Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O progresismo propagandista

viernes, 25 de agosto de 2023
Así como sería absurdo pensar que un partido político devén progresista polo mero feito de cualificarse a si mesmo de tal, sempre que ten oportunidade de facelo, non o sería menos dubidar de que non o sexan aqueles partidos que se mostran cautelosos co uso deste termo. Aquí poderíamos, incluso, aplicar o que nos di a sabedoría popular: DIME DE PRESUMES E EU DIREICHE DO QUE CARECES. Por suposto, ninguén está en contra do progreso como cadaquén o entende. Pero o problema está aquí: QUE SE ENTENDE POR PROGRESO?.

Propóñome ofrecerlles algo da miña modesta opinión. E se ela lles serve, non para documentarse do verdadeiro significado do termo "progreso", senón para percibir a súa difícil denotación e a complexidade que introducen as súas diversas connotacións, daríame por satisfeito. Non pretendo dar consellos aos partidos; pero tampouco ocultar unha opinión que, por modesta, non deixa de ser a dun simple cidadán, farto de oír algúns lideres que non abren a boca se non é para insistirnos que eles integran un goberno progresista.

Como o progresismo está vinculado a unha concepción lineal da historia, non se estrañen de que a cultura grega e romana clásicas non ofrezan indicios de entusiasmo polo progreso, nin a cultura dos países orientais, pola sinxela razón de que teñen unha concepción cíclica da historia. E o mesmo Nietzsche combateu o optimismo racionalista de occidente, sentando que para el a historia carece de propósito, porque a vida ven a ser un eterno retorno e non considera o tempo como lineal.

Talvez sexa útil, partindo da distinción entre o progreso material e moral, preguntarse ata que punto desexan a maioría dos progresistas occidentais de orientación política presentarse socialmente como materialistas, porque, curiosamente, non parece que teñan un interese especial por potenciar a dimensión moral do ser humano, xogando coa liberdade das persoas, entendéndoa ao servizo dunha concepción económica e lúdica da vida, sen molestarse en utilizala para acadar un sentido coherente coa dignidade que esixe a realidade persoal do ser humano: Administrar o don da liberdade con dignidade, unha custosa praxe rifada coas permisividades dalgunhas dogmáticas políticas.

Pero isto non é só específico, aínda que si teimoso, do que en España designamos como "esquerda", desgraciadamente esténdese como unha vaga, en distintas perspectivas, nas mans de bastardas elites, emerxentes no seo de sectores e institucións chamadas a defender esa dignidade, que tampouco repugna a dereita política. Pero non corresponde só ao noso país. O mundo non parece capaz de neutralizar as causas que o manteñen nun constante empeño de loita desintegradora, á que o home/a muller non son alleos, abandonando a adecuada selección dos resultados dun progreso (progreso?!) paradoxal por regresivo.

As dúbidas acerca da complexidade do PROGRESO abren canles á formulación dunha serie de preguntas relativas tanto ao estancamento dos procesos progresistas como ao seu descontrol selectivo dos resultados, en función cosmolóxica e socialmente persoal. Formulemos as seguintes a modo de exemplos: Pode o considerado progreso científico levar a un optimismo racionalizado que, ás veces, oculte o “irrazoable” dos seus resultados, xa que estamos construíndo un mundo menos humano e menos habitable?. É progreso manipular a natureza ata o extremo de poñer en perigo todas as formas de vida e, particularmente, a dos seres humanos?. Convertemos as guerras en campos de ensaios de instrumentos científicos?. Ata onde a sociedade industrial pasa do control da actividade progresista integral do home e da muller, como vítima obcecada polo progresismo económico?.

Seguramente a lectura crítica de Adorno e Marcuse e a das informacións relativas aos actuais conflitos bélicos, derivadas de diferentes fontes, nos permitan facer unha serie de valoracións, positivas e negativas, non só do progreso material e moral, senón da mesma ridiculez en que adoitan caer os que, á lixeira, fan del bandeira propia propagandista, dispostos a non arriala, pese a que están lonxe de identificarse con moitas das cores que representan as perspectivas dimensionais do ser humano, na súa integración persoal corporalmente psíquica, ou, se o prefiren, psiquicamente corporal, que, en definitiva, é o destinatario do progreso en xeral.

Aínda que o progresismo material pode medirse pola utilidade e a eficacia, evidentemente en perspectiva moral entran en valoración outros parámetros, como os que contribúen a abarcar a formación do cidadán con vistas a manter unha convivencia pacífica na sociedade. Xustamente por isto, as tensións afrontadas con descaro, e evidenciando actitudes vergonzosas con propósitos incoherentes, precisamente por estraños á funcionalidade das institución, xogan un papel negativo respecto ao progreso no ámbito moral, cultural e espiritual. E estes comportamentos incívicos, á vez que sorprenden con desagrado aos membros das xeracións avanzadas, xustifican certos grados de perversidade nas que teñen a obriga de loitar pola forxa de vontades verdadeiramente progresistas.

Sen dúbida, o progreso ten o seu lugar en diversas accións despregadas polo home e pola muller. O científico-técnico, por exemplo, aplícase a diferentes partes desta realidade tan complexa, así como o estritamente social, vinculado culturalmente a unha variedade de esixencias disciplinares, coordinando a liberdade coa racionalidade e os impulsos sentimentais, mediante os recursos volitivos que catalizan as dinámicas necesarias para superar os esforzos que comporta a salvación dos atrancos que xorden no decurso da vida.

Pero, ademais, a historia, non manipulada, é unha fonte de información de todo isto, como depositaria dos éxitos e dos fracasos dos comportamentos dos seres humanos, e nela encóntranse as tendencias que evidencian como as ideas SEN FUNDAMENTO non adoitan ser as que impulsan a sociedade, senón que é a mesma sociedade, SEN FUNDAMENTO NESTAS IDEAS ARBITRARIAS, a que abre as canles que canalizan as rectificacións, desde as perspectivas futuras que dan luz aos erros precedentes.

Por conseguintemente, no pasado, como tempo LINEAL da historia, non parece acertado furgar para traer de novo ao presente ideas que paralizaron o progreso na sociedade, anquilosándoa. Xustamente por isto, resulta desconcertante que se cualifiquen de progresistas os que practican un soterrado conservadorismo. O pasado foi o que foi, e ninguén dos que participaron nel están libres das imputacións que se podan atribuír polos vergonzosos e inhumanos comportamentos. O que si debería preocuparnos é o pouco que aprendemos del e o mal que historicamente o contextualizamos.

Sería importante saber que clase de progresismo político se pode esperar nun país no que forman parte da institución parlamentaria políticos que a utilizan para combater os principios constitucionais nos, que se apoia -cubrindo a súa legalidade e lexitimidade - mediante concesións substanciais con quen asume a responsabilidade de garantilos, abrindo espazos suspicaces polos que, paso a paso, van incrementando as posibilidades de acadar o cambio dos obxectivos nacionais españois, con zamurga e descarada neutralización de todo o que dificulte os seus propios. E non reparar en partir dun espazo loxicamente confuso, creado deliberadamente, para xustificar con falacias posturas atávicas en beneficio propio, semella a epifanía de sentimentos humanamente perversos; e moito máis cando se está loitando, con criterios que permitan establecer dinámicas de ámbito global, que esixen un mínimo de solidariedade.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES