Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

¿E que é a verdade?

viernes, 28 de julio de 2023
Preguntou o gobernador na provincia romana de Xudea: ¿quid est veritas? (Jn 18:38). Hoxe as augas políticas baixan tan turbias que nin paga a pena mentir. Abonda con impedir verificar se un feito é verdadeiro ou falso.

En 2016 o 'Autobús das Mentiras' percorría Gran Bretaña. Cunha cifra pintada: '350 millóns' de libras de aforro semanal fóra da UE. Mentiras, xenofobia e esaxeracións viaxaban no bus. A cifra tramposa ocultaba as que recibía da UE para infraestruturas, investigación, subvencións agrícolas e protección do medio ambiente, hoxe degradado. A sanidade pública, quebrada, aínda espera eses millóns. Os promotores de Brexit sabían que mentían.

As fake news asócianse a Trump, narcisista excesivo e perigo real para as democracias liberais que ameaza con volver. Paradigma de populismo, polarización e posverdade para o tsunami de autócratas. ‘Granxas de desinformación’ favorecen a súa campaña con bulos camuflados como feitos alternativos. Ataca con ferocidade a medios prestixiosos. The Washintong Post, nun contador da vergonza, anotou 30.000 declaracións engañosas. Cando perdeu as eleccións negouse a aceptar o resultado e lanzou aos seus ‘búfalos’ contra o Capitolio. As imaxes do intento de golpe de estado pesarán como unha losa sobre a gran democracia. Aínda hoxe máis de 50 millóns de votantes respaldan a este megalómano que non acepta a alternancia política, norma básica das democracias.

Pandemia de mentiras na arañeira das redes. Chamativos titulares opacan análises pausadas. Pasou no Brasil nunhas axustadas eleccións onde Bolsonaro foi derrotado. Durante días o silencio atronador do presidente non aceptou que a democracia son os votos que se contan. No xigante sudamericano, Lula gañou por dous puntos porcentuais. As fake news protagonizaron a campaña. Seguidores do presidente inundaron de bulos as redes. "Se gana Lula, pechará as igrexas evanxélicas", forza emerxente moi conservadora. Mensaxes de odio despois da derrota. Camioneiros bloqueando autopistas. Manifestantes e algún futbolista despistado pedindo un golpe de estado á porta dos cuarteis, 'para salvar ao país'. As augas volveron ao rego, pero seguen toldadas.

A democracia liberal, 'fin da historia' de F. Fukuyama, resulta que só é un capítulo máis. A democracia está ameazada. Líderes populistas enfermos de autocracia dominan boa parte do planeta. Fronte a eles, a defensa activa e numantina da democracia como en Brasil, como en EE.UU. A saber: dereito ao voto e eleccións libres e xustas, dereitos individuais e das minorías, fe na ciencia, Estado de dereito, separación de poderes, prensa libre e alternancia política. E luces de alerta contra os Pilatos do populismo, a polarización fratricida e os 'feitos alternativos' cando preguntan: ¿Que é a verdade?
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES