Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Nestes días sen Bergman

miércoles, 31 de diciembre de 2008
Cando morreu Ingmar Bergman, no verán de 2007, podíanse ler nos titulares da prensa repetidos eses vellos tópicos, non sempre xustos: “director infeliz”, “incómodo”, “torturado”, “cineasta da soidade e da morte”, “recluído na illa de Faarö”, etc... Nihil novum sub sole, ou nada máis lonxe da estrita e rigorosa realidade, penso.

Desgraciadamente, para moitos cinéfilos da miña xeración o seu nome apenas di nada frente aos Spielberg, Lucas, Scorsese, Coppola, etc... Ata naqueles días chamoume, coido que decepcionado, un vello amigo (tamén cinéfilo para máis inri, que alardea de ver só películas de directores mortos) dicindo: “Ah, é que aínda estaba vivo?”.

Agardo, polo menos, que Clío, musa da Historia, saiba colocar ó mestre sueco no lugar que, sen dúbida, lle corresponde no Olimpo dos deuses. De feito a edición en DVD que se ven facendo dende hai anos estanos achegando a algúns dos seus primeiros filmes menos coñecidos o que xa vai axudando a crebar eses tópicos tan manidos nos titulares naqueles días en que finou.

Pola miña banda, invito dende aquí aos lectores a que naveguen por Internet na procura de imaxes súas. Sen esforzo poderán atopar algunhas recentes nas que se ve a un Bergman octoxenario, fraco e orelludo, pero afable e sorrinte, sempre activo, vital e integrado na vida cultural do seu entorno, fotografándose cunha das súas musas, Harriet Anderson, tamén madura. Con todo isto tal vez se poida formar unha imaxe menos plana e máis poliédirca da súa figura. Unha imaxe que nada ten que ver con esa outra, case exclusiva para moitos, de individuo “torturado” ou misántropo tan repetida de cotío.

Testamento traizoado
Personalmente, coido que os espectadores da miña idade, os que aínda éramos nenos (ou nin sequera nacéramos) cando o director sueco estaba no cumio da súa carreira, témonos achegado á súa magna obra carentes de moitos prexuicios vixentes nas xeracións anteriores. Porque penso que o maior problema que ten o achegamento a ela non radica no propio director, nin na indiscutible densidade intelectual dos temas que aborda, nin no seu tratamento sempre complexo e orixinal, nunca doado; o verdadeiro problema para achegarse ás películas de Bergman para calquer espectador actual está, con moita máis probabilidade, nos “bergmanólogos”. Estes son ese colectivo que tenta aislar ao de Upsala nun grupiño de escollidos directores non aptos para tódalas entendedeiras e no que tentan incluir a Kurosawa, Dreyer, Tarkovski, Truffaut ou Godard, ou, xa máis cercanos, Woody Allen, Lars von Trier ou Wong Kar-Wai, por citares só algúns. Coma se ese tipo de distincións fose doada e, nalgún destes casos, sempre posible.

O asunto lémbrame o mesmo que denunciaba Kundera no caso de Kafka (Os testamentos traizoados), sinalando que os “kafkólogos” eran esa tropa que, seguindo con maior ou menor fidelidade as directrices de Max Brod, tiñan imposto unha visión do autor xudeu coma un escritor sumamente espiritual, torturado, sen sentido do humor e totalmente asexuado. Eu engadiría que esa empanada mental amplíase se un viaxa a Praga e escoita aos guías turísticos asegurar sen o máis mínimo reparo que, coma se dun mero Jan Neruda calquera se tratase, Kafka vivía na enxebre casiña do Calexón do Ouro no Hadcrany. Casiña que soamente alugou de xeito temporal coa súa irmá Ottla. En realidade tratábase dun pequeno refuxio para escribir no que parou menos dun ano. O certo é que a vivenda familiar, á cal, con todo, voltaba a durmir todas as noites, atopábase nun edificio máis ben prosaico, no centro da cidade, hoxe en día discretamente escudado tras unha, igualmente prosaica, parada de taxis.

Bergmanólogos
Do mesmo xeito que os “kafkólogos”, os “bergmanólogos” téñennos imposto unha visión de Bergman que resulta hoxe a todas luces sesgada e parcial. Por iso se escandalizan cando se lles di que un ata chegou a boquexar cos desvaríos de Liv Ullmann na psicoanalítica “Cara a cara” (1976). Ou que disfrutou ou ríu moito con “Sorrisos dunha noite de verán” (1955), “O ollo do diaño” (1960), “Esas mulleres” (1964) ou co desenlace de “Secretos dun matrimonio” (1973), pura comedia. Coma se, por riba da indubitable profundidade da súa obra e das súas pesquisas no fondo da insondable natureza humana que nela se atopan, non fose posible rir, ou simplemente entreterse, con Bergman (ou con Kurosawa, ou con Truffaut, etc.). O propio director sueco ten dito en máis dunha ocasión que o mandamento primeiro dun director de cine é “Ao espectador en cada intre divertirás”. Pero os “bergmanólogos”, coma os “kafkólogos”, non acostuman ter sentido do humor. Ou raras veces saben aprecialo, o seu esnobismo non llo permite. De nada serve que logo se lles diga que “Persoa” (1966) é unha das máis grandes obras maestras do cine de tódolos tempos, do mesmo xeito que “Fresas salvaxes” (1957), “Os comulgantes” (1962), “O silencio” (1963), “A hora do lobo” (1967), “A vergoña” (1968), “Paixón” (1969), “Berros e rumoreos” (1972) ou “Tralo ensaio” (1984), por citares unhas cantas. Ou que se recoñeza que moitos destes films expoñen as inquedanzas xurdidas ao longo da súa vida, tan axitada no eido sentimental, así coma os seus problemas como artista e realizador, ou o grave pouso deixado pola figura do pai, un estrito pastor luterano, tal como el mesmo nos conta en Linterna máxica, o volume no que debulla as súas memorias. Pero cos bergmanólogos, polo xeral, xa está todo perdido, xa non hai nada que facer, porque xa, neses intres, che excluiron para sempre do selecto clube, quizais por loubar en público “Fanny e Alexander” (1982), denostada por algúns deles por rematar cun ledo final ambientado no Nadal e ter levado catro Oscars.

Comedia e drama
Alguén que tamén sabe alternar na súa obra, dun xeito moito máis acentuado, drama e comedia, o norteamericano Woody Allen, “bergmanófilo” (que non “bermanólogo”) de pro, retratou moi ben esta sorte de individuos nunha escea de “Annie Hall” (1977) na que el mesmo e Diane Keaton fan cola á entrada dun cine, precisamente para ver a emblemática “Cara a cara” do director sueco. Pode ser que quixera curarse en saúde dos posibles “woodyallenólogos”, que tamén os hai. Sei que existen “bergmanólogos” que non perdoan a “homenaxe” de ton un tanto paródico que o neoiorquino fixo a “Fresas salvaxes” en “Desmontando a Harry” (1997). Que lle imos facer?

De tódolos comentarios lidos naqueles días seguintes ao luctuoso acontecemento da súa morte, personalmente prefiro quedarme co de Víctor Erice, un dos poucos que louvou a perfecta harmonía que caracterizaba o cine do sueco na súa densa e complexa visión da vida coma “comedia e drama”, sen excluíres ningún destes dous aspectos complementarios.

En fin, mentres rebusco na miña videoteca particular algo de Bergman, quizais “Un verán con Mónica” (1952) (tal vez non preferida polos “bergmanólogos” pero si por un “bergmanófilo” tan singular coma François Truffaut), tentarei chamar ó meu amigo cinéfilo para lembrarlle, se por acaso aínda non se decatou, que tanto Woody Allen, coma Lars von Trier, coma Won Kar Wai aínda seguen, a día de hoxe, vivos e coleando.

Paz González, Mario
Paz González, Mario


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES