Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Intentando virar as tornas

lunes, 21 de agosto de 2023
Alucinado e, tamén, cabreado co asunto Daniel Sancho. Nunca vin a uns medios de comunicación tan desnortados. Todo unha semana, ou máis, falando dun tipiño, asasino confeso, que non só matou a unha persoa, senón que a despezou. E agora a prensa, a bendita prensa española (e o que non é prensa; por exemplo, algunhas institucións) está a buscarlle tres pés ó gato para cargarlle as culpas a todo un país, a Tailandia. Que se as características de Tailandia, que se os dereitos humanos en Tailandia, que se os cárceres de Tailandia, que se a pena de morte en Tailandia.

Sobre a pena de morte, boa parte desa prensa está desexosa de que se instaure no noso país, pero en Tailandia... que animalada, que incultura, que barbaridade. Ou tamén non se alporizan da mesma forma coa pena de morte nos Estados Unidos. É que Tailandia está alá no quinto carallo e son como son. Nin punto de comparación cos ianquis. Por certo, a pena de morte é un cancro que tiña que estar máis que erradicado en todos os países do mundo. Pero non podemos coller de escusa tal atrocidade para querer converter a un asasino nun mártir.

Se ese tal Daniel Sancho fixera, por exemplo, unha sopa cos membros que cortou, seguro que habería algún medio de comunicación que diría que o pobre españoliño tería fame. De verdade, nunca vin tanto esperpento nun asunto destas características. Intentar culpar, buscarlle as pulgas a un país porque a un paisano noso se lle deu por asasinar e desfacer ou cuartear ó médico colombiano Edwin Arrieta. Sempre fomos un pouco ou un moito de patriotas en causas escuras, quizais para querer demostrar que, coma nós, ninguén. Que despois daquela conquista de América sempre fomos uns benditos; nin Guerra Civil, nin posguerra, nin leite con vinagre.

Intúo que tal difusión e que tal revés informativo debeuse máis ben a que é fillo de quen é. E neste país noso xa se sabe que ser "pelotillas" é case unha profesión; que os famosos ou certas clases sociais estarán sempre por enriba dos probes que tragamos coas voltas da tortilla. Porque os medios de comunicación levan unha semana (y lo que te rondaré, morena) intentando virar as tornas, darlle a volta a unha tortilla que, por certo, non ten volta.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES