Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A moralidade e o equipo de traballo

miércoles, 26 de abril de 2023
O martes pasado, ao saír da aula, tiven un agradable debate cunha alumna. Queixábase ela dos traballos en equipo que, ás veces, supoñen unha carga individual excesiva debido a que hai persoas que non fan nada. Ela tiraba deste argumento para defender que se lle daba demasiada importancia e que non lle vía tanta proxección profesional. Non sei se ten ou non razón neste aspecto, pero o que si é certo é que nalgún momento da vida persoal ou profesional teremos que tirar de compañeiras ou compañeiros para saír adiante.

É difícil imaxinar un desenvolvemento profesional que non precise de tecer interdependencias. Ao mesmo tempo para tecer estas interdependencias é necesario coñecer ás persoas das que nos rodeamos. Neste sentido Manuel Rivero describe catro interesantes perfís profesionais: os apóstoles caracterízanse por estar sempre, ás duras e ás maduras, son persoas nas que se pode confiar e delegar. Os mercenarios son persoas que están por puro interese, con elas deberemos calcular ata onde nos van axudar que é exactamente a onde chegue o seu interese.

Os reféns, na situación límite, non farán nada e actuarán como pusilánimes. No caso dos inimigos aproveitarán para vingarse, agravando así a situación.

Entendo que se unha persoa se atopa reiteradamente con determinados perfís de baixa moralidade, trate de fuxir do traballo en equipo. O que pasa é que traballar en equipo estase volvendo cada vez máis fundamental na vida profesional, xa que as parcelas cada vez teñen marcos menos definidos e tenden a comunicarse. Polo tanto o equipo vén a ser fundamental para o desenvolvemento profesional.

Fronte a isto temos que crear unha deontoloxía de equipo compartida, con regras explícitas e con consecuencias para quen as salte. Isto é difícil de levar á práctica, pero cómpre intentalo para promover unha cultura de traballo en equipo que poida alixeirar as nosas cargas e forxar unha interdependencia profesional que nos amose o valor de medrar xuntos.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES