Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A modernización excluínte do Tren

martes, 30 de diciembre de 2008
COMPÁS SOCIAL: A MODERNIZACIÓN EXCLUÍNTE DO TREN

Nos primeiros días de decembro lin nos xornais que no percorrido galego do tren “Estrella-Atlántico” de Ferrol-Madrid, e viceversa, seis paradas quedarían suprimidas a partir do día catorce deste mes. Os pasaxeiros de Pontedeume, Betanzos, Curtis, Guitiriz, San Clodio-Quiroga e A Rúa verían pasar de largo ese convoi. Poucos días despois Renfe, vista a reclamación da Consellería de Política Territorial, anunciou a reposición desas seis paradas que pensaba eliminar. Así mesmo, case que nas mesmas datas, oín na radio que moitos veciños da Provincia de Segovia estaban protestando pola supresión nos seus pobos da parada dos trens de longo percorrido. O escenario, que posiblemente estea a piques de repetirse noutras comarcas rurais de España, é o mesmo: os pobos rurais, mesmo aqueles que son nodos estratéxicos de comunicacións, están a quedarse sen tren por mor da suposta modernización do transporte ferroviario. Moitos asentamentos rurais desenvolvéronse ó arredor do tren, e agora bastantes deses núcleos teñen partido o corazón do seu tecido urbano, atravesado por unha gabia valada. O ferrocarril que antano foi canle de vida abundante para eses pobos, no futuro pode converterse nun pesadelo de agonía.

Unha longa historia que se repite
Despois de solidarizarnos cos veciños da Segovia rural, porque lles sobra razón, centremos a mirada no expreso de media noite, Ferrol-Madrid e viceversa, que atravesa polo centro de Galicia de leste a oeste. Dende hai uns trinta anos fun, en parte sigo sendo, usurario dese tren con baixada e subida en Guitiriz. Durante un tempo no que estivo suprimida a paraxe na vila guitiricense (logo restablecida), as peripecias foron incontables, de terceiro mundo. Describilas aquí, ademais de prolixo, sería cultivar a lamentación estéril. A parada en Guitiriz volveu a repoñerse; pero o resultado final foi que, tanto eu como miles de potenciais viaxeiros, fomos desviados ó transporte discrecional polas estradas ou ó coche particular. Agora de novo repítese a mesma encrucillada con ambiguos tenteos que posiblemente acabarían nunha supresión definitiva se as eleccións galegas non estiveran a porta.

Cómpre reflexionar sobre esta exclusión de Guitiriz e doutros cinco pobos nodais do servizo dese tren nocturno no seu percorrido por Galicia. Coñecendo a distribución dos asentamentos de poboación no medio rural galego, ¿como é posible que se planifique a supresión desas seis paradas? Como é posible ese desaxuste entre modernización ferroviaria e realidade social? A resposta dos responsables de RENFE é simple e imaxinable: o número de viaxeiros que collen o tren nesas estacións é moi baixo (dinnos que unha media diaria de 0,3 a 0,8 usuarios); e dende a perspectiva da modernización do servizo, que pasará do antigo Estrella-Atlántico a un novo TrenHotel, hai que reducir tempo entre os grandes centros urbanos. O razoamento esquece matices importantes: moitos viaxeiros fomos desatendidos e desviados as estradas; e agora o correcto sería recuperarnos para non acabar saturando as autovías. A rendibilidade e a velocidade non poden ser criterios absolutos; e dez minutos mais de breves detencións nos puntos nodais estratéxicos non deterioran a modernización. Resulta, ademais, un paradoxo que, debido o axuste co convoi das Rías Baixas, ese novo e moderno TrenHotel seguirá tardando unhas 11 horas en chegar a Madrid, uns cinco minutos mais tarde que antes. Por outra banda, persiste a carencia dun servizo de trens de proximidades modernizado, rápido, abundante e ben coordinado cos trens de longo percorrido. Estas deficiencias posiblemente afastaron a moitos potenciais viaxeiros, –traballadores desprazados diariamente, estudiantes con retorno semanal, mozos a procura de diversión e outras xentes en permanente e obrigada mobilidade-, que poden ser recuperados para o transporte ferroviario, axudando de paso a minguar o escandaloso e tráxico balance de mortes sobre o asfalto.

A modernización, palabra máxica
Na sociedade actual a palabra modernización ten un sentido máxico indiscutible que a converte en lexitimación suprema e inapelable de calquera cambio. É unha desas verbas sagradas que explícano todo, a vez que esconden moito. Mais a modernización tamén ten o seu lado escuro, como toda realidade humana. A pesar dos seus múltiples aspectos positivos, a actual dinámica modernizadora leva consigo un proceso de concentración-exclusión de espazos e grupos sociais. O medio rural está converténdose nun simple apéndice da expansión urbana, avaliado e valorado só dende esa perspectiva. Os rótulos dos organismos oficiais xa non falan de gandeiros, agricultores ou silvicultores, senón de medio rural ou natural, como se ese medio estivera ermo. Este cambio verbal non é un xogo insignificante nin inocente.

A modernización tecnolóxica e organizativa, por si mesma e a priori, non ten por qué excluír a ninguén; pero de feito estao facendo. O problema radica na mentalidade envolvente das elites políticas e sociais que, a pesar das súas prédicas de equidade democrática, non tratan por igual a tódolos territorios e colectividades sociais. Así mesmo, ante situacións decisivas como no caso da modernización do tren, a sociedade civil do medio rural ou non existe ou está submisa, fragmentada e sen canles mediáticos nin xurídicos para facer valer a súa voz e intereses. As desigualdades seguen crecendo, aínda que se tapen con promesas de mellor futuro, sempre aprazado.

Se nos cinguimos a cuestión do sistema ferroviario que atravesa amplas zonas e asentamentos rurais, resulta obvio que as modernas tecnoloxías e técnicas de planeamento teñen sobrada capacidade para superar vellas deficiencias e novos retos. Se hai decidida vontade política, pode acabarse definitivamente cos malditos pasos a nivel que tantas vidas segaron. Se hai visión de futuro, os pequenos pobos rurais partidos pola vía férrea poden acadar un urbanismo integrador soterrando o trazado ou desviándoo a beira do centro urbano, sen mingua de servizos axeitados. Se hai sensibilidade e responsabilidade política proporcionada, buscaranse solucións afinadas con horizontes abertos, non chapuzas, para cada asentamento de poboación afectado. A Galicia rural, debido a dispersión dos asentamentos de poboación, é sen dúbida algunha un caso moi especial. Sería magoa que por un raquitismo de miras de curto prazo, de presións externas e de inversións insuficientes, os responsables políticos galegos de tódolos niveis aceptasen unha cadea de parches que malogren as verdadeiras solucións de longo alcance para toda a sociedade galega. Estaremos atentos as palabras e os feitos.

Xenaro Pérez López, jenaro@safcb.com
Pérez López, Xenaro
Pérez López, Xenaro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES