Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Moi probablemente Deus existe... Goza da vida!

viernes, 30 de enero de 2009
Empezou cun cartel nos autobuses de Londres e xa anda nos de Barcelona e Madrid: “Probablemente Deus non exista. Deixa de preocuparte e goza da vida”. Xerou unha polémica que eu acalaría simplemente quitándolle o Non: “Probablemente Deus exista. Deixa de preocuparte e goza da vida”. Porque a fe en Deus non debe ser -nin o é para moitos crentes- fonte de represión e anguria, senón de paz; leva a vivir tranquilo tentando gozar intensamente da vida sen estragala. “El jueves”, a vella revista de humor, tan implacable cos autoritarismos de calquera relixión, dicíao na portada do seu último número por boca dun sorrinte Deus que protagoniza unha viñeta da publicación desde hai anos.

Parece que a campaña do Non veu precedida en Londres por outra menos coñecida aquí, á que quixo por o contrapunto: “Deus existe. A vida é Cristo”. Estaba promovida por organizacións evanxélicas, os “Cursos Alpha” que tamén ten presencia en Galiza. A campaña atea ten a virtude de lembrarlle aos crentes relixiosos, que Deus non pode ser impedimento para gozar da vida. Levo anos dicindo que a crítica da relixión (Marx, Nietzsche, Freud...) contribuíu a mellorar esta, aínda que tamén lle fixera dano polas súas intolerancias. En calquera caso, cómprenos ser felices, créase ou non en Deus.

O Deus no que moitos/as máis cremos non nos impide gozar da vida, senón que nos anima a facelo, a vivila en intensidade. Evanxeo significa “Boa Nova” e Xesús invita a ser felices, non só alén da morte senón aquí e agora. O malo é a culpabilización histórica, moralista e xuridicista que fixo parte da clerecía despois de Xesús, que a fai culpable de amargarlle a vida a moita xente con normas e dogmas.

Pero a cuestión é, tamén... ¿que é ser feliz e “gozar da vida”?. Se significa desenfreo e hedonismo egoísta, acumular diñeiro, poder e satisfacción a custa dos demais... moitos pensamos que aí non está a felicidade. Pero se significa buscar amar e ser amado, nunha relación respectuosa cos outros-outras e coa natureza, compartir e traballar en paz pola xustiza e a felicidade de todos, tentar vivir en profundidade o misterio da existencia coas nosas limitacións... podemos atoparnos as persoas dunha ou doutra relixión, de ningunha e as que non chaman Deus ao Misterio que está no fondo de cada ser humano e do mundo.

Moitos cremos que moi probablemente Deus exista, e mesmo estamos convencidos diso, a pesar das nosas dúbidas e contradiccións cada día... E queremos testemuñar a nosa fe no Deus de vida que non está aí para amolarnos, senón para axudarnos desde dentro de nós, desde dentro da realidade. Bastantes atopamos a ese Deus na persoa, na mensaxe e na praxe de Xesús Cristo, a plenitude do humano, a plenitude da vida.

Pérez Prieto, Victorino
Pérez Prieto, Victorino


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES