Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

viernes, 04 de agosto de 2023
Cea, boi, cea

Púxenme diante e collín o touro polos cornos. Penso que quería botarse a min. Sabía que se me daba unha topada non contaba o conto. Eu quería contar tal conto. Collino polos cornos e non o deixei mover. É máis, tiña que intentar que retrocedese. Cea, boi, cea. Non moveu nin un pezuño. Mirámonos ós ollos intensamente, firmemente, profundamente. El debeu notar a determinación nos meus que bufou un pouco. Cea, boi, cea. Pingas de Orballo Nada. Na miña ollada xa non había determinación; estaba chea de carraxe. Cea, boi, cea!, xa lle berrei. E, ó mesmo tempo, fun eu o que lle dei unha porrada a el no medio da fronte. Asustouse un pouco, que mesmo quixo remover a cabeza. Non soltei os cornos do touro.
Noutro cea, boi, cea caín na conta de que lle chamara touro ó principio, pero tan só foi pola expresión de "coller o touro polos cornos". Con quen estaba lidando ou batallando nestes momentos era, efectivamente, un boi. Ou sexa, un touro castrado, que se emprega como animal de tiro. Para min, os touros son eses que asasinan os asasinos vestidos de luces (luces si que non teñen ningunha), e, segundo o RAG, son os mamíferos macho ruminantes, da familia dos bóvidos, de corpo grande e forte, cabeza grosa con dous cornos, pel dura, pelo curto e rabo longo, que pode ser salvaxe ou doméstico.
Este era boi, doméstico, pero con algo de mala sangue, mal intencionado. Aínda así o fixen recuar, retroceder. Cea, boi, cea, E vaia se recuou. Marchou por onde viñera. Agora, eu, máis orgullo que un pavo real.

Unha aposta

Podo escribir os versos máis tristes esta noite. Escribirei un pequeno relato, e o asunto vai que chuta. Tampouco é plan de poñerse tristes por querer imitar a Neruda. O mellor que podo facer é marchar á cama e durmir. Durmir porque estou esgotado. Esgotado precisamente de non durmir, e non por traballar. A ver se me explico.
Levo un mes, catro días, cinco horas e os minutos que pasen mentres escriba polo menos isto. Todo consistiu nunha aposta. Porque o ser humano é moi propenso a Pingas de Orballo ser de papo cheo ou a poñerse moi ancho en calquera circunstancia, parola e egocentrismo. Estabamos a falar (no bar, onde se non) do que durmiamos uns e outros. Que se por quebracabezas, que se por ver televisión, que se por escoitar a radio, que se por facer "os deberes", que por se tantos cafés, e así un rosario, un feixe de dixomedíxomes que nos foron afoutando, encoraxando e, ó final, xa non sabiamos quen a botaba máis grande.
Pois eu son capaz de non durmir durante meses, soltei. Primeiro fíxose o silencio e, despois, asomaron as gargalladas. Gargalladas que, co paso do tempo, tornaron a xestos de preocupación e de asombro. Os amigos róldanse ou aquéndanse por noites e días para comprobar que non me durmo. Sei que en calquera momento pasarán da aposta, porque un mes, catro días, cinco horas e os minutos que pasen ata que admitan a derrota son suficientes para aburrir ós máis insomnes e ós máis espertos.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES