Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Feliz

miércoles, 29 de marzo de 2023
A finais dos anos 40 meu avó Pepe de Santalla foi facer a mili a Zamora. Alí coñeceu a Feliz que ía ser a súa dona para sempre. Despois Feliz cambiou Zamora por Monterroso e empezou unha vida leda de traballos que sen dúbida fixo a casa Santalla máis grande. Era unha muller cun sorriso que o dicía todo. Por iso a palabra que a define para sempre é a de amabilidade. Proba disto é que, unha vez xubilada, dedicou os seus mellores anos á Asociación da Terceira FelizIdade de Monterroso. Daquela etapa recórdanse as viaxes que organizaba e como coidaba da xente á vez que a animaba a saír da casa e gozar da merecida xubilación.

O seu sempre foi a relación co entorno e a cultura. Por iso, mentres ela puido e quixo non houbo mellor líder para esa asociación. Sempre foi unha muller extremadamente desprendida e iso constitúe a principal ensinanza que lle deixou aos fillos e aos netos, que vimos nela como se pode ser feliz facendo feliz ao entorno. Quizais non haxa outro xeito de felicidade ou quizais este sexa o máis digno. En todo caso esta claro que a nosa avoa Feliz fixo honra ao seu nome a través dunha vida de traballo á que lle escribiu un epílogo de solidariedade na súa última etapa.

Que isto o diga un neto quizais estea rodeado de subxectividade pero resulta que o concello de Monterroso vén de recoñecer a unha serie de mulleres que sen dúbida influíron no desenvolvemento do pobo. Un recoñecemento xusto e necesario. Entre estas mulleres atópase Feliz porque, sen dúbida, puxo alicerces de benestar para facer un Monterroso máis feliz. Neste sentido, como neto, recordo con admiración a xubilación da miña avoa. Non porque ela a merecera (que a merecía) senón por como soubo gozar dela dándose totalmente ao seu pobo e preocupándose porque a súa situación chegara na última etapa da vida alí onde a vida non lle permitiu chegar. Persoalmente se algo lle pido ao futuro é chegar a este xeito de xubilación.

Unha muller que soubo vivir, ensinou a vivir e deu oportunidades de ledicia. Por iso cabe desexar que todas e todos atopemos unha Feliz que nos equipe de ilusións na derradeira etapa da vida.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES