Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

miércoles, 29 de marzo de 2023
Desde o penedo das ilusións

Unha tarde de ceo gris, e coa nostalxia nun recanto da memoria, canteille unha misa de réquiem a aquel pensamento que marchou, e sentei no penedo das miñas ilusións. Alí, en pleno monte, deixei que o aire me acariñase a cara e que os fentos bambeasen os ruxerruxes... de cando tiña sentimentos. Hoxe afogo no tiroliro (ou no axóuxere) dunha canción.
Pingas de Orballo Sentado contemplo a folla de carballo que cae sobre a vía do tren. Esa vía pola que, mentalmente, camiño na procura da escuridade do túnel. Ó pasalo asomará a maxestosa ponte das Cepas, á que subirá, con bastante nitidez, o ruído das augas rápidas do río Arnoia.
Deixo o penedo das ilusións e volvo pola carreira da melancolía; aquela que me levaba ó muíño do Dositeo. Eran tempos de soños e realidades, de infancia e xuventude, de risas e medos. Toda mestura é a experiencia ó que foi, ó que é e ó que será. Porque o tempo seguirá cabalgando polas ladaíñas da vida. Esas ladaíñas que ditaremos, que espallaremos aínda que non queiramos... a vida é a que marca o ritmo e as ocasións.
Camiño, agora, polo raíl da vía do tren, que é o mesmo que andar, aínda que sexa amodiño, pola vía da existencia, da nosa existencia. Esa vía que vai recta ata a fin do traxecto. Ai, na fin, ou se detén o tren ou descarrila. Mentres non chega esa fin, e como se adoita dicir: a vivir que son dous días! Outro día cantarei un réquiem polo señardade que foi.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES