Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Recendos montesíos en romaxe a Sabucedo

miércoles, 17 de mayo de 2023
Quero cantar os recendos
desta nosa e vella terra,
fermosa e tenra cal neno
que soños soña de seda.

Monstros xélidos non quero,
de fóra aquí transplantados.
Quen aquí traelos quere
de don diñeiro é un escravo.

Quero vivir e cantar
na compaña da laverca.
E así o meu ceibe canto
arriba entoar con ela.

Atordante o teu xirar,
tarabela fachendosa!
Non compraces nin nos vas!
A muiñeira é a danza nosa!

Onda os muíños naceu esta
das correntes de augas vivas,
coma bestas de Montouto
que o vento portan nas crinas.

Comunal é o noso canto
fronte a escuros intereses.
Nós seremos sempre nós,
déixennos ou non nos deixen!

A prol do noso loitamos,
da vida e da nosa fala.
Lúa e estrelas na noite,
de día o sol na montaña.

O común a todos nós
é a nosa propiedade.
Só ceos e terra ceibes
nidia dan eternidade.

Nin nos mares chapapote
-de negruras nunca máis!-
nin brancuras na montaña
dos xigantes do metal!

Pois se o ceo ver queremos,
velaí está o voar lene
da laverca en espiral
que de abaixo ó alto ascende.

Peregrina do alén
en arroubo namorado,
de si dona e mais do mundo
leva nas ás o seu canto.

Fermosura évos Galiza.
Non a deixes deformar.
A beleza non se vende
a ninguén por vil metal.

Non só a nós nos coidamos.
O tesouro montesío
do milagre cabalar
é pra nós gran desafío.

Se coas bestas nós medramos,
medrarán elas connosco.
Con elas formamos todos
un só e bifronte pobo.

De lobos saben as bestas;
saben tamén dos humanos.
Xuntos elas e mais nós,
ben seguro que triunfamos!

Sabucedo, 29 de abril de 2023
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES