambiciosas neste ámbito. Certo que tiveron desigual implementación. Ao abeiro delas houbo avances discursivos, institucionais e normativos que lamentablemente quedaron baleiros por inacción deliberada. Moitos culpan dese desbalde ao proceso catalán cun afán de desmarcarse e presentar moderación alá onde outros ofrecían, seica, radicalismo. De aí os freos, tanto normativos como operativos. Outro non modelo era posible...

O exterior está na axenda. Na local e na global. A sociedade galega, que conta con instrumentos para pensar o mundo froito do esforzo da sociedade civil, debera ser máis consciente do valor dese activo e dotalo de amparo. E nesta hora podería servir de punto de encontro para establecer unha folla de ruta que nos permitise saír dese furgón de cola onde andamos varados como país. Hai que facer política para o mundo.
Ríos, Xulio
Ríos, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES