Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A seca

miércoles, 16 de agosto de 2023
Ribadeo non ten polo momento restrición de uso da auga da traída, aínda que mira con atención os fortes problemas doutros concellos, como o veciño Barreiros, sobrepasado ano tras ano no verán por un urbanismo descontrolado e unha falta de previsión asociada tamén sen control.

Non, en Ribadeo non temos os mesmos problemas. Temos outros. É raro xa pasar un ano enteiro sen avarías na canalización dende o depósito de Vilarbetote, no concello de Trabada, a uns 17 km de canalización do depósito xeral para Ribadeo, nas aforas da vila, na ladeira de Santa Cruz.

Hoxe fixen un paseo pola zona do encoro de Lexoso. Un lugar do que se colle auga para subministrar Ribadeo. Non o principal, pero alimenta a rede das parroquias do interior, aliviando a presión sobre a toma principal e evitando ter que bombear a máis altura a auga recollida do Eo en Vilarbetote. Vin que os regos que o enchen teñen só un fío de auga. Antes e despois do encoro. No encoro, o seu aspecto medio baleiro con nivel baixo, a máis de colmatado daba a impresión dunha pequena piscina descoidada. O descoido viría de que ó estar o seu vaso cheo de terra/area/lama, a súa capacidade máxima vese moi minguada. En calquera caso, o estanque reforza a súa imaxe co verde das árbores das súas beiras e pode inducir a pensar que aquí non fai falta auga. Ó fin, non estamos na terra dos mil ríos?

A máis do aviso de hai xa moitos anos de que moitas fontes por Galicia adiante estaban contaminadas, das perdas de auga en canalizacións vellas, ou do consumo rampante sen consciencia de que a auga é un ben escaso (a terra dos mil ríos, lembramos) e que necesitamos compartir coa natureza, súmase o cambio climático: o aumento de temperaturas e a moitas veces desapercibida evaporación, e a diminución da chuvia en moitos lugares, xunto co aumento da irregularidade na caída. Contaminación que tende a aumentar pola presión humana. Perdas de auga que non diminúen se non hai un plan de mantemento inexistente en moitos lugares. Aumento do consumo que só se ve limitado ou de xeito cosmético ou pola falta cada vez máis evidente. E cambio climático planetario que está acelerarse xunto coas súas consecuencias, sexan diminución de chuvia ou variación de réxime de pluviosidade.

Hoxe a seca non é só un ocasional dito dos labregos para os que non chovía a gusto de todos e enfrontados ó falar dos cidadáns e veraneantes que escapaban da choiva vivificante. É unha realidade que tende a quedarse un ano si e outro tamén, coa que hai que aprender a convivir pero tamén e ó tempo que se dan os pasos para tentar evitala no futuro. O noso impacto sobre o planeta está a sobrepasarnos, e dun planeta salvaxe, tras estragalo, non nos queda outra que coidalo como un xardín: o único salvaxe que queda sobre o planeta somos nós.
Gregorio Montes, Antonio
Gregorio Montes, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES