Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A igualdade entre as persoas humanas (e 2)

viernes, 19 de mayo de 2023
Este artigo complementa o anterior de igual titulación, e pretendo abordar nel os dous seguintes motivos, os relacionados coa DIGNIFICACIÓN das "diferenzas" e a "adecuación" dos medios encamiñados a darlles efectividade contextual. E como queira que resaltamos a dignificación, empezo ofrecéndolles unha breve referencia á dignidade.
Neste comezo quixera que reflexionaran un pouco sobre o concepto, aínda que bastante ambiguo, da mesma, porque eu considéroa como un punto de apoio da persoa humana no mundo; pero hai que distinguir dúas clases de dignidades: Aquela que vai adherida ao home e á muller, precisamente en consideración a súa realidade persoal, que deixei apuntada no artigo precedente, á que algún estudoso cualificou de CONSTITUTIVA, e a ADQUIRIDA, que propiciamos e realizamos, coa garantía da que ten a "perseidade" inherente como persistente dignidade constitutiva, incrementando e fortalecendo esta conquistada, actuando e comportándose adecuadamente, na dinámica xeradora da "personalidade", que debe dignificar as diferenzas nesa mesma liña fundamental.
Etimoloxicamente, dinnos os lingüistas que a palabra "dignidade" procede da raíz sánscrita DEC, a mesma que se encontra en "decoro", definida polo DLE como honor, respecto, reverencia que se debe a unha persoa polo seu nacemento ou dignidade. Desta raíz derivou "decnus">"dignus", e o seu significado e o dos derivados é "ser conveniente", "conforme", e tamén ADECUADO. Xustamente por isto se di das calidades e relacións "diferenciais" en canto se conforman as persoas, socialmente, con fundamento na súa realidade persoal. Por suposto, se non responden ás esixencias desta, ou desempeñan funcións complementarias consecutivas, considéranse desvinculadas do fundamento e deveñen cuestionables.
Así, pois, o concepto de dignidade xira en torno a estes tres significados: o debido a unha persoa, a excelencia e o poder ou autoridade, que implica estima ou aprecio. E isto permíteme afirmar que en toda persoa, polo feito de sela, hai inherente unha dignidade, que nos obriga a considerar aquilo de que non vale tanto a vida como as razóns de vivir. E xa Alexandro de Hales tiña moi presente a incorporación da dignidade a persoa humana, como evidencia nos seguintes termos: "Persona est hypostasis propietate ad dignitatem pertinente". Coidémonos, pois, de que o proceso da nosa personalidade non desvalorice as razóns de vivir.
Os estudosos/as desta temática ensínannos que o sexo (masculino ou feminino) asignado ao nacer polos xenitais é diferente do XÉNERO, e ven a ser unha etiqueta conformativa no rexistro. O xénero é moito máis complexo pola súa categoría social estritamente legal, especiais características e formas de pensar das persoas, ás que se sente vinculada nos seus comportamentos. Pola súa xenética, unha persoa, se ten os cromosomas XX, considérase feminina, e se posúe os XY, masculina. A ambigüidade, entre sentirse dun ou doutro sexo, é a que se denomina INTERSEXUALIDADE.
Consulto un artigo de Rosalía Camacho G. no que se cuestiona se o principio que postula a igualdade formal entre o home e a muller é garantía suficiente para lograr unha igualdade real e efectiva, posto que a existencia dos sexos comporta diferenzas. Comparte a postura de Katherine Mackinnon, quen afirma que tanto a doutrina legal como a moral oficiais reduciron a discusión da igualdade entre homes e mulleres a un asunto de diferenzas e semellanzas, e isto é responsable de que o principio de igualdade fora completamente ineficaz, porque se acaba definindo as mulleres con base na correspondencia ou non correspondencia co parámetro masculino. Penso que, por suposto, estase quebrando a "adecuación", non só a efectividade contextual, dificultando ás mulleres dirixir a adquisición da dignidade "conquistada", senón tamén comprometendo á "constitutiva".
Hai, pois, que preguntarse, como é posible establecer a igualdade dos homes e mulleres, respectando as diferenzas constitutivas das persoas, non establecendo criterios con valor absoluto para valorar as de xénero, que se establecen cultural e socialmente, caendo así nunha bazofia que impide determinar con claridade ata que punto o poder político, que emerxe en ideoloxías dunha ou doutra clase, segue enmascarando a supremacía do masculino; pero, déanlle as voltas que queiran, o "phylum" da muller irradia sobre a súa dignidade "adquirida" unha cualificación que soe pasar desapercibida na valoración dos seus roles sociais, aínda que a fai acredora a unha atribución de cualificación esencial non só material, senón tamén moral, e que se lle debe respectar con toda naturalidade, evitando caer na adulación dun progresismo turbado pola imprecisión no alcance do xusto, do necesario e o empacho das infantís arbitrariedades, sen considerar que as diferenzas aquí non cambian a igualdade esencial, matizando a dignidade constitutiva e definindo a adquirida na ACTUALIDADE persoal.

CODA.- Todo o relativo a HERMENÉUTICA é moi socorrido na actualidade, con Heidegger e Gadamer como fundamentais, e España conta con destacados intelectuais, entre os que figura especialmente o Dr. Ortiz-Osés, xa falecido, que dedicou especial interese aos arquetipos patriarcal e matriarcal, aplicando o concepto de "fratria", para suturar ambas polaridades, introducindo a "dualéctica", unha relación co-conceptual entre ambas e "co-implicadas" polaridades, a par que crea o concepto de "razón afectiva" (CO-RAZÓN), que talvez deveña un recurso expresivo (razón simbólica) que permita explicar a diferenza funcional entre "padre" e "madre" no devir histórico . Así, pois, creo que vale a pena non esquecelo para non omitir na temática da igualdade o que teña de aproveitable, o que invita a ter presente aquilo que nos dixo Pascal: O corazón ("co-razón") ten razóns que a razón non ten. Hai aquí, penso, un tecido que eu non podo acabar, porque carezo de fío.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES