Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Celebrar unha lingua

miércoles, 17 de mayo de 2023
É curioso que moitas persoas, con certa dose de demagoxia, consideren este día como un exceso e celebren sen rubor o 12 de outubro que supuxo de todo menos liberdade. O caso é que hai anos contestoulles moi ben Xesús Alonso Montero dicíndolles que Galicia celebraba unha lingua e non conquistas sobre outros pobos.

Se xa militaba na lingua, estas verbas de don Xesús fixéronme militar con maior intensidade. Moitas persoas que estamos e vivimos nesta idea e que nos situamos na órbita da Real Academia Galega quizais non comulgamos ao cen por cen coas súas decisións. Non en tanto, todos somos a RAG cando se trata de defender e celebrar a lingua, cómpre erguer con orgullo o maior patrimonio inmaterial que ten Galicia. Patrimonio, por certo que xera abondoso patrimonio material como é o caso do bibliográfico ou das esculturas que, partindo do literario, se ergueron por Galicia adiante. Penso no monumento de Curros guiando ao pobo, feito por Asorey no 1934, ou na estatua a Rosalía de Castro en Santiago de Compostela.

O caso é que, se algo facemos ben é gardar memoria ás nosas figuras máis sobranceiras. Así naceu este día e velaí que van 60 anos de homenaxes para todas aquelas persoas que destacaron pola defensa da lingua. Non son homenaxes porque si, teñen que levar mínimo 10 anos ausentes para que o seu legado bote o pouso preciso e tamén para que os investigadores e investigadoras teñan o tempo suficiente para asentar unha reflexión serea e sólida sobre dito legado.

O día das letras galegas é un día no que podemos sentir orgullo dos nosos devanceiros, podemos recoñecernos neles e valorar todo aquilo que nos foron transmitindo e que supuxo a evolución da nosa cultura. Non podemos deixar de potencialo como un feito diferencial da nosa literatura.

Ao mesmo tempo temos que valorar aquelas figuras culturais e literarias coas que convivimos. Escoitalas e recoller as súas ideas porque entre todos estamos forxando un carácter que fai única a nosa cultura.

Este ano toca lembrar a Fernández del Riego que recolleu e catalogou moitos elementos da cultura e literatura popular, gardando así para o futuro.

Valorar a lingua é valorar a nosa orixinalidade e proxectala cara o mañá. Non só nos fai únicos o patrimonio histórico, temos unha lingua chea de tesouros que non temos por que perder e de facelo sería unha gran perda para a humanidade equivalente á perda de calquera cultura aniquilada ou que se deixa morrer.

Que por moitos anos o 17 de maio sexa o día das Letras Galegas.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES