Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Compás social: A Mobilidade da poboación rural dispersa

viernes, 23 de enero de 2009
Tradicionalmente entendíase a sociedade rural como un ambiente sedentario, unha poboación inmersa nunha cultura con pequenas tensións pero sen grandes conflictos, unha vida parsimoniosa ao compás dos ciclos da natureza. Estas imaxes, aínda que persistan nos libros e nalgunhas mentes, na realidade concreta desapareceron. Se asexamos a Galicia rural é doado comprobar que unha boa parte da poboación está en permanente mobilidade de ida e volta os centros urbanos. A observación directa e as estatísticas oficiais deixan constancia deste comportamento en crecente expansión. De forma especial determinados grupos do medio rural disperso intensifican eses desprazamentos para traballar, estudar ou divertirse nun entorno comarcal cada vez mais amplo. Esas mobilidades, sen dúbida algunha, acumulan sutís efectos sociais na conciencia colectiva, nas expectativas individuais, nas actitudes e comportamentos tanto da poboación rural como da urbana.

A itineranza intensiva dalgúns grupos rurais
A simple experiencia rutineira móstranos ese silencioso e constante ir e vir dalgúns colectivos do mundo rural ao medio urbano e viceversa. Os grupos mais visibles son os traballadores con desprazamento diario, os estudiantes de tódolos ciclos transportados diaria ou semanalmente, os mozos e mozas percorrendo as rutas do lecer de fin de semana, os profesionais cualificados do ensino, da sanidade e doutros servicios locais que desde as grandes cidades desprázanse regularmente as pequenas e medianas vilas rurais. As estatísticas oficiais e algunhas investigacións particulares recollen algúns detalles e matices deste fenómeno de mobilidade espacial de ida con volta.

Os traballadores campesiños desprazados
Os traballadores campesiños levan xa moitos años trasladándose diariamente a un emprego cada vez más distante da súa vivenda, convertendo esta viaxe de vaivén nunha crecente rutina ao compás da mellora das vías de comunicación e posibilidades de trasporte rápido. A maioría deses desprazados practican a pluriactividade, traballando tamén na facenda familiar no seu tempo libre e mesmo nas horas de descanso. Esa separación entre lugar de residencia e traballo tivo, segue tendo, unas consecuencias considerables: acelerou a motorización do medio rural onde, segundo o censo de 2001, un 70% das vivendas tiñan coche, un 20% das familias xa dispoñía de dous vehículos e un 5% de tres ou mais. Esta itineranza abriu un abano de relacións sociais con grandes expectativas. A disciplina do traballo asalariado impúxose e dalgún xeito eses traballadores experimentaron nas súas carnes que, mais aló da inmediata autonomía campesiña, existía un mundo interdependiente de intereses complexos. E así naceron novas relacións, novas participacións, novas identidades e solidariedades.

Os desprazamentos dos estudiantes
A segunda ondada de desprazamentos apareceu na década dos anos 70 coa concentración do ensino primario nas vilas ou lugares estratéxicos. As discusións pedagóxicas sobre os efectos sociais daquela decisión política foron no seu día enormes. Despois de trinta e tantos anos o resultado está claro e decantado para moitos mestres os que preguntei: para a vida das parroquias rurais foi un desastre, pero os nenos gañaron en tódolos aspectos. Poucos anos despois implantáronse novos centros de ensino secundario en vilas nodais; e un amplo estrato de rapaces rurais seguiron cos necesarios desprazamentos para acadar o bacharelato ou unha formación profesional. Avaliar os efectos sociais desta mobilidade resulta realmente complicado: os adolescentes descobren outros horizontes en tódolos frontes educativos e vitais, pero a súa vez parece estenderse entre eles unha mentalidade envolvente de fuxida do traballo campesiño e do medio rural. Tamén se implantou a costume de moitos universitarios de retornar a casa familiar cada fin de semana. Ese feito posiblemente teña efectos contraditorios: por un lado o universitario rural mantén a proximidade afectiva coa familia, mais dalgunha maneira non acada nin asimila en profundidade a cultura do mundo universitario que se desenvolve nos días de descanso e lecer.

As rutas da diversión xuvenil
Os desprazamentos de fin de semana de numerosas “tribos rurais” polas rutas da diversión é un fenómeno social de gran calado que xa ten un longo percorrido. Sen dúbida algunha, é moito mais que unha simple diversión. Estudar a súa evolución e consecuencias sociais en tódolos frontes é unha tarefa apaixonante que en boa parte está sen facer. Está en xogo a simbiose da cultura rural coa urbana que vai a rexer nun futuro, xa en alborada. Ese encontro fundirá valores do medio rural cos elementos predominantes da cultura urbana. Confiemos que nesta fusión predomine a sínteses dos mellores valores das dúas experiencias culturais, a urbana e a rural.

Profesores e funcionarios en movemento
O desprazamento nos días laborables dende as cidades a vilas de moitos profesionais do ensino, da sanidade e doutros servizos locais, mobiliza a un número considerable de persoas. Esta mobilidade supón uns custos económicos, uns esforzos e molestias que dalgún xeito eses traballadores desprazados compensan con axustes familiares, mellores posibilidades de servizos públicos na cidade e maiores oportunidades para a educación dos fillos. Visto desde a perspectiva das vilas rurais, este vaivén laboral convertese nun evento con luces e sombras: o contacto destes profesionais cualificados coas vilas rurais onde traballan é só epidérmico, ocasional e provisional, situación que mingua o despegue e consolidación dunha vida social e cultural estable nesas pequenas vilas de paso.

Facendo camiño ó andar
Estas breves reflexións sobre a mobilidade da sociedade rural galega, especialmente da poboación dispersa, son unha pequena mostra de cómo se fai camiño ó andar. As comunidades das parroquias rurais levan preto de cincuenta anos de permanente e silencioso baleirado demográfico, proceso posiblemente en parte necesario; pero, antes de que se chegue a unha “desertización verde” sen retorno, a sufrida xente do medio rural está mostrando formas de adaptarse a economía de mercado, diversificando as ocupacións e lugares de traballo sen necesidade de abandonar a vivenda rural. Se os poderes públicos facilitan as vías e medios de transporte rápido, se os diversos sistemas de telefonía e internet superan a situación actual de illamentos, deficiencias e parches; se, en resumo, os servizos públicos e condicións de vida do medio rural se aproximan as do mundo urbano, entón a sociedade rural galega librarase dun cambio por derribo que algúns pesimistas prognostican.

Xenaro Pérez López, jenaro@safcb.com

Pérez López, Xenaro
Pérez López, Xenaro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES