Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Isto é o que hai...!!

viernes, 11 de agosto de 2023
Nestes días postelectorais, é moi frecuente nos faladoiros dos bares observar como as persoas fan uso da linguaxe mímica e xestual, encolléndose de ombros para dar a entender que o resultado das eleccións do 23-X non satisfixo a ninguén, e isto refórzano coa expresión ISTO É O QUE HAI...!!. Algo así que resulta incorrixible, unha teimosa realidade que o cidadán debe soportar. E como se expresan os sentimentos cando se fala e as ideas quedan para cando se escribe, precisamente por iso, me propoño ofrecer algunha nesta colaboración. A ver se podo fuxir da polisemia das palabras, valéndome do contexto, para evitar ambigüidades.
Permítanme recordarlles que para Ortega e Gasset pensar é dialogar coa circunstancia, e se queremos entender o que se nos quere significar co sintagma "isto é o que hai...!!" temos que situarnos no contexto de quen o está utilizando, porque o individual está inserido no social, e aquí está matizado cun xeneralizado descontento xerado polas eleccións celebradas o 23-X, que socialmente deixou unha sensación dun certo desaguisado, porque parece que se pretendeu levar á sociedade, descarnada e inoportunamente, á salvagarda de intereses moi particulares, sacrificando os xerais fundamentais.
O Dr. Agís, no segundo volume da súa obra ANATOMÍA DO PENSAR, páx. 335, ofrécenos esta cita de Johann Gustav Droysen, destacado historiador alemán, "o individual compréndese no conxunto, e o conxunto compréndese desde o individual". Extrapolo esta idea da interpretación da historia aos faladoiros postelectorais nos bares, non certamente pola rigorosa aplicabilidade, senón para facilitarme dar a miña modesta opinión con máis precisión, e tratar de desentrañar que pode entender o falador polo sintagma "isto é o que hai...!", para así determinar como o comprende o grupo, considerando que representa o sentir e entender xeral da sociedade.
Soemos refuxiarnos no ideolóxico cando as razóns de certos comportamentos decisorios individuais fraquean, aínda que non pertenza ao mundo do determinado, senón da liberdade. Polo tanto, se queremos expresar co sintagma referido algo INEVITABLE, creo que deberemos analizar os motivos contextuais que levaron á persoa que ten atribuída a competencia de convocar as eleccións, neste noso país, incluso, neste caso, no momento menos oportuno, escatimándolles aos cidadáns o tempo necesario para que maduraran as reflexións despois dunhas eleccións municipais, e algunhas autonómicas, con resultados bastante embarullados e acordos contraditorios cos principios presentados aos electores. Pois ben; polo escaso tempo para dialogar coas circunstancias, certamente complexas, vímonos envoltos nun provocado ambiente neboento, que só serve para avivar tendencias sociais e históricas aderezadas cunha avesa e truculenta decisión que neutraliza, evidentemente, a operatividade das capacidades verdadeiramente eloxiables da mesma afoutada persoa, facendo un uso delas que se aproxima máis á truculencia que a un elemental e esixible comedido comportamento.
Permítanme que utilice unha cita de G. Mura, tamén ofrecida polo Dr. Agís, nas páxinas 331-332, da súa obra indicada máis arriba, do seguinte teor literal: "a hermenéutica prerromántica e romántica desenvólvese toda sobre a base dun principio fundamental do idealismo, segundo o cal non é posible o coñecemento de calquera realidade SEN TER XA PRESENTE, DALGÚN MODO, ESA MESMA REALIDADE NA CONCIENCIA, OU SEXA, SEN UNHA PRECOMPRENSIÓN DESA REALIDADE." (As maiúsculas son miñas). Traio a aquí esta cita, a ver se nos leva, cando menos, a comprender o sentido do sintagma, compartido polos integrantes dos grupos, con independencia do encadramento ideolóxico de cadaquén, como exemplaridade do alcance paradoxal que se deriva da expresión dunha solapada opinión por discordante cos compromisos ideolóxicos.
Pero, por suposto, non todo o que HAI é incorrixible. Os seres humanos somos causantes de parte do que HAI, incluso manipulamos a causalidade no mundo do determinismo. Reflexionemos sobre a actividade humana como causa da ebulición climática que nos afectou no mes de xullo, e segue. Esta manipulación de tan específica causalidade está inserta no mundo da liberdade do home/da muller, e, por iso, dela derívanse responsabilidades. Consideremos, pois, ata que punto somos responsables do QUE HAI, no sentido que lle estamos dando no sintagma que comentamos, abrindo canles a unha serie de contradicións incompatibles cos principios que inspiran a boa gobernabilidade desta nosa España, historicamente convulsa: alcaldías con un solo concelleiro/a, e aspirante a presidila mercé a hipócrita colaboración de quen nega a súa realidade histórica.
Se primeiro nos encontramos cunha REALIDADE que está no mundo, como un PRIUS respecto ao SER (Zubiri), en "isto é o que hai...!", co que nos encontramos é con que "o que hai" é unha realidade creada no mundo no que impera a nosa liberdade; pero, en canto tal realidade, está definida pola RESPECTIVIDADE, posto que, en termos zubirianos, ningunha realidade É o que É, senón referida, en canto real, ás demais, que non hai que confundir con ningunha conexión externa, xa que, como di Zubiri, "ao seu modo de realidade pertence intrinsicamente o ter que estar VERTIDA ás demais cousas", páx. 137, da súa obra "Sobre la realidad". Nisto consiste a "respectividade", que como precedente fundamenta toda relación.
Podemos, polo tanto, concluír que estamos en presenza dunha real DI—VERSIDADE (de DÚAS VERSIÓNS, enténdase ); pero,neste caso, derivada da mesma realidade do sintagma cotifado, coa inherencia das correspondentes responsabilidades, desveladas na linguaxe mímica e xestual, que transmite un certo grao de inevitable aceptación, sen ocultar o desacougo da situación. Sobre todo, atendendo isto, os afiliados nos partidos deberían ser máis coidadosos en evitar propostas de candidatos dubidosos para asumir as esixencias inherentes as responsabilidades implicadas na suposta elección. E xa que estamos en presenza dunha realidade creada por nosoutros mesmos, talvez sería mester controlar as súas coñecidas versións, para evitar un devir reiteradamente incorrixible da mesma, valéndose de sumas con sumandos heteroxéneos.
Só aos españois nos faltaba comprobar que mentres uns quebran a coherencia do discurso co que se presentaron ás eleccións, os outros seguen dándolle ao balado do progresismo, complicando a posibilidade de que "isto que hai" poda ser corrixido cun pragmatismo ben orientado, que non parece esperable dos que se oufanan ata a ridiculez coa teimosa insistencia de que só eles son progresistas, evidenciando que descoñecen que para progresar é mester integrar todas as dimensións da persoa humana, que é a destinataria do progreso, e isto esixe un consenso que non parece que se derive da suma de elementos heteroxéneos.
Así, pois, se o home é o destinatario do progreso e se descoñecen as súas dimensións e, incluso, se botan de menos algunhas delas, como se evidenciou en praxes anteriores, non presenta boa cara a vontade de corrixilo, e menos cos que parecen descoñecer que CO PARADIGMA "EPISTÉMICO" CAMBIA O ANTROPOLÓXICO, e, se as capacidades "epistémicas" que integran a corrección aniñan nunha bazofia de heteroxeneidades, o correspondente desconcerto no antropolóxico é inevitable.
Desta maneira só se pode esperar que, "o que hai", seguirá existindo, e non o dubidemos, se a sociedade non se apresura a evitalo.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES