Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

As desavinzas ecosociais

viernes, 09 de junio de 2023
Os problemas ecolóxicos cos que se enfronta agora o home e a muller son dunha non desprezable importancia e complexidade, e a súa solución trae consecuencias que, sen dúbida, afectarán seriamente ás futuras xeracións. Estiveron moi silenciados; pero na actualidade ata os ataques do lobo e os descaros do xabaril preocupan aos gandeiros e as autoridades das cidades, polos danos nos xardíns e os perigos para a circulación rodada e viandantes, respectivamente. Parece que, no fondo, está fallando o intercambio da sociedade co seu entorno.

Sen profundar, as formas de vida e a mesma comunicación entre elas establecen importantes distincións de grupos no seo mesmo da sociedade que teñen peculiares cosmovisións, diferentes crenzas, ideais políticos con escalas de valores que dificultan os necesarios consensos e cando se acadan só poñen en práctica, e con retraso, un escaso contido do esixido nas correspondentes regulacións, mediante a promulgación de leis, que impoñen condutas moito máis vinculadas ás matizacións técnicas, que á necesaria sensibilización cidadán, sen cuxa colaboración desbarátanse recursos e réstase eficacia aos esforzos mal empregados.

Si, mal empregados, porque cando se chegou a entender que a ciencia servía para algo máis que coñecer a realidade, empezaron a utilizarse os seus coñecementos para toda clase de usos económicos, políticos, militares, etc., converténdoa nun mero instrumento, que arrastrou a desastres dun alcance verdadeiramente catastrófico, non só na natureza da causalidade, senón tamén na esfera moral, levando as mesmas relacións sociais a unha quebra perigosa, de todo o cal parece que empezamos a coñecer as consecuencias cosmolóxicas adversas, aínda que moitas outras están nos reinos da vacilación e a absoluta ignorancia. E non obstante, situounos aos humanos nun discutible antropocentrismo que nos leva a pensar que, para corrixir os despropósitos ecolóxicos, é urxente traballar intensamente no cambio de moitas mentalidades.

E a isto foise incorporando unha filosofía pragmática, que potencia o FACER E O TER, en prexuízo do SER, xustificando as condutas de ataques ecolóxicos que sexan necesarias para acadar éxitos económicos, despreocupándose das limitacións ecolóxicas, incluso, certas veces, con ostentosas e soberbias actitudes de desprezo das medidas impostas polos organismos oficiais. O estado presente desvincúlase do futuro, impulsando a realización de todo o posible sen respectar as premas encamiñadas a manter unha razoable estabilidade. Son estas actitudes tributarias dunha racionalidade científica utilizada instrumentalmente nos procesos de obtención dos medios necesarios para incrementar o ter, e incluso mellorar as situacións desentendéndose dos efectos ecolóxicos colaterais.

Pero, ademais, existen unha serie de feitos que aínda que semellan ser totalmente alleos as problemáticas ecolóxicas, poden ser considerados como factores que desencadean, ou coadxuvan, a dificultar as solucións adecuadas. Por exemplo, a redución do mundo a todo o observable e capaz de ser cuantificado, porque así todo cae na estrita racionalización científica, e escápase da "razoabilidade" complementaria, debilitando as relacións sociais que tanto ocuparon a atención e o interese filosófico de Habermas. Polo tanto, penso que ben vale a pena de reflexionar sobre a titulación última do Sumario do libro de Daniel Goleman, INTELIGENCIA ECOLÓGICA, que di o seguinte: "Hacer las cosas bien haciendo el bien", do que lles ofrezo esta cita traducida ao galego, "cando o único criterio para tomar decisións se basea na rendibilidade económica, algúns dos cambios que require a transparencia ecolóxica poden parecer irracionais ou poñer cando menos en perigo os obxectivos estratéxicos", páxina 300. (A obra esta publicada en Kairós, Barcelona, 2.009). Hai que entendela, creo, como a denuncia de que segue primando a rendibilidade na pugna coas esixencias ecolóxicas.

Na complexidade desta temática é mester engadir que esa "racionalidade ecolóxica", e sobre todo a "razoabilidade", que case sempre está implícita, deberían vincularse, cando menos esta última, a unha lóxica das particularidades e circunstancias de cada situación, aplicándoa a evitar posturas de matiz absolutista, de efectos moi pouco pragmáticos, aínda que aquí xorden dificultades, posto que tampouco hai que abandonar a coordinación dunha certa perspectiva "holística", é dicir, relacionar o todo cosas partes, o que esixe operar con equilibrios e desequilibrios, xa que os elementos -vidas e materia inerte- pertencen ao mundo onde impera a causalidade e a aquel no que hai que contar coa liberdade, e, por isto, cada un deles posúe a súa peculiar maneira de organizarse, respondendo a unha dinámica "co-evolutiva", que inclúe a "biodiversidade", esixindo toda unha variedade de ecosistemas. E manter un necesario equilibrio entre a integración e a "biodiversidade" é consecutivo.

Polo tanto, a normativa debe recoller, como mínimo, non só a problemática "ecosocial", senón tamén a imposición dunha certa prudencia, en evitación de comportamentos inadecuados en todo o relativo aos gastos enerxéticos, porque imponse a necesidade de tender pontes entre o individuo e a comunidade, regulando o compoñente estrutural do subsistema económico no sistema "bioesférico". E para isto non deberían esquecerse as experiencias gañadas nas tradicións ecolóxicas, máis ou menos concienciadas, estudando e recuperando o legado dos nosos devanceiros, co obxecto de acadar o "coñecemento ecolóxico tradicional" (CET), mediante estudos etnográficos acerca das súas crenzas e cosmovisións, así como os usos e manexos que facían dos recursos naturais, que constitúen verdadeiras sabenzas, capaces de abrir importantes espazos á "razoabilidade" contextual e, incluso, á racionalidade científica.

Desafortunadamente, estamos asistindo, como nos evidencian os estudos realizados desta temática, a un abandono progresivo e un tanto oufano das prácticas da xestión ambiental baseadas no CET, unhas actitudes que poden afectar de forma perigosa a conservación dos ecosistemas. Pero, amigos lectores, todo isto hai que transmitilo na mesma familia para que sexa debidamente interiorizado, no período de "socialización primaria", e fortalecelo nas escolas e nos medios de comunicación, que ben podían reducir un pouco os espazos da información deportiva en proveito do indispensable para ir reconducindo bos hábitos ecolóxicos a todos os niveis de posibilidades, seguramente a única solución eficaz para enfrontarse con eficacia a problemas de tal complexidade.

En outro artigo pretendo seguir escribindo sobre cuestións relacionadas coa ecoloxía. Por suposto, sen máis autoridade que a derivada das miñas modestas opinións, que, se acadan algunha crítica, logran o propósito de que vostedes sigan dedicándose a pensar en todo isto un pouco de máis tempo que aquel que utilizan cando ameazan as catástrofes naturais sospeitosamente provocadas.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES