Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Os humidais, fontes de vida

lunes, 02 de febrero de 2009
Como cada ano conmemoramos este 2 de febreiro o Día Mundial dos Humidais, unha data coa que lembramos a celebración da Convención dos Humidais (ou Convención Ramsar), na cidade iraní de Ramsar. Este ano reflexionamos sobre o manexo das concas hidrográficas baixo o lema “Augas arriba- Augas abaixo”, é dicir, sobre como repercute en todos nós as actividades dos que viven augas arriba e de como as nosas actividades repercuten nos que viven augas abaixo. Non deixa de ser un bo motivo de reflexión que, levado máis alá, é unha metáfora da propia vida.

Por todo isto é tan importante sensibilizar e dar a coñecer as particularidades dos ecosistemas acuáticos, a súa especial sensibilidade e fraxilidade e as poboacións de fauna e flora que albergan. Cando falamos de humidais falamos tamén de lagoas, arroios, ríos, pantanos. Todos temos contacto nalgún momento con algún destes sistemas, polo que todos deberiámonos implicar na súa conservación para as xeracións vindeiras.

No Concello de Pontevedra temos a enorme fortuna de dispoñer de fermosos humidais. Un deles é a Xunqueira de Alba, de gran importancia pois é o primeiro de Galicia que está en trámites de declararse Espazo Natural de Interese Local (ENIL) pola Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia. É unha iniciativa coa que estou moi ilusionada e que implicará a toma de medidas para a súa xestión tanto no ámbito natural como de lecer. A Xunqueira de Alba é un espazo moi valioso polas súas características de ecosistemas de rica diversidade e produtividade biolóxica e que alberga especies animais e vexetais acuáticas e terrestres. Especialmente reseñables son as aves catalogadas polo Catálogo Nacional de Especies Ameazadas o Catálogo Galego de Especies Ameazadas e a Lei 42/2007 do Patrimonio Natural e da Biodiversidade.

Como exemplo de aves a protexer e cuxa presencia temos documentado co último estudo realizado podemos nomear a Folosa acuática (Acrocephalus paludicola), especie globalmente ameazada e que é tamén o paseriforme mais ameazado da Europa occidental, o Papoazul (Luscinia svecica) e a Pernalonga (Himantopus himantopus), catalogadas como vulnerables. Tamén podemos atopar especies en perigo de extinción na súa poboación nidificante como a Avefría (Vanellus vanellus) e a Becacina (Gallinago gallinago).

Todo este patrimonio natural quedará debidamente preservado en canto a ENIL sexa unha realidade con forza xurídica. Pero, como dicía antes, iso non impedirá o goce deste fermoso espazo ás portas mesmas da cidade, posto que nos plans de usos deixaremos previsto que poidan desenvolverse actividades de observación de aves, educación ambiental, tanto para escolares como para a poboación en xeral, e xornadas de anelamento, entre outras.

Non quero falar só da Xunqueira de Alba porque este concello posúe concas hidrográficas tan destacables polos seus valores naturais e paisaxísticos como o Encoro de Pontillón de Castro, o río Lérez, o río Rons, o Almofrei, o río Verdugo e a enseada de San Simón e, o gran descoñecido, o río Gafos, o outro espazo proposto pola Concellaría de Medio Ambiente Natural para ser declarado ENIL na provincia de Pontevedra.

Por moitos destes espazos húmidos tivemos o privilexio de pasear e aprender durante os últimos domingos no marco do programa de camiñadas “Natureza nos Camiños”. Foi unha experiencia magnífica da que aínda nos queda a guinda da visita ao arquipélago de Sálvora, no parque nacional das Illas Atlánticas.

Non quero rematar sen antes destacar o traballo que estamos a facer para estimar o balanzo de emisión-captación de gas carbónico no marco do cumprimento do protocolo de Kyoto, iniciativa na que somos pioneiros en España. Estes días tiven o pracer de falar co catedrático Felipe Macías, unha institución nacional neste campo, e o goce de aprender un novo dato que ven moi a conto neste día: os humidais, e moi especialmente as xunqueiras, son uns magníficos sumidoiros de dióxido de carbono, unha obra mestra da natureza que, dalgún xeito máxico e incomprensible, anticipouse á nosa soberbia.

Celia Alonso Caramés, Concelleira de Medio Ambiente Natural do Concello de Pontevedra.
Alonso, Celia
Alonso, Celia


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES