Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

MYSTERIUM INIQUITATIS

viernes, 28 de marzo de 2003
As imaxes reais da guerra xa van chegando as nosas casas. Xa sabemos que esta guerra tampouco é un xogo dirixido por ordenador, hai víctimas reais ¡e moi reais! As familias norteamericanos choran aos seus soldados, e as iraquís choran aos seus soldados, civís, casas... pero estes últimos son moooitos máis, como acontece sempre nas guerras cos máis febles.

Xa vimos non só os bombardeos sobre Bagdad -desde cámaras de TV que non "captaban" nada máis que fume de lonxe-, senón tamén os ataques a Basora e outras cidades, os soldados mortos de ambos bandos e as arrepiantes escenas de corpos esnaquizados de homes, mulleres e nenos, que xa non se contan por ducias, senón por miles (só en Nasiriya falaba a TV de máis de mil). Ollamos os mal chamados "danos colaterais" e os "erros" duns millonarios mísiles que seica eran quen de acertarlle ao largueiro dunha portería de fútbol lanzados desde moitos quilómetros, pero que foron caer en mercados cheos de xente famenta, pero pacífica. E escoitamos a desvergoña dos invasores que botaron os mísiles, negando tal cousa.

E eu lembraba as palabras cheas de humanidade dun bispo amigo, que tivo o valor de ir a Bagdad na véspera de comezar a guerra, pero que non puido quedar alí, Jacques Gaillot: "¿Como deixar a grande cidade de Bagdad, chea de vida, sabendo que a guerra é inminente? Fai falla pouco para apegarse a este pobo, marcado pola guerra contra Irán, a guerra do Golfo e o embargo que non remata". O bispo francés asociaba o pobo iraquí co pobo palestino; ambos están humillados, e sobre eles exércese unha violencia intolerable, pero teñen "unha dignidade rebelde que lles permite manterse na tormenta". Contaba que visitando o hospital que levan unhas relixiosas iraquís, ollou para unha ducia de recén nados: "Estes nenos manifestan a vida", dixo. Pero unha enfermeira contestoulle con tristura:"Si, pero son bos para a guerra!". Ela sabía que estes bebés pode que non tiveran a oportunidade de vivir moito tempo.

Os "populares" puxeron o berro no ceo porque algúns indesexables-¿quen os alenta?-, mesturados cos miles de persoas pacíficas que estes días berran polas rúas pedindo o cese da guerra, non só os insultaron, senón que apedraron as sedes do PP. Pero eu non escoitei o seu laio polas víctimas, mortos e mutilados que recibiron algo máis que ovos e pintura. ¿Poderán durmir tranquilos, a pesar de que eses mortos non representen unha perda de votantes?

Tampouco me valía escoitar ao presidente Aznar dicir que non se pode esquecer ás víctimas de Sadam Hussein. Estamos fartos de repetir que ninguén defende aquí a Sadam, que el tamén é un asasino; pero os mortos innecesarios de agora non se poden tapar cos de antes. Máis ben, como di a sabedoría bíblica do Eclesiástico: "Quen quere impo-la xustiza pola forza é coma o eunuco que arela desflorar unha virxe" (Eclo 20,4).

Fronte aos "cabaleirosos" marines, os americanos falan dos "inmorais" iraquís, que non tratan ben aos prisioneiros e, no fondo, son todos uns terroristas encubertos. Pero eu lía a J. Gaillot falando do seu encontro cun xefe musulmán, culto e "habitado pola paz". "Que tales homes existan aquí -dicía-, contradí a amalgama que se fai entre terrorismo e islam".

Ao remate, coas palabras de Pablo Neruda aos amos do mundo, podemos dicir: "Poderán cortar tódalas flores, pero nunca serán os amos da primavera".
Pérez Prieto, Victorino
Pérez Prieto, Victorino


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES