Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Cuestións (fantasías?) relacionadas coa IA

viernes, 21 de julio de 2023
Son moitos e destacados os intelectuais que dedican boa parte do seu tempo a abordar os problemas inherentes a todo o relativo á Intelixencia Artificial (IA.). Uns reais, outros racional e razoablemente esperados, e outros máis, que parecen froito da capacidade inventiva da imaxinación. Pretendo deixar os primeiros implícitos, por máis coñecidos, e apuntarme aos, por agora, fantasmagóricos, e digo "por agora", porque non é a súa realidade, NECESARIA E OBXECTIVAMENTE, imposible, por moitos atrancos que lle vexamos SUBXECTIVAMENTE. E quero tamén pedirlles, máis que un esforzo, unha entrega na atención para a mellor comprensión deste modestísimo artigo, que, por abordar esta temática, son consciente das dificultades que comporta o contido do mesmo.

Tales cuestións (fantasías?) ben merecen, para ir familiarizándonos coa temática, ser comentadas, partindo de que so é imposible o CONTRADITORIO; pero todo o CONSISTENTE é posible, loxicamente. Polo tanto, vou intentar, valéndome das opinións e argumentos dalgúns intelectuais dedicados a esta temática, ofrecerlles uns poucos elementos de xuízo que nos avalen esa consistencia, xa que, cando menos na imaxinación, están formando parte da nosa cultura e inciden no pensamento filosófico dunha maneira especial, dando lugar a algunhas preguntas suficientemente coñecidas, tales como estas que seguen: É posible que un sistema informático avanzado teña unha mente consciente e, incluso, uns sentimentos?. Pódese reflexionar sobre as consecuencias que comportaría unha Intelixencia Artificial Xeral (IAX) para a relación do ser humano co mundo en xeral?. Ata onde están xustificadas certas actitudes antropocéntricas e antropomórficas?. Poden xustificarse nalgúns casos singulares, aínda que non en xeral?.

Sería conveniente, para empezar, evitar que a realidade-actual non nos impida adquirir unha visión comprensiva da realidade-posible. Poño un exemplo. Consideremos algo tan real-actual como un automóbil autómata que circula ao través dunha fenomenal pasaxe sen decatarse da súa beleza. En cambio, o home/a muller quedan admirados da beleza da mesma. Pero esta realidade, por moi habituais actitudes que active e sentimentos que esperte, non debería impedirnos comprender outras situacións sobre as cales non se da esta suposta, nas que o aparato robotizado ofrece máis precisión.

Traiamos agora á reflexión o ANTROPOMORFISMO e o ANTROPOCENTRISMO COA IA. Por antropomorfismo, entendemos, recollendo o esencial dos estudosos, o acto de atribuír trazos ou capacidades humanas ás entidades non humanas; e por antropocentrismo, o acto de situar o ser humano no centro dalgúns aspectos sen ter necesariamente en conta os humanos como os máis importantes ou superiores. Isto en sentido débil; pero en sentido forte, debe ser entendido como poñerse os humanos no centro, considerándose os máis importantes no mundo, por ser superiores.

Non parece razoable crer que os seres humanos somos algo así como a coroa da creación, porque, incluso, poden existir outros seres no Universo dotados de sentidos que sexan superiores a nosoutros; pero isto non impide que, nalgúns casos, estea xustificado e sexa razoable poñer o ser humano no centro, considerando a situación como un exemplo de antropocentrismo débil. Nin debería ser xustificable "antropomorfizar" como funciona un algoritmo, aínda que este, cando é de aprendizaxe profundo, semella similar operativamente ao ser humano, se ben existen diferenzas significativas na estrutura das redes "neuronais" en comparación coas biolóxicas, e teñen fallas que a aprendizaxe humana non ten. Isto acúsase, por exemplo, cando se trata de recoñecer unha cousa, un obxecto, xa que os robots necesitan moitos máis datos que necesitaría un neno para identificar un obxecto.

Por outra parte, no que respecta a probar a existencia da conciencia, o antropocentrismo débil estará xustificado, posto que non se coñecen outros seres que podan mostrar tales probas de que neles exista; pero non procede descartalo, xa que imposible esa existencia por inconsistencia contraditoria non parece que sexa. Por isto non é aconsellable manter un antropocentrismo forte. Espero, pois, que o lector valore esa distinción entre forte e débil, porque facilita os razoamentos, algo que se non se pon en práctica pode levar a pensar que se trata dunha arbitrariedade do articulista.

Introduzamos agora algúns supostos dos casos de AXI e ASI, é dicir, Intelixencia Artificial Xeral e Intelixencia Artificial Superior. Sobre elas tamén cabe preguntar como se relacionan co antropomorfismo e antropocentrismo. Hai que partir da posibilidade de crealas e traelas a existencia, porque, por agora, son REALIDADES-POSIBLES, NON ACTUAIS. Non obstante, creo que non son fantasías desde a nosa perspectiva actual humana, posto que non parece que haxa ningunha contradición que se opoña a súa posible existencia, e razoar sobre a súa posibilidade existencial é conxecturar polo que vamos sabendo da robótica, non fantasiar, dando corda larga a imaxinación sen precedentes que o xustifiquen.

No caso da existencia dunha AXI, os humanos nos encontraríamos con outro ser da nosa creación, intelixente, consciente de si mesmo e con capacidades superiores as dos humanos. E, consecuentemente, xa se esfumaría a nosa ilusión antropocéntrica. James Lovelace, investigador norteamericano, suxire que a creación de AXI sería o comezo dunha nova era na historia da humanidade, que levaría consigo o final do ANTROPOCENO, dando comezo ao NOVOCENO. E sería pertinente pensar aquí ata onde a realización dunha máquina coas habilidades AXI, incluso de creación humana, leva consigo o feito de que os humanos non podamos nin debamos seguir sendo antropocéntricos no sentido máis forte. Pero tamén comportaría cuestionarse hasta onde isto nos conduce á deshumanización.

Soe traerse así mesmo a este xogo o PANENTEÍSMO, que xa Krause o define como a teoría que afirma, non a identificación do mundo e Deus, senón a realidade do mundo como mundo EN Deus, e os tratadistas actuais considérano como o divino, que non comporta necesariamente a ningún Deus, pero é transcendente e maior que o mundo, referíndose a unha transcendencia na inmanencia do mundo, de tal maneira que entre o mundo e o divino hai unha relación mutua, que afecta a ambos. Non é esta unha forma de teísmo, senón máis ben un COSMOPSIQUISMO. É un concepto que elimina o impulso a xerarquizar: Unha realidade pode ser máis ou menos divina, sen implicar forma de xerarquía, o que, segundo algún estudoso, facilita o afastamento do antropocentrismo.

En perspectiva relixiosa, existen teoloxías, como é o caso da feminista e ecolóxica, que interpretan esta divinidade omnipresente como o recurso que ten a humanidade para afastarse do antropocentrismo, facilitando a aproximación ao "cosmocentrismo", un enfoque máis adecuado en relación a terra á que pertencemos; tal é a opinión de Sallie McFague, teóloga cristián, feminista, estadounidense. Pero nun contexto cristián tamén se pode interpretar isto aplicando a doutrina do imago Dei (imaxe de Deus) ás relacións humanas co mundo, posto que se os humanos somos creados a imaxe de Deus, tamén, como suxiren algúns intelectuais, as máquinas intelixentes poden ser creadas a imago hominis, e, indirectamente, en certo sentido, a imago Dei. Pois, aínda que o aquí abordado non son cuestións estritamente relixiosas, é evidente que teñen implicacións filosóficas e teolóxicas.

E para terminar, engademos que poderían abrirse canles ás explicacións da conciencia e da "autoconciencia", non só como habilidades humanas, senón tamén como reflexos da divindade, entendendo este termo, neste contexto, sen connotación relixiosa. Máis aínda. Xa non terían sentido certas distincións dualistas, como humano/artificial, ou natural/artificial; e tampouco deberíamos vernos inferiores a un suposto AXI, polas súas habilidades superiores ás nosas, mentais e cognitivas.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES