Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

miércoles, 30 de agosto de 2023
Deus non sabe nada

Se agora mesmo se me dera por abrirme en canal, coma os porcos, seguro que vería como a carraxe sobe por min a gran velocidade. E todo por culpa da manida frase "cada un sabe as súas e Deus as de todos". Mentira! Deus non sabe nada. Nada de nada. Se soubera, só que fose algo, non deixaría que certas falcatruadas imperasen e estivesen á orde do día. E non dou exemplos porque aínda me alteraría máis.
Pingas de Orballo Chégame con ver o que me está pasando. Xa perdín a conta dos días que levo cruzando o río Arnoia á altura das Mestras, en Baños de Molgas. E non cruzándoo pola pasarela, non; senón goldrando, arremangadas as perneiras do pantalón ata os xeonllos. Así, dos Campos ás Mestras, das Mestras ós Campos. Unha e outra vez. Unha e outra vez. Unha e cen veces. Que digo cen veces!; se levo polo menos nove meses e dous ou tres días, como unha preñez.
Deus non sabe nada. Isto é peor que un calvario, que un viacrucis. Teño as plantas dos pés encetadas e algúns dedos xa rotos a causa dos golpes contra as pedras. Chego a unha beira, e volta outra vez. Sen acougo. Sen folgos xa. Pero hai algo que non me deixa determe. Como tampouco sei como empecei, que foi o que me empurrou a goldrar o río desa maneira. Confeso que ás veces cometo toleas, pero son querendo, "porque se me dá por aí"; esta acción de goldrar unha e outra vez non sei a que vén.
En calquera momento caio esgotado e afogo. Non consigo parar. Deus non pode saber desta agonía miña. El nunca sabe nada. Nada. Nunca.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES