Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Celeiro, Amor da mar

jueves, 27 de julio de 2023
A Carlos Adrán Goas con gratritude de amigo.

Escribía nun dos últimos artigos que o mar é un cimeterio de bágoas, e engado agora aquelo tan coñecido de Jorge Manrique: "Nuestras vidas son los ríos/ que van a dar en la mar, / que es el morir/..." O que nos avisaba xa de dúas cousas: A nosa fugacidade e o fin que nos espera.

O mar é ise cimeterio onde moitos dos nosos afundironse na procura do pan dos seus e, dese xeito , reafirman aquela fermosa e tristeira estrofa de Curros na cántiga “ Nunha noite na eira do trigo” cando dí: “ e un cadrave no fondo do mar”.

¿E pregunto cántos? O mar sigue a ser camposanto de moita xente, ladrón dos nosos seres queridos, o eternos leito e leira de soños e esperas. E, sen esquecer ós nosos, cómpre ser solidarios para evita-las traxedias das xentes das pateras, onde xa non se repara nin no número nin se quer ter memoria. Necesario é, sendo tan cristiáns como dicimos, botar unha man de axuda e comprensión a tanto necesitado, e ben poidera sere un bó escapulario da Virxen do Carmen un bote salvavidas.

O mar é a terra que aran os barcos nos que traballan os amigos. Un ceo onde agochan as bágoas de milleiros de home dispostos a loita e a mil sacrificios, sen reparar en perigros, sempre coa proa disposta para acadar o pan dos seus.

Aló foron Meiriño, o Pata, Xuxo do Berecho, Riquipoli, Xuxo o barquillero, o Riqui sacristán... e ¡tántos outros! Cantidade, e sobre todo calidade, de eles. Xentes homildes, sinxelas, fieles compañeiros, xenerosos ata a extenuación. Homes valientes, feitos de madeira de buxo, fortes, amigos sen fronteiras, exemplos de bonhomía e pais namorados da muller e os fillos. Son de tal xeito todo eles que só Meiriño mereceu, coa súa humildade e xenerosidade, mareas de loubanza i eterna gratitude de moitos de nós. Porque él simboliza ós meus ollos a esencia da xente do mar. Xentes sempre dispostas para o duro traballo, xa no Gran Sol, na Mercante ou nas plataformas. Homes con cerna de seixo e coa sensibilidade que amosan as súas excelentes voces nos cantos de taberna das nosas parrandas no tempo de lecer. Xentes que camiñan escorando, que levan as maus cheas de feridas e de callos, xentes que pasan medo, homes ós que o mar molla de cotio, rapaces duros como os ferros que agochan a ialma no silenzo, soñadores que verten pola borda os seus anceios, románticos capaces de amar sempre, silandeiros namorados das súas veciñas, sempre sin dicir chis, solteiróns por oficio e timidez...Eles non piden nada, dan o que teñen, sempre dispostos para a axuda e pola contra dispostos a recibirte con amplo sorriso de fraternal camaradería.

Doe e chora a ialma, os anos, a morriña, a distancia... agora que xa o tempo fixo a súa desmesta e voaron aqueles anxeliños, mentras lembro os tempos nos que vivir era amar arreo. Eles, xa outros, sempre se sacrifican por axudar, disculpan erros, e sorrín só coa túa presencia.

Mais, se o mar é duro e fero-aínda aparecen diante os meus ollos os cadraves da galerna do 61 ou a traxedia da fábrica de Alonso- dura tamén é a espera, a incertidume, o non saber nada dos maridos e os fillos que levan moitos días de marea; duro é ser mai e escoitar a radio e oir falar de mal tempo e calar para non asustar a crianza; anguria é ter noticias dos teus polos veciños; ver medrar os fillos sabendo que seu pai está lonxe e non coñocelo, porque él está no mar chouzando con olas e temporais na procura dise caro pan dos seus.

Celeiro vive no noso corazón porque, como diría o amigo cura Carballo Ferreiro, é a nosa cerna, o recuncho máis profundo do noso ser, porque é consustancial a nós, porque é a ubre do noso pan, a mau que nos axuda a camiñar, a despensa que nos alimenta, a patria dos amigos, os recordos dos tempos de lecer, o porto da arriba dos seres queridos, o lugar onde un aprendeu a namorarse, o sabor do mar que necesita a ialma, o paseo que reconforta o noso outono, a ledicía do noso vivir... ¡ Son tántas cousas!

E sendo tántas as cousas, e sabendo que o corazón nos ten fronteiras, cómpre salientar que cada persoa somos fillos dunha terra, irmaus dunha xente, amigos dos nosos, compañeiros dos que non coñocemos, solidarios cós que sofren, sexan no Gran Sol ou no mar de Alborán. Porque o mar, sendo espello do ceo, non é máis que unha inmensa leira onde os labregos mariñeiros chouzan, co corazón como ferramenta, trais ise soño que está no Alén. E diso o mariñeiro sabe un cacho largo. Non, non hai sireas, senón duro e perigroso traballo. Así que sorte, paz... E disfrutade dunhas fermosas e felices festas coa nosa gratitude para quen as fai posibles. Sempre con vós e agradecido polo voso pan.
Timiraos, Ricardo
Timiraos, Ricardo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES