Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Tirano Parderas e as Bruxas

jueves, 22 de enero de 2009
ESPERPENTO HISTÓRICO LOCAL

Na cidade do nabo o tirano asomábase á ventá do salón de actos solemnes do Pazo Presidencial. El poríase sempre nun lugar ben visible do balcón para que a xente vise os seus movementos efeminados. O tirano tiña os trazos dun ditador, perfectamente recoñecibles: Obsesión polo mando, faccións brutais e absurdas e aparecía arrodeado doutros que semellan pola vestimenta (todos de negro) as sombras macabras dunha corte de falanxistas, xendarmes, poetas lambecús, maliciosos e románticas. O tirano sacaba o peito iniciando o discurso.
Viva España!... –dixo.
Viva!... –dicía a xente.
Viva España!... –volvía dicir.
Viva!... –volvía dicir a xente.
Viva Parderas!... –dicía a xente.
Vivaaa!... –dicían os lambecús.

O tirano estaba subido e erguía os brazos como se fose un emperador romano.
Estimadas freguesas, que vou dicirvos eu, o que vedes cos vosos ollos, que son o tirano máximo, o césar, o empera-dor (aplausos) e que estou na mellor forma para gobernar. Xa vedes como me sosteñen as pernas (o tirano sostense só nunha perna); en fin, que os anos non pasan por min. Esta é a última vez que pronuncio este discurso, de aquí en diante comezarei con outro que todos xa estades desexando oír, pero nunca escoitaredes o da miña despedida porque quero seguir amañando este país para non deixarlle ao meu sucesor, que será un membro da miña familia, unha herdanza moi pobre, porque este é un país pobre (bágoas da xente); pero os pobres xa o coñecen e adáptanse ás circunstancias, porque saben que aquí estou eu, coma un salvador, coma un home enviado por Deus, preparado para sacrificarme por eles e por elas. Desde aquí, neste Pazo Presidencial, seguirei a gobernar rodeado destes funcionarios que son coma fillos para min, uns tíos moi bos, e que hei dicir das funcionarias, unhas santas! e dos seus maridos, tan bos e submisos! Xa vedes o ben arrodeado que estou, así que votade: Tirano Parderas!, porque queredes que siga gobernando e ademais é o que eu desexo até que de vello, morra -dixo o tirano.
A xente aplaudiu ata rebentar durante case unha hora.
Agora que xa sabemos algo do tirano presentarei á bruxa ou a Dosinda que así se chama. Ela comezou no oficio cando era moza. A señora Manuela, unha meiga que lle sandou a caída do pelo con merda de pomba díxolle que se asemellaba a ela porque tiña os ollos azuis, o fociño longo e era loura, entón podería gañar a vida exercendo de curandeira, de feiticeira ou de bruxa. Con esas calidades Dosinda comezou a frecuentar a mestra dúas ou tres veces por semana e especializouse en fogo salvo, sombras e aires, o mal de ollo, envexas e en adiviñar de onde provén o mal, ademais de devolverlles a saúde ás persoas e ás bestas. Dosinda tamén adquiriu coñecementos para manipular as herbas medicinais e para saber como son as forzas da natureza que se atopan condensadas nas árbores, nos camiños e nas pedras. Dominou as artes e as formas de cocer o pan, asistiu a cerimonias en lugares especiais e pronto empezou a exercer a súa ciencia nos mundos visíbeis e invisíbeis, transformando pensamentos, etcétera, todo amalgamado cun don imprescindible do poder das palabras.
Dosinda asiste ao discurso do tirano. Cando este remata vai á misa e aproveita para confesarse, pois Dosinda ademais de meiga é beata.
-Ave María Purísima –dixo Dosinda.
-Sen Pecado Concibida dixo o crego-. Que pecados tes desde a semana pasada, muller?
-Moitos non, só teño pensamentos –dixo Dosinda.
-E que pensamentos? –dixo o crego.
-Pois con homes –dixo Dosinda.
-E duran moito eses pensamentos? –dixo o crego.
-Pois cada día duran un pouco máis –dixo Dosinda.
-Logo cada día ten que pagar un pouco máis de penitencia! Hoxe pregue un Pai Noso máis ca onte, e mañá un de cada máis ca hoxe, e así todos os días. Cando máis pense en pecar, máis rezos ata que non saia da igrexa –dixo o crego.
-Pero Padre, se a outra vez preguei trinta e tres oracións e estiven tres horas e media, hoxe hei de estar catro horas e media, e mañá hei de estar cinco! Non me pode facer un descontiño? –dixo Dosinda.
-Non, mentres pense en pecar! –dixo o crego.
-Pero Padre, se eu non penso en pecar, eu só penso en fornicar! –dixo Dosinda.
-É o mesmo...! Muller! É o mesmo...! –dixo o crego saíndo ás carreiras do confesionario como se fose un tránsfuga arribista e borrachón.
Como dixen ó principio o tirano é un fornicador e pasa a vida ensabado con mulleres, de cama en cama, en vez de aprender a ser un bo orador parlamentario. Ao tirano gústanlle as mulleres novas, pois a súa lexítima está ennegre-cida, ten moño e os ollos da cor do carbón, non se sabe se pola pintura ou polos golpes que lle deu a vida. O tirano ten verdadeiras liortas, balbordos e acaloramentos con ela. A avoa chora coma unha cativa e advírteo que vai liscar da casa; el co estómago regado en alcohol dille que teña valor para levar a cabo as accións coas que ameaza. AO día seguinte, cae prisioneiro entre unhas suspendidas tetas que reciben ao tirano coma a un amigo que chega sen recursos buscando refuxio, ofrecéndolle a súa vida, e o tirano refrégalles a cara coas súas repugnantes barbas.
A muller do tirano, é un melodrama con efectos especiais, palidece buscando un remedio para que o pendón do seu marido lle volva ser fiel. Sae á rúa co xesto turbado e escapa da xente coma un culpable escapa da xustiza, e un día, levada por un impulso cego e sen saber onde se encontra...
Por unha porta aparece a meiga, unha vella porcona en zapatillas, arrodeada de gatos, cos pelos enrolados e os ollos tan roxos que semellan vir do lume. A súa poderosa figura de alma en pena fala con voz airada usando xestos de trastorno.Toman asento nun cuarto todo desorde-nado e comezan a parrafear.
-Non sei se é un soño ou é vostede, excelencia, a nobre dama –dixo a meiga.
-Pois si, son eu, só lle pido para me pór ben que me dea un vaso de auga –dixo a ennegrecida.
A ennegrecida cóntalle o seu drama á meiga e pregúntalle se coñece algún remedio ou se sabe dalgunha apócema para darlla ao marido sen que se dea conta, a ver se consigue traelo ao bo camiño.
-Así que vostede só prega para que Deus lle axude a remediar o problema? -dixo a meiga.
-Pois si, só! –dixo a ennegrecida.
-E pensa que só pregando o vai conseguir? –dixo a meiga.
-É o que me di o confesor –dixo a ennegrecida.
-¿Sabe o que penso...? –dixo a meiga.
-Pois se non mo di...! –dixo a dama.
-Penso que o seu home prefire facerse unha palla antes de fornicar con vostede! –dixo a meiga.
-¿Como di vostede iso? –dixo a dama.
-Porque o sei! –dixo a meiga.
-E por que o sabe? –dixo a dama.
-Porque son bruxa e seino todo! –dixo a meiga.
-Daquela tamén saberá como remediar o meu problema? –dixo a dama.
-Imos probar a ver. A vostede viuna unha meiga ruín cando casou co tirano e meteulle no corpo o mal de ollo –dixo a meiga.
-Téñenme moita envexa, sobre todo as miñas amigas! -dixo a hipócrita.
-Xa, muller, xa! Agora vai comezar un tratamento para quitarlle o mal da envexa, e así o seu home ha de se fixar en vostede e prestarlle máis atención. Senón dá resultado volva verme de seguida –dixo a meiga.
-Moi ben, pois dígame logo o remedio! –dixo a dama.
-Ten que facer unha apócema amatoria con mazás, figos ou plátanos, e cando ande de mes mesture o sangue menstrual con viño e déallo a beber na cea, así o seu home perderá o sentido. Cando pase unha tempada mandareille a Dosinda e a el apeteceráselle se non está curado, porque ela é fermosa e é unha muller moi quente. Vostede encarga-rase de proporcionárllela entrevista -dixo a meiga.
A ennegrecida marcha convencida e disposta a darlle a curación ó marido e a facer todo o que lle mandara a bruxa.
Pasados os días, o tirano recibe o tratamento tal e como ordenara a meiga, e chega o día en que hai que comprobar a eficacia do mesmo, mandando a Dosinda como gancho, para saber se o tirano aínda desexa a outras mulleres.
O día da entrevista chega e Dosinda, moi fermosa, pasa ó despacho do saído. Este espazo escénico pode ser unha habitación decorada con moito luxo, badoco, con douradas lámpadas, anchas molduras e demais floreos. Digna do benemérito cacique. Unha bandeira da Nai Patria detrás, etcétera.
-Ave María Purísima –dixo o tirano.
-Sen Pecado Concibida. Vostede tamén confesa? Porque eu só o fago co crego –dixo Dosinda.
-Algunhas veces e segundo a quen; para iso son un enviado de Deus a salvar da miseria a este pobo. Acaso non notan que son case invisible! Acaso non saben que non se pode falar comigo, coma se fose Deus! Acaso non ven que só me deixo ver nas igrexas! –dixo o tirano.
-Pois é verdade. Logo se quere que me confese, pois adiante –dixo Dosinda.
E Dosinda confésase como facía sempre.
-Vostede ten moitos pecados e terá que pregar toda a noite –dixo o tirano.
-Non cre vostede que Deus é moi esixente! –dixo Dosinda.
-Isto que dixo custaralle máis rezos! Así que veña a pregar, que xa quero vela pregando! –dixo o tirano.
-Pero eu quero fornicar, non pregar, xa llo dixen ó crego moitas veces! –dixo Dosinda.
O tirano sae do despacho igual que noutra escena saía o crego do confesionario, correndo coma se os perseguira o diaño esaxerando desmesuradamente os xestos e dicindo: pregue, pecadora, pregue...
Manuela e a Dosinda pensan que o tirano está curado e dinllo á ennegrecida. Esta ponse moi contenta pero el segue sen lle tocar. Así pasan os días e a dona, outra vez desesperada, volve ver a meiga.
A bruxa estaba maquillada de xeito e semellaba unha estraña figura, labios azuis e fundidos; cabelos fláccidos, gris pálido; pel verdosa e horriblemente lívida. Faccións duras e severidade aquili-na. Nunha das estancias ardía lume e había un caldeiro enriba da cociña. O lume reflectía nos ollos da meiga e víanselle acendidos e brillantes. Da súa boca saía un ameazador ruído.
-O tirano é un lambón, andou tras da Dosinda para seguila confesando, dicíndolle que só se lle perdoaban os pecados se pagaba penitencia na cama. Eu non podo facer nada, de todos os xeitos vaia ver a Dosinda que ela ten máis liberdade ca min.
A ennegrecida, asesorada pola meiga, asina un pacto co demo firmado con sangue e letra para conseguir favores malignos. A meiga lévaa a cerimonias nas que o señor dos infernos imprimía a marca do sapo no ollo esquerdo dos aprendices e quitáballes sangue debaixo do dedo maimiño. Lévaa ás misas comungar cousas de cor negra nas que hai que bicar o demo nos collóns e participar en orxías sexuais, nas que os homes se trans-forman en mulleres e as mulleres en homes, bebendo, cantando e proferindo insultos ata o amencer. Calquera desexo ilegal lle sería atendido con seguridade, pois a dama faise forte nos traballos de maxia. Axudada pola meiga despezan un lagarto vivo en nome de Lucifer ao que lle arrincaron os ollos, que envolven durante sete semanas nun pano negro. Despois a ennegrecida méteos nun saco de coiro pequeno e cólgaos do pescozo para non Perdelos. Con só apertar a bolsa coa man esquerda, ó tempo que invoca en nome do demo a todas as potestades secunda-rias do inferno, a ennegrecida consegue todos os desexos.
Así a ennegrecida participa unha escena na que moitos actores, cun grande rebumbio andan espidos. Un dos homes é o diaño, disfrazado, ten cornos. A ennegrecida vai a unha noite de bruxas, as voces que oe ninguén as entende. Abondan os xuramentos. Todos arredor do demo que está diante dunha gran fogueira. Uns beben, outros fornican, outros caen ó chan. Pasan uns por riba doutros. O demo arrodéase de mulleres, pintadas, roxas do lume e da bebida, semellan que están todas rodeando as súas pernas e bicándolle os collóns, bebendo o sangue, etc…
Tirano Parderas non cultiva aplausos cos novos discursos que pronuncia, ás veces parece un visionario, ás veces polémico, e ás veces bocexa. Estrúllase en xestos fronte á masa absurda e estupefacta prolongando cada día máis os discursos ante os cada vez máis insomnes e cristali-zados asistentes que semellan fumadores de marihuana.
Un día a ennegrecida perde a bolsa que colgara ó pescozo e o diaño pasa un recibo de consecuencias dramáti-cas. Disfrazado de home e con chistera penetra no Pazo e apodéraselle do corpo ó tirano causándolle os fenómenos do ramo cativo. O diaño metido xa no corpo do poseso dedícase a observar uns días coma unha sentinela a vida alegre do tirano. Este, que entra e sae do cuarto coma un hipocondría-co, un cuarto a media luz no que hai unha gran cama ocupada por unha pepona que ata un cego pode ver. O tirano despó-xase da bata deixando ó descuberto uns rizados e porcos pelos negros enriba dunha barriga risible e riseira que lle arrastra coma unhas chancletas. A pecadora arrástraselle enriba con movementos de mexedor nun vaivén interminable cuspindo e cantando ata o escandaloso final.

O diaño, cansado xa de tanta farándula, decídese a rematar coa rutina do romántico causándolle un estado taciturno durante o cal escribe grandes poemas de amor chegando a ser máis amable que todo o corpo diplomático; pero esa melancolía inicial pronto se transforma noutro estado de insensibilidade ata que o diaño se fortalece e pasa dun estado melancólico a un estado histérico, blasfemo e violento, nun principio afirmador do propio tirano.
A reacción belicosa do tirano pronto comeza a preocupar a todo o Pazo e por suposto á ennegrecida que non é capaz de traelo ó bo camiño. Esta, alporizada, vai ver a Manuela e cóntalle o que acontece. A Manuela dille que o diaño está pasando factura por ter perdido a bolsa que levaba ó pescozo e que agora andaba solto polo Pazo e era moi difícil oporse ó seu poder.
A estampa do tirano aparecendo e desaparecendo, agora cun discurso con frases curtas, acompañadas dunha música de fracaso, romántica, ou de fazañas bélicas segundo a escena e pronunciadas por boca de babosa: Algunhas poden ser: dereitismo... feixismo... asoballo... ditador... arrepiantes roxos... patria... policía... bícame... virxinal... impúdica... Quedará ás escuras moitas veces, e oiranse asubíos.
A ennegrecida acepta o encargo de quitarlle o demo do corpo ó tirano tal e como lle recomendou a meiga. Poden estar falando nun local calquera: un bar ou mesmo a casa da Dosinda. Se é nesta, as cores da sala na que se encontren serán de mestu-ras de vermello e amarelo, mal entoados e unha decoración de clase media baixa.
-E como sabe que ten o diaño no corpo? –dixo a ennegrecida.
A ennegrecida dille o que lle pasara coa bolsa e tamén o que lle contou a Manuela.
-Calquera que o vexa sae de alí cun arrepío de raios, primeiro comezou estando moi triste, coma nunca se vira e logo comezou a darlles patadas ás mesas, ós vicepresidentes, ós porteiros; na aldea dáballas ás churras, pegáballe ó can e recitaba unha longa lista de blasfemias –dixo a ennegrecida.
-E agora onde está? –dixo a Dosinda.
-Está na cama, na nosa casa da aldea. Está pechado no cuarto porque se o deixamos saír só, amedrenta ata os lagartos –dixo a ennegrecida.
Dosinda, a ennegrecida e o caseiro que teñen na aldea chegan fronte á porta do cuarto do poseso. Entran e ven deitado na cama a un can.
O cuarto da casa da aldea no que está o poseso só se ilumina baixo a luz dunha ventá con rexas que esvara polas paredes mal pintadas dando a impresión dun lugar árido e desolador, máis que un cuarto semella un calabozo con gordas paredes macilentas.
-Dosinda, estábate agardando! –dixo o poseso con pinta de can.
-Pois aquí estou e que Santa Ana que todo o cura e todo o sanda me valla que es ben feo! Toma feitío de home ou de diaño, pois se es un can cun bozo amáñote de contado! –dixo a Dosinda.
-Que Deus nos acompañe! –dixo o caseiro.
-Que se vaian todos de aquí, que quero quedar a soas contigo! –dixo o poseso.
-Liscade que isto é cousa miña! –dixo Dosinda.
-Senón deixas o tirano, demoño, hei de botarte a paus, hei de mallarte cos fungueiros dun carro! –dixo Dosinda que tiña un relicario de auga bendita na man.
-Para que tes iso na man Dosinda!? –dixo o poseso.
Dosinda tiroulle ó poseso o relicario e unhas gotas da auga que tiña na conca.
O poseso ri.
-Ris! Has rir máis cando suban todos a mallarte! –dixo Dosinda.
O poseso segue a rir.
-Vaite maldito da terra, este non é o teu lugar, deixa ó tirano e deixa o seu corpo! –dicía Dosinda.
Os demais estaban tras da porta sen atrevérense a entrar.
O poseso tírase enriba de Dosinda.
Has de arder no inferno comigo! –dixo.
-Non, se xa ardo aquí na terra! –dixo Dosinda.
No cuarto óense berros, laios, xemidos que semellan unha pelexa a morte. Estes sons irán acompañados dunha música axeitada
Agora vese só a porta do cuarto. A ennegrecida e o caseiro semellan estar oíndo.
Tras da porta todo quedou en silencio. Os que están fóra, presos de curiosidade, abren a porta e precipítanse no cuarto para ver o acontecido. Ven a Dosinda tombada na cama e o tirano enriba dela durmido. Dosinda está chea de leite e pregúntanlle que é aquilo branco.
-É que o poseso estivo mamando nunha vaca cando estaba posuído e como botou ó diaño pola boca saíulle o leite da vaca tamén -dixo Dosinda
Desde aquel día todo volveu á normalidade. O tirano cando espertou botou a correr e nunca se soubo máis nada del. A Dosinda nunca lle creron que o diaño ó tirano lle saíra pola boca.
Piñeiro González, Vicente
Piñeiro González, Vicente


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES