Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O Señor das Moscas e a sociedade e política actuais

jueves, 24 de agosto de 2023
Non me considero un bo comentarista político. Nin malo. Sinxelo: coido que de política cada un opina dende a súa experiencia vital, que inclúe dende a situación familiar ou económica ata a exposición ás mentiras difundidas e propaganda de todo tipo, pasando sempre pola costume (ou falta dela) de analizar a realidade. Así, que eu poida dicir 'equivócanse' cando outras persoas manteñen unha determinada política ou voto, supoño que poderá ser respondido case xusto ó revés por quen así obra en relación ó que eu poda votar ou puidera facer de ocupar un cargo político. Naturalmente, iso non quere dicir que todas as políticas sexan iguais (evidentemente, os resultados non son os mesmos), nin moito menos, senón que na contenda para elixir todas parten subxectivamente coa mesma posibilidade e posiblemente con semellante subxectividade.

Por iso mesmo, porque na política hai unha parte importante de relatividade de visión, considero fundamental o respecto como base. Da política, pero tamén das relacións, sociedade, democracia ou, por suposto, convivencia. O respecto, que ten que ver coa liberdade, nese sentido de que a nosa liberdade remata onde comeza comeza a ferir ós demais (di o dito que 'onde comeza a do outro'). Aquí hai que axustar: non ferir a alguén concreto dos outros, sempre haberá 'ofendidiños' polas nosas accións máis triviais, senón ó conxunto dos demais. Pero de novo temos o problema de que cada quen ten unha perspectiva, diferente pola súa historia e circunstancias, e terá unha visión das bondades ou feridas dos actos -sexan os que sexan- diferente. Unha diferenza que hai que aproveitar na súa diversidade e resolver aportando cada quen o seu gran de area, non atacar para ferir e tentar eliminar.

Reflexionar sobre isto é doado, mais levar as reflexións a actuacións prácticas non o é tanto. Para non poñer a vista en algo que pode ser actual e polo tanto suxeito aínda a maior subxectividade, dicir que nun par desas cavilacións viñéronme á memoria un par de libros. Un, unha novela lida hai tempo, xuvenil, pero non só, que pode resumir un dos perigos actuais do balance de poder a partir de reflexións nesgadas por parte de quen temos o poder, a xente: "O Señor das Moscas", de William Golding. O resumo da trama inclúe que a raíz dun afundimento, un grupo de rapaces chega a unha illa deserta. O maior e máis sensato (tamén o máis forte como individuo) remata fóra do grupo xunto cunha minoría, mentres un axitador elévase como director. Tras unha serie de peripecias, incluídos os asasinato de constituíntes do grupo pequeno, o maior remata a punto de ser literalmente cazado polo grupo grande, cando o desembarco dun grupo de mariños volve ós rapaces ó mundo do seu rol de pícaros. Visto dende hoxe, unha imaxe da política e a sociedade actual, gobernada boa parte das veces por xente elixida tras desinformación, populismo e demostracións de forza de diverso tipo. O outro, totalmente diferente, "Hablaba con las bestias, los peces y los pájaros", do naturalista Konrad Lorenz (accesible aquí), presenta entre as súas páxinas algunha historia como a dunha ave forte e educada nunha zona na que é costume o picarse no pescozo suavemente como mostra de cariño, e polo tanto, deixarse facer, que se presenta ante outra máis débil que non coñece esa costume e que remata picando repetidamente á máis forte mesmo ate a súa morte. Trasladado á política e sociedade actuais, viría dicirnos que se alguén comeza a facer 'trampas', non se lle para e se lle deixa facer, quen non faga trampas é moi probable que remate perdendo todo e desaparecendo. Coido que por desgraza está claro.
Gregorio Montes, Antonio
Gregorio Montes, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES