Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Territorio de Gracia da 'Capela do EcceHomo' de Rubián, Bóveda (Lugo) (3)

martes, 13 de junio de 2023
V. A piedade popular Na Capela do Ecce Homo.
Para o teólogo Luís Maldonado a relixiosidade popular que él prefire darlle o
nome de "catolicismo popular" é a síntese dun cristianismo establecido nas poboacións rurais de Europa logo de introducirse nas súas creencias, é dicir, na súa relixiosidade telúrica e no seu estilo de vida agrocultural. Pola súa banda, o antropólogo W.A. Christian evita o uso da expresión "relixión popular" xa que o termo "popular" rematou por connotar o sentido de rural por oposición a urbano; primitivo por oposición a civilizado; tradicional por oposición a moderno... Isto motiva que sexa partidario de falar de relixiosidade local, xa que os costumes relixiosos coas súas semellanzas e diferencias teñen en común á vinculación a un lugar concreto e a un orixe histórico. Finalmente, os antropólogos Gurutze Arregui e Ander Manterola manifestan que a relixiosidade popular é unha das manifestacións da cultura dunha comunidade, que ten como ámbito de estudio o conxunto de crenzas e rituais froito da actividade simbólica dun grupo humano e que o propio grupo humano caracterizou como sagrados e relixiosos.

A relixiosidade de cada pobo, como todo fenómeno vivo, ten os seus trazos especiais. É parte da cultura, dun modo de pensar e de vivir. Para comprendela cómpre ter en conta o pasado, o que na actualidade lle rodea, os trazos do lugar, o estilo das persoas, como viviron o cristianismo, que é o que herdaron dos séculos pasados, que é o que cada unha das xeracións recibiu e aportou. Polo tanto, é popular o que o pobo crea mais tamén o que recibe, asimila e fai propio. Unha das manifestacións da relixiosidade popular radica nos santuarios.

O santuario é un espacio de culto representado por unha ermida, capela ou
igrexa parroquial. A él acoden fregueses da propia parroquia, na que se empraza o
recinto sacro e, tamén, doutras comunidades máis ou menos lonxanas segundo o grao de influencia que exerza o lugar sacro. "El Santuario es un lugar de culto que atrae romeros en ámbito superior al local". Cando os romeiros non pertencen á parroquia, o máis habitual é que veñan o día ou días propios da festividade da entidade sacra, simbolizada no caso que nos ocupa polo Ecce Homo. Estes adoitan acudir ben dun xeito individual ou colectivo para suplicar á divindade a súa mediación ante unha serie de
rogativas de índole material (sandar; obter boas colleitas; rogo polos recen nados...) e, algunhas -ás menos- de carácter espiritual; tamén veñen para cumprir coas promesas ofrecidas, logo de que a entidade sacra lles outorgase as peticións requeridas. "Los santuarios son percibidos como espacios sagrados, de los cuales irradia la salud material o espiritual, y a los que se acude de forma individual o colectiva".

1. A festividade e procedencia dos Devotos
A festividade do Ecce Homo conmemórase os días 14, 15 e 16 do mes de Setembro. Aínda que o verdadeiro día da festividade é o 14, considerase dende hai varios anos o 15 para que non coincida co día da feira da vila, que sempre se realiza todos os 14 de cada mes. Logo, o 16 é considerado como o día local, no que soen participar un bo número de persoas da localidade. Nestes días acoden devotos non só do municipio de Bóveda senón tamén doutros municipios como A Pobra de Brollón, Láncara, Lugo, Monforte de Lemos, O Incio, O Páramo, Samos, Sarria. Antano, familias e grupos de amigos adoitaban participar nas comidas campestres, que se realizaban no "Campo da Festa" e no espazo que hoxe ocupa a estrada, que une Lugo con Monforte. Mesmo os veciños da vila eran moi hospitalarios xa que ofrecían aos devotos, que viñan doutros concellos, as súas casas para pernoctar. Co paso dos anos a romaxe campestre foi decaendo paseniño. De tal xeito, que na actualidade, os devotos e fieis retornan aos seus puntos de orixe, logo de realizar os rituais e ofrendas establecidos entre éstes e a imaxe sagrada. No obstante, hoxe a capela tamén é visitada por devotos/as fora do periodo das festas de setembro.

2. Os pedimentos e as promesas.
Os devotos/as soen vir ofrecidos por diferentes doenzas de índole reumática e articular; e por outros problemas, que perturban o espírito da persoa. Ademais, ás veces tamén acoden ofrecidos por outros fieis, que non poden acudir por causas de índole físico Territorio de Gracia da 'Capela do EcceHomo' de Rubián, Bóveda (Lugo) (3)preferentemente; ou tamén, aproveitan a ocasión para realizar unha ofrenda por algúns familiares e amigos. Este era "un rol", que asumían case sempre as mulleres. "Muitos cumprían promesas por outros familiares, correspondendo dun xeito preferente ás mulleres este "rol", xa que tenden a manifestar atitudes e comportamentos mais orientados para os outros. Son máis altruistas".

No que atinxe a promesa esta pode consistir nun contacto directo e sagrado de forza moral entre a persoa e Deus por medio da advocación cristolóxica do Ecce Homo. "Para chegar con máis seguridade a ese Deus, non sempre persoal, o galego bota man dos santos e da Virxe...". No obstante, tanto os santos como calquer advocación cristolóxica ou mariana non sempre actúan como intermediarios ante Deus, como o define a igrexa, senón que teñen un poder inherente ao seu ser. "O Santo pode ser un ente con poder que lle son propios".

Neste santuario cómpre facer alusión inicialmente a unha dobre interacción entre os devotos e a advocación cristolóxica: así, o máis habitual é que a promesa sexa «a posteriori», é dicir, a entidade sacra outorga a petición ao devoto e, logo, este executa a promesa. Esta modalidade recibe tamén o nome de «ofrenda condicionada». No obstante, hai devotos que levan a cabo unha serie de rituais e ofrendas no intre de pregar a mediación do ente sacro ante un problema determinado; trátase dun cumprimento «a priori», xa que os diferentes rituais e ofrendas teñen lugar denantes de que sexa concedida a petición. Esta forma de relación recibe o nome de «devoción peticionaria». Finalmente, hai devotos que van seguer mantendo unha ligazón co ente sacro debido a que van acudir todos os anos ao santuario en gratitude ao don concedido. Sería, polo tanto, unha ofrenda de acción de gracias.

As promesas máis usuais, que se realizan neste santuario, están ligadas ao cumprimento de diferentes rituais e ofrendas. Os devotos realizan unha serie de rituais, xa que están convencidos da súa eficacia e de que é posible relacionar a súa acción a un sentido valioso para a súa vida persoal. Os diferentes rituais teñen un carácter colectivo ou individual, segundo o grao de participación dos devotos. Tamén poden pertencer a unha liturxia de carácter oficialista ou popular.
Blanco Prado, José Manuel
Blanco Prado, José Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES