Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Un ser especial

martes, 18 de julio de 2023
Dise que a historia da Física é un exemplo de como a xente deixamos pouco a pouco de mirarnos o embigo. As ideas pasaron ó longo dos milenios de pensar en leis físicas que rexían para o mundo e outras leis que rexían para nós a pensar en outras que rexían para o noso entorno terrestre e outras para o resto do universo, os 'ceos' daquela apenas entrevistos. Foi un primeiro cambio, para logo ir unificándose unhas e outras e constatar que o que nos afecta a nós tamén afecta a alguén poda estar xirando arredor de Sirio ou a unha rocha dun planeta na Galaxia de Andrómeda. Así parece unha evolución que pasou de ser considerada cada cousa (incluídos nós como cousas) como algo especial a ser todo (incluídos nós) o mesmo, constituído de materia semellante e ó que se lle aplican leis iguais. Parece ser algo semellante, mais o resultado é completamente diferente. A partir de pequenos detalles, mesmo por circunstancias mínimas. Un único grao Celsius de diferencia e atopamos, ben auga quente, ben vapor desa mesma auga. Uns centímetros máis aló ou acó significan estabilidade sobre unha rocha ou a morte no fondo dun precipicio. Atravesar unha estrada uns poucos segundos antes ou despois pode significa ter un accidente ou seguir tranquilamente o camiño ata o destino. E así sucesivamente.

De cativiño é normal sentirse especial. E como especial, sinxelamente, aplicar os particulares criterios de cada quen, axustados en cada momento por exemplo para considerarse o mellor, ou case. En todo. E crer en consecuencia que se en algo son mellores outros, é sinxelamente porque aínda se é pequeno, ou porque unha casualidade momentánea lles impediu ser o mellor naquel instante. Ou ben, que a categoría correspondente non existe ou non paga a pena que exista para un mesmo. De todo iso non fai falta ser moi consciente: 'é' así e listo: o que non cadra, non se considera. Lembro unha anécdota de arredor dos dez ou once anos. Un compañeiro ó que normalmente ganáballe ó xadrez propúxome xogar 'co título en xogo'. Deuse a casualidade de que unha desas partidas 'xogándonos o título', perdín. O compañeiro non volveu 'poñer o título en xogo', e aínda que seguín a ganar a grande maioría das partidas que xogamos, el sempre foi o campión de aí en diante... claro que ó pouco tempo, sen motivo aparente pouco a pouco deixamos de xogar.

Naturalmente, co tempo, imos tomando conciencia e esa sensación pasa. Ó comezo, de xeito veloz, ó medrar imos decatándonosde que si, somos seres especiais, pero noutro sentido. E logo pouco a pouco, tamén de que si, especial, mais iguais de especiais que calquera outra persoa. É unha evolución persoal que se axusta ó dito no primeiro parágrafo. E se non se chega a considerar a igualdade de especiais, é que o proceso non está completo, que 'falta un verán'.

O vello Aldous Huxley, en Un Mundo Feliz ('Brave New World') xa deixou caer nas súas páxinas que un experimento con xente 'mellorada', unha sociedade constituída só a partir de xente dese xeito, tería sido un fracaso... ou sexa, que no mundo 'ten que haber de todo'. Máis ben, diría, hai de todo. Sinxelamente. E iso inclúe as 'razas' (que a nivel humano non son tal, senón diferentes cores de pel nunha mesma raza, a humana), os sexos (diferentes si, pero no sentido de 'viva a diferencia!), o mesmo que outras diferencias, de proporcións ou intelixencia a costumes e ideas.

Aínda que só fose polo anterior, o pretender mandar sen permitir participar ó resto, sería unha mala idea a máis dunha mala praxe: quen o fixera estaría gobernando só para si mesmo. Como moito, algo para o seu entorno máis próximo, de familia, amizades ou intereses, deixando ós demais sen solucións, e polo tanto, á sociedade correspondente sen solucións e con sometemento. Unha sociedade da que se beneficia e sen a que non sería humano. Dende o nivel local ó internacional, cada quen na súa escala. Hai xente á que nin se lle pasa pola cabeza. Mesmo en día de reflexión preelectoral.
Gregorio Montes, Antonio
Gregorio Montes, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES