Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

1 de Marzo: A morte do fraguismo e o novo trunfo do bipartito

jueves, 05 de febrero de 2009

Aínda que o título semella querer vender a pel do oso antes de conseguila, parece -parece...- que os populares non van recuperar desta volta o poder en Galiza; ese poder que mantiveron varias lexislaturas ata o remate da era Fraga. Acabouse Don Manuel e o fraguismo residual está nas últimas. Despois de desaparecer de maneira fulminante o patriarca e que os seus achegados xa non digan del nin mú; agora acábase o fraguismo, “borrosa historia de paternalismo e miragrería” dunha clase política “irrelevante, que abrigou a esperanza de que o vello patrón gañase a súa derradeira batalla despois de morto”, ata chegar á situación actual na que todo o que soe a fraguismo é puro lastre e “o monopolio do PP pasou a mellor vida”. As frases entrecomiñadas non son miñas, días Xosé Luis Barreiro Rivas desde a súa “Torre vixía” nun xornal galego.

Barreiro Rivas pode falar disto con coñecemento de causa, pois fora o demo maior para Manuel Fraga hai uns anos, despois de ser o seu prometedor delfín no goberno en Galiza. Daquela, o político de ascensión fulgurante estaba aburrido e anoxado da política decadente do seu partido -os populares que pasaron da AP ao PP-, decidiu romper a súa disciplina e formar parte dun goberno tripartito co PSOE, o PNG (hoxe no seu espacio natural, cos nacionalistas do BNG) e a xa desaparecida COALICION GALEGA. Alí entrou Barreiro como vicepresidente, tendo a González Laxe como presidente, a González Mariñas como Conselleiro da Presidencia e a Peña (o seu colega do PNG) en Pesca; xuntos cos socialistas Sineiro en Agricultura e Presedo en Territorio, etc... Foron só dous anos, pois nisto chegou Don Manuel e ... “acabou a diversión”.

Tocado de morte o vello fraguismo, cunha dereita sen recambio e cun líder sen carisma -a pesar do super “Feij009” dos carteis-, semella que na escena política galega o bipartito PSOE-BNG vai ter doada a reelección. O PSOE sigue a ter escasas raíces, pero “Touriño presidente” xoga coa inercia ao seu favor; e aínda que non todos “son Anxo Quintana”, o a sociedade galega xa foi descubrindo que o nacionalismo do BNG non é a intransixencia que outros pregoaron e, a pesar do desgaste polo poder e as contradiccións que ocasiona, pode presentarse como a reserva de aposta sincera por Galiza, a orixinalidade creativa, e optimismo que compite limpamente polo poder.

Con todo, ao bipartito cumpriralle non confiarse demasiado. Fálase dunha alta abstención, e de xente que non desvela o seu voto nas sondaxes; e nisto corre coma nos testamentos: o que val é o último, o que dea como resultado o 1 de marzo.

En todo caso, “pase o que pase”, como diría Rajoy, pode que nada sexa igual despois destas eleccións. Ben polo novo goberno dun bipartito agora consolidado que saiba superar intelixentemente as súas disensións polo ben do país, ou porque volva o PP a San Caetano (Deus nos colla confesados!).


Pérez Prieto, Victorino
Pérez Prieto, Victorino


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES