Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O belén de Begonte: galego/chairego...e universal

lunes, 05 de enero de 2009
O belén de Begonte: galego/chairego...e universal
(Luz, Estrela e Memoria nunha sociedade despistada)

A mediados do mes de Nadal de cada ano (¡e van trinta e sete!) cando acontece o anual traspaso do outono ao inverno e parece morrer a vida, á beira da estrada nacional VI (Madrid/A Coruña) milleiros de veciños da Terra Chá e unha grande caravana de viandantes de todo Galicia, en grupo e ou individualmente, volven a recorrer o camiño que marca unha sinxela estrela que os guía, como noutrora, aos magos do Oriente, ao singular belén que permanece aberto durante as Festas do Nadal ata o día da clausura, ben avanzado o mes de xaneiro, no que se fai entrega de premios aos galardoados na 32ª edición dos certames de narrativa, poesía e pintura que se crearon ao seu redor. Unha singular e rica historia que ven de reafirmar a fe, constancia e calidade humana dun numeroso grupo de persoas e entidades que seguen a traballar, con entrega total e gratuidade, nun significativo e elocuente anonimato. ¡Algo impensable nestes tempos!.

O belén de Begonte: galego/chairego...e universalO tradicional e xa moi querido belén de Begonte, non aparece por casualidade. Foise facendo, pouco a pouco. Tiña fondas raíces na maioría das casas e igrexas de Galicia. Abundaban na Comarca da Terra Chá. Co apelativo electrónico comezou a súa andaina no Nadal do 1971, cando xa se puxera a andar a ditosa década dos anos 70 na que todas as ideas, ilusións soñadas e as esperanzas posibles se tornaban en fermosas realidades cumpridas. Daquela, déronse acontecementos que semellaban milagres no eido da cultura, no mundo social, na política e mesmo no relixioso. O belén de Begonte ten, polo tanto, hoxe en día, unha ben desenvolvida e xa acreditada maioría de idade.

A fermosura exterior alberga, no seu interior profundo e oculto, un inconmensurable traballo, cheo de forza e vida que se percibe nos seus movementos sincronizados, nas figuras humanas atarefadas nos seus traballos rurais, a maioría deles esquecidos e fóra de servizo no gran conxunto étnico/popular e relixioso. Os fenómenos naturais (noite, día, neve, ríos, montes, raios...) os animais domésticos que comparten vida/descanso coas familias (vacas, ovellas, porcos, galiñas, troitas...) manifestan a raíz e a fonte de vida dos labregos e habitantes deste noso maltratado planeta, chamado Terra. Os seus fundadores foron creadores adiantados da actual xeira da informática. Velaí un dos seus acertos e méritos. Fixérono sen perder a riqueza e profundidade da fe e das tradicións de Occidente. Coa xudía e a cristiá conxuntadas, como referente principal.

Este belén electrónico, con moita riqueza tradicional e moi enriquecido pola cantidade de símbolos relixiosos aínda non foi contaminado. Nin manipulado. Mantén a esencia e o fundamento teolóxico do Misterio do Nadal, co realismo histórico/bíblico aportado polos evanxelistas Mateo e Lucas, os únicos (ademais dos apócrifos) que falan da infancia de Xesús, Neno, e da súa familia humana. O belén de Begonte nace dunha fe sinxela pero potente dos pobos e aldeas do rural galego que asimilaron moi ben a infancia do Neno Xesús e as peripecias que rodearon a súa, pobre e dura vida. E a dos seus pais. Asumírona e fixérona propia dada a gran semellanza coa que eles estaban a vivir (e a padecer) na súa propia carne. Os seus pais, María e Xosé, eran pobres e labregos coma a maioría dos galegos. Xente sinxela e da aldea. Vivían tamén marxinados e arredados do poder e influencia político/relixiosa, lonxe do poder e da metrópole (Roma e Xerusalén). Persoas cheas de fame e de necesidades e baleiras de riquezas como lles acontecía, a cotío, aos labregos da Terra Chá, do resto de Galicia, de España, de Europa e do Mundo enteiro. Eran e sentíanse semellantes aos daquela sinxela familia de Nazaré e dos seus parentes. Abonda con lembrar as dificultades que tiveron para sacar adiante ao seu fillo, atopar pousada para nacer, seren perseguidos e ter que emigrar. Mesmo sufrir desprezos por mor da misión deles e do seu fillo. Velaí a frase despectiva que intentaron fose ofensiva para Xesús e a súa familia: “¡o fillo do carpinteiro!”

Así foi a historia. A de Xesús/Neno e a súa. E así o contaron, graficamente. Ao xeito dos romances de cegos. Na linguaxe das imaxes. A lingua dos pobres, que todos entenden. Os nacementos foron sinxelos. Coma a xente da aldea. Que cando a deixaban expresarse (non era frecuente) sabían facelo moi ben. Unha das datas máis abertas eran as do Nadal, incluída a Festa dos Magos. Quizás a única na que se sentiron protagonistas. Souberon aproveitala. E expresárono cos seus ritos, costumes e cantos. Velaí o extenso repertorio de nadais, panxoliñas, despedidas/entradiñas ano...e, sobre todo, nos cantos dos reis, nos que quedou patente nas letras dos aguinaldos que aínda perduran.

Esta fermosa mostra do Acontecemento máis importante e transcendental da Historia humano e divina da Humanidade, chega, nun momento necesario e oportuno. Reaparece como testemuña da tradición popular precisamente cando máis brúan fortes e malévolos ventos que tentan rexeitar da vida galega os sinais e símbolos que ulan a relixión ou a vellos costumes tan arraigados no pobo, tan nosos e tan tradicionais. Aínda non fai moito tempo que estes personaxes defendían estas e outras tradicións,.con uñas e dentes. Debeu ser o cheiro ou a proba de poder quen os fixo mudar de parecer. ¡Pobre e miúda coherencia na súa escala de valores! ¡Outra das inexplicables contradicións desta aloucada xeira do abafante consumo!. A actitude duns poucos ven a ser un insulto (máis ou menos consciente) ao noso pobo, sinxelo, humilde, cristián e pobre. Por iso...e por respecto ao noso pobo galego e ao Misterio do Nadal, aplaudimos a presenza, testemuña dos beléns (nacementos) por todo Galicia e que hoxe simboliza e representa o electrónico de Begonte.

Como resume, cómpre subliñar o seu espírito: profundo e sinxelo, bíblico e tradicional, figurativo e plástico, simbólico e histórico, antigo e moderno. ¡Sempre vello e sempre novo e actual! Co seu necesario, xusto e harmonioso equilibrio na evolución histórica e con novidades cada ano, sen rachar coa esencia do Misterio de Amor. Do Deus Amor, que se fai Home, na sinxeleza dun Neno, pobre, desvalido e indefenso, que chega ao noso Mundo a compartir Vida connosco por amor á Humanidade que prometera e anunciaran os profetas. Coa mostra visible do Deus humanizado que eleva ao ser humano á Súa categoría facéndonos fillos e enxertándonos no Reino da Verdade, Xustiza, Paz e Amor.

Parabéns para os milleiros de visitantes (asociacións, institutos, colexios, parroquias, familias, grupos...) que ao través dos trinta e sete anos de vida viviron o proceso evolutivo desta marabilla sinxela de fe, arte e historia etnográfica da Zona. Parabéns e gratitude para os seus incansables promotores, técnicos e colaboradores. Xunto a eles, para os centos de participantes (nenos, xoves e maiores), con ou sen premio, nas 32ª edicións (¡32 anos!) dos diversos certames de xornalismo, poesía e pintura, incluídos os Colexios. Tamén compre subliñar a participación de varias corais, grupos musicais, teatrais e outras entidades artísticas que desenvolveron actividades ao redor do Belén nos múltiples e diferentes actos de apertura/clausura. Con eles figuras significativas da Igrexa e do ámbito educativo, social, cultural, político e artístico que colaboraron na súa difusión e desenvolvemento. ¡Un número moi importante, reseñado nos ficheiros do C. S. De Begonte!. Como colofón dun inmenso e ben artellado traballo de tantos anos, no actual acadou outro gran zancada coa presenza e testemuño dos bispos de Mondoñedo/Ferrol e Lugo e da participación conxunta (con compromiso formal de continuidade e oficialidade) dos alcaldes dos dez concellos da Terra Chá. ¡Parabéns e mil primaveras máis para o Belén electrónico de Begonte e para os milleiros de persoas anónimas que lograron o milagre”!.

(Lugo, Nadal 2008/09. X. Cabodevila).
Mato, Xesús
Mato, Xesús


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES