Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Outra Alba de Gloria

miércoles, 26 de julio de 2023
Onte foi o noso día, o día para recordar, confirmar e afirmar que temos un xenio distinto, nin mellor nin peor, non somos nin superiores nin inferiores. Quizais, por iso, nunca celebramos máis conquistas que as que veñen do propio xenio: os libros e as cancións das amizades, cadros que gardamos no corazón como reliquias, estampas de épocas que non queremos repetir e un longo etcétera que non collería en todas as albas que enchen Galicia.

En Alba de Groria, Castelao fai o último acto de afirmación do seu ideario. É un exercicio derradeiro de coherencia vital e de memoria sobre unha terra que nunca máis ía volver ver pero que ninguén lle pode prohibir imaxinar e, por suposto, inzar nas máis belas palabras do noso idioma. Así vai traendo ao seu presente exiliado as paisaxes das catro provincias e, con elas, aqueles irmáns que cada 25 de xullo celebraban unha festa étnica que os situaba no mundo. Pouco a pouco van xurdindo foguetes e alboradas e nese maxín Castelao lembra que "sen ti perpetuamente estou pasando nas maores alegrías, maor tristeza".

A partir de aquí, o noso autor maior opta pola imaxinación e convoca aos nosos maiores referentes comandados por Prisciliano. Pouco a pouco, aparecen San Pedro de Mezonzo, Xelmírez, Martín Códax, Pardo de Cela, Rui Xordo e, por suposto, o Rexurdimento en pleno con Rosalía, Curros e Pondal á cabeza. Como nos di o propio autor, crea unha Santa Compaña de inmortais que lle veñen confirmar a existencia por insistencia dunha Galicia que nunca se deu por vencida e, por iso, nunca a puideron vencer. Galicia, como dixo Novoneyra cando non pode berrar asubía e isto faina invencible porque quen quere impor nunca sabe conquistar conciencias e é na conciencia onde fica para sempre a semente. Esa semente é moito máis intelixente que o impositor, sabe gañar falando baixiño, é dicir, sabe manter viva e transmitir a tradición e a lingua esquivando as absurdas leis do impositor.

Hoxe Alba de Groria pódese encontrar en calquera librería, incluso hai uns anos foi editada pola Xunta. Todos eses que no seu día malgañaron a vida como censores, deben saber que aínda que cotizaran por eles o seu traballo non valeu para nada e nada é o que lle deixan aos seus semellantes porque hoxe vivimos na Alba de Castelao e homenaxeamos a todas as persoas que tiveron que pensar en silencio para non caer nas poutas destes tristes "profesionais".

Nesta Alba de Groria, os nosos son semente. Aqueles que venderon a alma ao diaño simplemente son esterco. "Pacos Pixiñas" que cómpre non esquecer para identificalos se o demo os quere resucitar.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES