Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

martes, 02 de mayo de 2023
Rutina do labrego, ladaíña do traballo

Degrañei ou debullei o millo. Cravuñei a gadaña. Seguei os nabos para a calda do pote. Afiei o fouciño. Arrinquei o esterco. Rocei os toxos. Piquei na leña. Sementei patacas. Cavei o terreo. Arei unha finca coa vertedera. Atravesei outra co mosquito. E sementei o centeo co arado de pau. Carguei os toxos e estrei a corte. Levei as vacas ó monte. Axudei na malla e na matanza. Collín catro feixes de ferraia e medio carro de Pingas de Orballonabos. Cavei as patacas. Sulfatei as patacas. E arrinquei as patacas. Carguei catro ladrais de patacas. Mondei o millo. Puxen a horta. Reguei os pementos e os tomates e as leitugas e os cabazos e as xudías e as fabas e os repolos e a verza branca. Seguei a herba, esparexín a herba, revolvín a herba, xuntei a herba e fun pola herba. A carrada era tan grande que tiven que poñer a outra xunta de vacas ó cambón. Enchín a palleira de herba e mesmo tiven que facer un palleiro á beira do palleiro da palla. Coloquei ben os marcos dunha terceira leira. Levantei unha parede. Pechei un portelo. Deille de comer e beber a un becerro. O outro boteino a mamar da vaca, a máis vella. Agucei unha fouce gata e limpei un valado. Desfixen o porco que matara. Afumei os chourizos. Boteille de comer ás pitas e subinas ó galiñeiro. Tiven que arar de novo algunhas leiras máis, e volver coas vacas para o monte, e rozar outra poula, e volver estrar a corte, e sacar unha vez máis o esterco, es espallalo polas leiras. E volta a empezar unha vez máis coa rutina do labrego, coa ladaíña do traballo, co fouciño que xa non corta, coa rella do arado que se gastou, co chedeiro do carro que rompeu, coa albarda do burro que rebentou, co demo de traballo que hai que facer. Espertei cansado, completamente esgotado.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES