Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A semana das patacas

lunes, 10 de abril de 2023
A semana das patacas Alá foi a Semana Santa. Esa semana que, antes, era un acontecemento relixioso, incluso fervoroso e, agora, é un acontecemento turístico, mesmo festivo. Para un servidor, nin foi nin é unha cousa nin outra. Para un servidor a Semana Santa case sempre foi a semana das patacas. Ese case vai porque, outros anos, era a semana de arrincar no esterco, cargar no esterco, levar o esterco ás leiras e esparexer o esterco polas leiras. E todos, absolutamente todos os anos era a semana na que quizais máis se traballaba nas fincas, pois, máis cedo ou máis tarde, era, é e será a etapa das sementeiras.

Actualmente, na Semana Santa case todos os días son festivos, polo aspecto máis turístico que relixioso. Antigamente, era festivo o xoves pola tarde e o venres pola mañá. O Venres Santo, pola tarde, traballábase e era aí onde empezaba o meu auténtico calvario, xa que desde a finca da Cortiña ―e mentres sementaba as patacas― vía como os veciños de Baños de Molgas e da contorna camiñaban polos Campos e pola Pitediña con dirección a Os Milagres para asistir o desencravo, un evento que, de rapaz, recoñezo que me gustaba. Canta envexa me daban! Eles ó desencravo e eu sacrificando os riles. Iso era unha crucifixión, e non a do Noso Señor Xesucristo!

Sobre o Domingo de Ramos o que máis lembro eran aquelas loitas que se levaban a cabo no atrio da igrexa ―e incluso na mesma igrexa― cos loureiros, xa que había algúns que eran grandes coma carballos. Claro que, esas loitas, facíanas algúns veciños máis “carotas”, que un servidor só levaba unhas galliñas ou folliñas de loureiro. Era a Lola da Amparo a tal como para deixarme xogar con loureiros enormes.

O Domingo de Pascua, aí ansiaba a súa chegada porque sabía que a miña madriña, a Delfina, algo sempre deixaba, aínda que só fose un pano das mans ou unha libra de chocolate. Na época de rapaz non lle daba importancia o de o cura bendicindo as casas. Agora... agora sobe a carraxe por min, porque nesa bendición anual (como se a casa pecara), deixábaselle ó cura a media ducia ou a ducia de ovos como pago por tal bendición. Nós, que pasabamos sen ovos porque os vendiamos para subsistir, tiñamos que agasallar á igrexa cunha ducia deles, que se non igual se nos metía o demo na casa. Sinceramente, non gardo un bo recordo da Semana Santa.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES