Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

De quen é a culpa? A culpa é do cha-cha-chá!

martes, 13 de junio de 2023
"La culpa fue del cha-cha-chá" é unha canción que algúns lembrarán ter oído dende finais dos anos oitenta do século pasado. A fama que acadou nalgún momento ten xustificado o seu emprego en situacións de desastres sen asunción de culpas, como en moitas eleccións ocorre, e seguro que nestas pasadas se ten usado tamén nalgún comentario.

Mais a súa aplicación pode ser moito máis ampla. Así, veuseme á cabeza mirando semana pasada unha nova na que ó tempo que se negaba o feito de xeneralización de inseguridade en Ribadeo -en particular, nocturna-, aplaudíase o incremento, parece que apalabrado, de patrullas de vixilancia no centro urbano (entendéndose que pola noite), e chamábase a atención ós pais pola educación dos fillos -participantes na movida e consumidores nos establecementos- ó tempo que se exculpaba ós locais por producirse ós altercados no exterior, á hora de saída dos mesmos.

O estribillo da canción de Gabinete Caligari repetía "La culpa fue del Cha-cha-chá / sí fue del Cha-cha-chá / que me volvió un caradura / por la más pura casualidad", dando por feito que quen narraba e tiña actuado -'como un caradura'- non tiña culpa do sucedido, dos seus propios actos, que terían pasado 'por casualidade' aínda recoñecendo a súa caradura na historia relacionada coa canción.

Ribadeo non é un lugar inseguro, como xa teño dito e estou de acordo, o mesmo que con que unha medida doada e instantánea nos casos de inseguridade é máis vixilancia. Pero nese punto soe esquecerse de que non ten por que ser a máis conveniente ou efectiva, quitada a urxencia como causa da decisión.

Que os pais poden facer, moitas veces, máis por educar ós fillos, tamén é un feito, o mesmo que que educación e cultura inflúen en que se den menos ou máis altercados, pero que ninguén espere por ese camiño froitos dun día para outro.

Se nos fixamos na nova que relatei en síntese, por unhas ou por outras tenta pasarse da atribución de culpas, máis aló do xenérico, non se vaia molestar a ninguén. E mesmo se exonera delas cando se trata de algo 'de portas a fóra', como se os límites físicos foran impedimento para moitas cousas que non impiden, como se fose imposible que unha pedra chegara a un lugar diferente da man que puido lanzala. Poñendo un par de casos que dun xeito interesado poden antollarse case como impensables, un aquí e outro nos USA, pregúntome se ocorrería o mesmo número de altercados ás tantas da madrugada se os locais cerraran horas antes, ou se morrerían nos USA tantas persoas por arma de fogo se non houbera a permisividade que hai alí para obtelas. Neste último caso, fixeron a lei correspondente, e pola presión de grupos de interese, aí segue, pero a relación entre existencia de armas a man, o seu uso e os efectos que causan está demostrada e é innegable. E, aínda que non cambien a lei, sábeno.

Que todos podemos colaborar, é un feito. Mais asumir que ninguén ten a culpa, ou separar o feito de aglomeracións de xente, ruídos e porcallada asociados, coido que é un erro interesado que evita achegarse á solución.
Gregorio Montes, Antonio
Gregorio Montes, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES