Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

martes, 20 de junio de 2023
As ordes da miña nai

A nai dicíame: degraña o millo. Eu degrañaba o millo. Ségalle os nabos ós porcos e eu segaba os nabos. Vai tornar a auga á Barxeliña. Marchaba tornar a auga a ese lameiro que tiñamos en Bouzas. Dálle unha ducia de carrouchos ós becerros e ten conta que non se vaian afogar. Entón, se o carroucho era grande, partíao pola metade.
Sempre facía o que me dicía miña nai. Sempre. Como para non facelo. De tanto mandar, quería que lle pasase algo malo, mesmo que morrese; para quedar libre. Pingas de OrballoCando morreu, chorei por ela. Sempre falo das súas labazadas, pero creo que é porque a boto de menos.
Na miña infancia, todo iso que me mandaba eran traballos odiosos que me consumían moito tempo. Degrañar un saco de millo podía levar quince ou vinte minutos tan só, pero eran quince ou vinte minutos nos que non xogaba nas airas ou polas rúas de Baños de Molgas cos meus amigos. E non digo xa nada dos traballos máis fortes: sega da herba, arada das leiras, seitura, roza de toxos, arrinque de esterco, etc. Os pequenos traballos eran os que máis me mordían a moral. Por iso precisamente, porque eran pequenos e sinxelos, pero que me quitaban tempo.
A recompensa chegaba con aqueles dez ou quince minutos facendo trasnadas ou falcatruadas, ata que a voz estridente de miña nai deixaba escapar aquel Chitooo ou nenooo longo coa correspondente ladaíña de: pasa ou arríncoche a pel! Hoxe gustaríame ter todo o corpo esfolado.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES