Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

jueves, 06 de julio de 2023
Nun pesebre

Son o fillo da Consuelo, a do Loureiro. Miña nai pariume ás cinco da mañá no presebe dos becerros. Unha hora antes baixara á corte porque oíra bruar moito a un xato e quixo saber que pasaba. Logo de asegurarse de que non había nada estraño, chegáronlle as dores e non lle importou parir entre os dous pequenos becerros; un deles con tan só poucos días de existencia. Ela mesmo pensou que a vida atraía á vida.
Pingas de Orballo Non sei se foi polo lugar de nacemento, pero de cando en vez, brúo coma un becerro, principalmente cando toca a hora de comer. Tamén moi a miúdo falo con eles e, iso si, a sesta bótoa sempre á súa beira. Os dous xatiños xa me teñen cariño e eu quérolles moito.
Aínda sen bautizarme, todo o mundo me chamaba Eliseo e, polo baixiño, O Loureiriño. Contan as crónicas dos poucos veciños da aldea que era moi riquiño. Era de bo levar, sen moitos choros, sen dar traballo para comer e durmindo a perna solta. Que raio, era o orgullo da casa dos da Toupeira. Así se coñecía a toda a miña familia de parte de pai.
Ó saír da escola tamén seguía na miña cabeza o meu lugar de nacemento: os deberes facíaos no presebe mentres os becerros merendaban os seus mangadiños ou mañizas de outono. A táboa de multiplicar memoriceina con eles. Multiplicaba un número por tal outro e, unhas veces un xato e outras outro, cos seus bruídos cantábanme os resultados. Tamén eran listos de carallo.

Problemas

Quixen merendar espiñas de bacallau e dixéronme que me podía atragoar. Merendei cirolas de Madagascar. A min dáme igual. Para comer nunca tiven problemas. Nin para comer nin para nada. Son un home que non teño problemas. Nin os causo. E se os causo, é sen intención. Entón, que cada pau terme da súa vela, ou cadaquén que atenda ó seu
Pingas de Orballo Non teño problemas porque nada fago, nada digo e, se escoito algo, fago coma que non oio. Para que buscar problemas? Co ben que se vive coa preguiza aniñada na alma. Problemas os ten quen os busca. Eu non movo un dedo para nada. Por veces, mesmo non fago de comer para que non se produza o incendio na cociña. E debido a que como de todo, non me importa comer de seco ou rillar as espiñas de bacallau. A xente pensa que podo afogar atragoado, pero rílloas ben rilladas e todo baixa.
Hai xente que sofre porque ten problemas. Eu déixoos deitados nun colchón de follas de millo e son ás chinches e ás pulgas a quen se lles bota o mundo encima. Nunca tiven problemas, non teño problemas e sei seguro que nun futuro nunca terei problemas. Sei vivir a vida sen problemas.
Por que me vou angustiar por isto ou por aquilo? Non lle fago caso a isto nin a aquilo e vivo coma Deus manda. Problemas os ten quen non sabe vivir. Eu vivo ben. Merendo, ou xanto, ou ceo cirolas de Madagascar ou paxaros de Portugal e xa me sinto un Sabina celestial. Problemas? Quen dixo problemas?
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES