Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

martes, 15 de agosto de 2023
O vestido da percha

El non tardou en velo a través da ventá. O vestido. Era bonito. Dunha cor azul tirando a verde ou dunha cor verde tirando a azul. O vestido tan só podía ser dela. Ese vestido tan só o podía levar ela. Estaba colgado dunha percha ou alcándara, preparado para caer sobre o corpo dela.
Pingas de Orballo Desde ese momento foi el o que desexou ser colgadoiro. Non lle importaría por uns días, ou por sempre, converterse nun obxecto inanimado. Con tal de que caia sobre si o vestido dela. El, agora mesmo, deixa que colguen sobre a súa cabeza os instantes e os momentos nos que ela os use para vestirse... baixando o vestido polo seu corpo, acariñando a pel, sentindo o suave contacto como a melancolía dunha canción. El baila con ela e co vestido facendo ondas coma os bambáns dos soños.
El soña con ela. A través do vestido. E sabe que a elegancia dela deitará sobre as olladas del, que as costuras serán versos que riman a puntadas e que os ollais, as botoeiras serán como os suspiros del que penetran para acougar sobre o peito dela, sobre a cintura dela, sobre as nádegas dela, sobre as coxas dela, sobre a esencia dela.
El nota, a través da ventá, que o vestido se move, se bambea. Son os latexos del que baten con ansia e estremecen o aire con forza e moito desexo. El ansía o momento de que ela o descolgue, se ispa e o poña. Mentres, o silencio empreñará de emoción e o tempo deixará de pasar. Porque hai momentos nos que os desexos se volven eternos.
El segue o seu camiño e o vestido segue colgado e esperando baixar polo corpo dela.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES