Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

martes, 05 de septiembre de 2023
Organismo andante

Deixei que se irritasen, que se inflamasen as mucosas nasais para que a bile subise e estourase a un par de metros de distancia e coa velocidade dun alustro. Ás veces detéñome no meu camiñar, miro para o sol e o esbirro sae fiel e rápido. Nel vai todo o que se acumulou no tempo, nos últimos momentos.
Pingas de Orballo Tamén por veces contraio ou dilato o diafragma e percorro o resto do camiño cun impo que, pouco a pouco, vou esaxerando para que a muller salte sempre coa mesma ladaíña: aí está o paxaro louco. Hoxe estou só e fago exactamente igual, o que significa que tal acción xa a collín coma un tic, coma un hábito, coma unha costume.
É igual; non é tic o calo que teño na planta do pé esquerdo porque, aínda que non queira, algo coxeo. Só que sexa polo medo ese a pisar nunha coíña que me faga ver as estrelas. O instinto á dor xa mo fai pasar mal.
Coas mucosas nasais saíu o esbirro, pero cos ardores de estómago saen todas as voaxas que acumulo cada vez que me agacho ou cada vez que manipulo, por exemplo, nas caixas de libros que teño no faiado. A maiores de voaxas, soben carraxes e dores que tardan en ter alivio; case sempre con algunha pastilla que sempre teño na casa, ou, por veces, con algunha mazá. Sempre hai remedios para as contrariedades, para as doenzas.
Son un organismo andante que sofre e se calma, que vai e vén, que ri e se queixa, que resiste e fraquea, que se mofa e aguanta, que non se detén, que non frea, que segue, que tira e que vive.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES