Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pepe Seijo

lunes, 14 de agosto de 2023
Vïmonos hai días; el cara unha pausa de café; eu facendo camiño. Sempre, un sorriso. E este luns, coma un lóstrego, a nova da súa morte.
Pepe Seijo
Sempre me sorprenden os amigos que se me van sendo máis novos; neste caso, case vinte anos. Seijo disimulábao coa barba e as canas, con horas e anos de traballo, con entusiasmo e dedicación, logrando parecer maior do que era. Estaba en todo e, polo tanto, sabía de todo; axudaba a todo.

Eu sei ben que o micrófono crea adicción insuperable por ser a conexión directa entre o mundo real e o posible; é un ser vivo que como calquera planta ten raiz, talo e follas intanxibles para absorber do profundo a esencia, ampliala e transformala en enerxía no talo e espallala polas follas nunha incrible función benéfica, salvífica, libertaria…

Pero o micrófono, para estar vivo. necesita a enerxía vital de devotos que saben da súa función social salvadora. E esíxelles devoción infinita. Os tópicos falan de morrer "coas botas postas" ou "ao pé do cañón". E ás veces comprobamos que non só poden ser verdade, senón que son exemplo vital e puntos de referencia.

Estou certo que se Pepe puidese elixir momento de ascender ao destino das almas boas, escollería o locutorio de directo de Radio Lugo, aillado polos auriculares, empuñando un micrófono por se precisaba agarrar algo coa forza da vida.

E un que respecta ao micrófono como poucas cousas materiais deste mundo chora ( e admira, envexa e aplaude) ao compañeiro que se nos foi cedo, ao mencer, madrugando para entrar no alén dando novas ledas dos que aquí quedamos; para comprobar que como dicía Díaz Castro "Deus da boa fada aos ollos namorados que chegaron abertos ás portas do mencer".
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES