Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Roteiro sobre algúns cruceiros e cruces do municipio de Muras, Lugo (1)

martes, 01 de agosto de 2023
Traballo realizado por Fernando Arribas Arias, José Manuel Blanco Prado e Mario Saavedra Pérez. Publicado no "Caderno de Estudos Chairegos". Nº 11. Ed. Instituto de de Estudos Chairegos, Vilalba (Lugo), 2022.

Dedicatoria: Á lembranza do autor e académico galego Darío Xohán Cabana.


I. LIMIAR
Os autores deste traballo explkican moito ben por que o concello de Muras pertence e non pertence á Terra Chá. O que non din eles -pero quéroo dicir eu- é que a inclusión oficial de Muras na Terra Chá, tan pouco evidente dente do punto de vista da xeografía física, tivo polo menos un efecto beneficioso para o concello, que foi o de ser, por obra e graza do etéreo Plan de Comarcalización de Galicia, incluido no Proxecto Carboeira no que tanto tempo, tanta ilusión e tantos zapatos leva gastado o meu amigo Fernando Arribas.
Cando naceu o proxecto, aló polo 1993, difícilmente podían adiviñar o meu amigo e o seu colega José Manuel Blanco que algúns anos despois terían que ampliar o seu propósito de inventario e estudo dos cruceiros da Terra Chá a estas terras ásperas das serras da Carba e do Xistral aque, viradas de costas contra o Miño, verten as súas moitas augas cara ó Eume, o Sor, e o Landro.
Mais non lles houbo parecer mal a alarga das súas angueiras, pois este antemural da Terra Chá que lle podemos chamar ó concello de Muras é terra fermosísima, coa grandeza senlleira dos seus montes e a dozura brava dos seus vales, cos seus fríos pasteiros onde pacen as vacas ceibas, coas súas aldeas grises e severas, coa súa linda capital onde a torre das campás está lonxe da igrexa, irmandada co Burgo da outra banda do Eume, bela ponte por medio...
Despois de todo, tampouco non son xa terra chá propia Vilapedre ou San Simón da Costa, concello de Vilalba, por onde é cousa boa para un chairego entrar a pé no concello de Muras, ou por mellor dicir na parroquia de Balsa, pola Ponte Vermuz, sobre o Eume que aínda anda en cueiros. Xa case non hai xente por alí. A cruz que antes estaba no adro, agora subiu para o cumial da estraña igrexa, que aínda se conserva algo románica e ten unha imaxe de Santa Bárbara metida nunha furna do frontal.
O Viveiró! Toxo brañego, uz e queirogas para chegar a un dos lugares a onde ía meu avó facer os seus tratos de bestilleiro: son para min as memorias dos contos na cocina en altas noites de inverno da hai xa medio século. El -meu avó, o Salustiano de Mercador- aínda vería no campo da feira o cruceiro que agora está no adro da igrexa. Encrucillada de camiños, terra de saudade.
Pero Silán é sitio aínda máis estraño, lugar máxico en terras do alto Landro. O mellor dos cruceiros deste libro debe ser -digo eu- o cruceiro da igrexa de Silán, coa súa simbólica caveira baixo dos pés do Cristo. Cruceiro, igrexa, reitoral e cemiterio forman un áspearo conxunto gris, dunha beleza cruel. O cemiterio, cos seus panteóns de cantería, algúns con soberbias esculturas, é seguramente un dos máis impresionantes de Galicia.
Confeso que lle teño envexa a Fernando Arribas e mais ós seus colegas. Eles percorreron longamente as vereas e corredoiras da Terra Chá e das súas alargas, e con infinita paciencia e atención foron construíndo este tesouro, este arquivo enorme que é o Catálogo de cruceiros da Terra Chá, obra de grande utilidade para o coñecemento e a protección -ogallá!- do noso patrimonio material. Mais non é propiamente a obra admirable o que lles envexo, senón máis ben o longo proceso de facela, de descubrila, de inventariala: o andar e ver as nosas terras chás procurando os cruceiros do Alto Miño, e aínda por riba traspasar a Serra da Carba, botarse a camiñar aquelas terras montesías divididas polo Curiscado, o Montouto e o Bustelo entre as cabeceiras de tres ríos, abrir debidamente os ollos e censar con toda exactitude os cento dezasete pequenos monumentos que sinalan os adros, os encontros e as encrucilladas de Muros, do Burgo, de Irixoa, da Balsa, do Viveiró, de Silán, de Sisto e de Ambosores. Cantas fermosas tardes de ouro, e que bo resultado!.
A Fernando Arribas, a Jose Manuel Blanco e a Mario Saavedra -último incorporado ó equipo- debémoslles o coñecemento sistematizado e exhaustivo dos cruceiros da Terra Chá, e agora tamén de Muras, longo labor de amor que os fai acreedores á gratitude de todos os que amamos a nosa terra material e a cultura do noso pobo. Con traballos así - lentos, pacientes, humildes, teimosos, namorados- algúns bos e xenerosos van construíndo muros contra o esquecemento e a destrucción.

Darío Xohán Cabana
As Chousas de Romeán, xuño do 2009.

II. Algúns trazos históricos e xeográficos do municipio de Muras

O municipio de Muras está situado na zona noroccidental da provincia de Lugo. Dende mediados dos anos noventa (1) forma parte da comarca da Terra Chá. Delimita cos seguintes municipios: Ourol, ao Norte; Xermade e Vilalba ao Sur; Abadin e o Valadouro ao Leste, e o municipio coruñés das Pontes de García Rodríguez ao W. Dista de Lugo, capital provincial, uns 62 km.
A nivel demográfico, a poboación no século pasado tivo unha estabilidade ata comezos dos anos corenta, que foi o intre no que acadou o máximo de poboación (3378 habitantes). A partir desta data comezou unha constante emigración, primeiro a Sudamérica e, logo, aos países de Europa Occidental, que ía repercutir dunha maneira relevante na poboación adulta máis nova. Isto vai ocasionar unha caída da natalidade e, tamén, un continuo avellentamento da poboación. Esta na actualidade segue nun continuo descenso. Así, no ano 2021 (2), o municipio posuía unha poboación de 611 habitantes -301 mulleres e 310 homes- repartidos en oito parroquias (3), que ocupan unha superficie de 163,82 km2.
Dende unha óptica topográfica podemos sinalar tres zonas coas súas pecualiaridades. O curso alto do río Eume, que se caracteriza polas súas pendentes moderadas. A Serra do Xistral, que se extende polo Leste do municipio e forma limite cos de Abadín e o Valadouro; posúe altitudes, que chegan aos mil metros. Finalmente, a Serra da Carba, que polo Sur establece limites co municipio de Vilalba. Estas serras ademaís de amosar un relevo moi complexo forman divisoria entre as concas do Eume e o Miño; e os ríos da vertente cantábrica, como o Landro e o Sor. Tanto o Landro como o Eume nacen na Serra do Xistral; pola contra, o Sor constitue o límite occidental co municipio de As Pontes.
Con respecto á productividade do municipio é de vital importancia o sector agropecuario orientado á producción do gando bovino. No obstante, a industria alcanza certa importancia debido a unha serie de empresas como Plásticos Ferro S.L; Hypor España GP SA; Técnica de Envases Pequenos TEP SA; ER2 envasado con retorno y reutilización SA. Tamén, é mester salientar a relevante aportación deste municipio nas enerxías renovables e máis concretamente na producción de enerxía eólica, grazas as inversión de Iberdrola, Acciona, Ecyr y Norvento.
A nivel histórico, os achádegos encontrados neste municipio remítenos a poboaamentos paleolíticos (4), megalíticos (5) e castrexos (6). No obstante, os documentos escritos máis antiguos pertencen ao século XII, data na que se fai alusión a "Casa Forte de Muras", hoxe "Fraga do Castelo", que segundo Manuel Murguía pertencía aos Condes de Lemos (7). Na etapa do Antigo Réxime houbo unha xurisdicción nestas terras, que estaba administrada polo bispo de Mondoñedo. Os seus límites eran moi coincidentes cos do actual municipio, agás o Coto de Silán, onde os señores Bermúdez de Castro eran os donos da "Casa de Silán", señorial e antiguo pazo que tiña un importante prestixio en toda a bisbarra. Xa no século XIX, fundouse o concello de Muras no ano 1835, incluido ata o ano 1965 no partido xudicial de Viveiro e, logo, nos de Mondoñedo e Vilalba, figurando na actualidade neste último (8). Polo demaís, neste municipio debemos salientar tres datos de interese: a "feira do poldro e gando do monte", que se celebra dende hai uns trinta anos o cuarto fin de semana de setembro no Monte de A Gañidoira; "a romaxe artesá da Chaira", que ten lugar no mes de Maio; finalmente "a feira de mel de Montaña", que se leva a cabo a terceira semana de Novembro no Viveiró.

NOTAS:
1. A nova división comarcal de Galicia foi establecida no Decreto 65/1997 de 20 de Febreiro
2. Segundo o I.N.E. (Instituto Nacional de Estadística)
3. Ambosores, Sta. María; Balsa, Sta. María, Burgo, Sta. María; Irixoa, San Xián; Muras, San Pedro; Silán, San Estebo; Sixto, Sta. María; e Viveiró, Sta. María.
4. Abrigo de Vidal, Chan de Cruz, Xistral.
5. Medoñas de As Louseiras e o Burgo.
6. Castros Picheira, Paredes, Castro de Xalgaiz, Castro del Coto.
7. VÁZQUEZ CERNADAS, María del Carmen.: "Muras", en Galicia, pueblo a pueblo, Santiago de Compostela: La Voz de Galicia. Xunta de Galicia. 1993, páx. 830.
8. EQUIPO "IR INDO". GUZMÁN LÓPEZ, Cristina; IGLESIAS PÉREZ, Montserrat; MIRAMONTES CARBALLADA, Angel; e outros.: Galicia en Comarcas. Terra Chá e Meira, Vigo: Ed. IR INDO, 2005, páx. 123.
Blanco Prado, José Manuel
Blanco Prado, José Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES