Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Consumismo feroz

martes, 30 de diciembre de 2008
Segundo se di, estamos en crise. Existe unha recesión económica na que moi poucos se atreven a poñerlle data de finalización. Tampouco se sabe con certeza as consecuencias que deste evidente fenómeno se derivarán. Sectores fundamentais como o automobilístico, o inmobiliario e o do comercio estanse a resentir. Dos bancos non sabe este humilde cidadán se debe ter a ousadía de dicir xa nada. Uns din que, a diferenza doutros países do entorno, a banca española non periga. A outros escóitaselles acusando ós seus responsables de seren excesivamente cautos á hora de dar créditos a familias e empresas para que novamente se active o consumo, se gaste e outra vez se movan cartos. Aquí, neste razonamento, atopo un filón para introducir unha crítica a un estilo de vida na sociedades actuais, baseado, ó meu xuizo, nun consumo desmesurado e desproporcionado. Varios exemplos así o avalan. A vivenda: existe un culto á propiedade, todos queremos posuír e máis a casa que habitamos. O da mobilidade xeográfica non vai coa nosa forma de ser. Vivir de caseiros, tampouco é plan. Os intereses estaban baixos, co cal polo mesmo custe dun aluguer afrontamos a compra do piso. Ata aí, nada que obxectar. Pero, que tipo de vivenda compramos: Unha que podemos pagar, ou pola contra unha que podemos asumir o seu custe a día de hoxe, pero se ese euríbor que rondaba o 2 % hai uns anos sobe un puntiño xa nos dificultaría enormemente. Quen pode facer plans a trinta e cinco anos, pregunto eu. Contando que todo o que rodea ó ciclo vital dunha persoa marche máis ou menos ben, en canto a traballo, relación de parella, saúde…

E logo ven o da segunda vivenda. Aínda non pagamos a primeira, estamos hipotecados e lanzámonos á compra do chalé en zona de praia ou á casa de aldea. Como había aí uns aforros e nos bancos no producen, que mellor opción que no ladrillo.

En segundo lugar, o coche: Compramos un vehículo novo para o noso uso particular.
Nos concesionarios, informan das distintas formas de financiación. Unha curiosa é aquela na que devolves o coche comprado cando cumpra dous anos a cambio dun novo, pero este hai que volver a pagalo dende o principio. Así sempre tes un coche novo. Como se ós dous anos, un coche xa se pode considerar vello. Ou fai a volta ó mundo, ou senón…

E logo, o ritmo de vida ó que nos habituamos. A este consumo que denomino feroz. Pedir créditos para comprar o televisor último modelo, para realizar esa viaxe ó Caribe. Visitas acompañadas da tarxeta de crédito ós comercios de roupa e complementos. Pero tanta camisa, pantalón, abrigo necesitamos?. Ocio e tempo libre. Se nos costa pagar a letra da hipoteca, do coche, así como outros gastos correntes e imprescindibles, como é que nos lanzamos a consumir produtos que non son tan necesarios. Se apenas podemos pagar os recibos, non é de recibo –permítaseme o xogo- pedir un préstamo para unhas vacacións a dez horas de avión. Hai lugares máis cercanos e asequibles. Se o leite é caro, tampouco son baratos os bares, pubs e discotecas. Un cubata equivale a cinco litros de leite. Etcétera, etcétera. Baixa o consumo porque non hai cartos no peto e os que antes os prestaban, é dicir, a banca, agora non o fan con tanta alegría, entón hai que priorizar os gastos. Aí ven a baixada. E claro, a economía resíntese, porque se a xente non gasta na medida en que está todo programado para que sexa aceptable e dea beneficios, leva consigo un incremento do paro, porque sobran traballadores en toda a cadea de produción. Pero se non hai que ser un experto na materia para darse conta do asunto. Agora chega o nadal. Se non se consume dentro do previsto, non dan as contas. Quizais sexa o momento de cuestionarse algúns dos valores tan arraigados na sociedade actual. E un deles, ó meu humilde pensar, é o bestial consumismo no que todos estamos metidos. Hai un refrán de vello, que non se pode estirar a perna máis do que a manta tapa.
Veiga López-Castelo, Pablo
Veiga López-Castelo, Pablo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES