Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Quen che viu e quen che ve

martes, 14 de marzo de 2023
Parto da base de que todos os seres humanos temos dereito a cambiaren de opinión, mesmo dalgunha crenza que outrora defendimos con vehemencia. En política vemos con certa frecuencia estes cambios de rumbo que, abofé, despintan o seu, pero xa se sabe por onde van estas cousas tan pragmáticas.

Houbo personaxes que noutrora eran un exemplo a seguir para todos aqueles que loitaban contra a ditadura e polo tento a prol da liberdade, desa liberdade que entón estaba na boca de todos os que pensabamos que aí fora existía un mundo mellor. E un deses persoeiros case icónicos na loita pola liberdade era don Ramón Tamames, economista, comunista e adaíl na loita contra a ditadura franquista e todo o que esta significaba. O seu libro aquel "Estructura Económica de España" era case unha biblia coa que paseabamos fachendosos os estudantes polas rúas de Santiago, edición aquela que nalgunha ocasión levaba como compaña algunha outra do filósofo húngaro de orixe xudea George Lukács á sazón tamén marxista. Esas obras aínda que non as leras eran coma un emblema na solapa de todo estudante progresista que se prezara. Pasado o tempo Ramón Tamames deixou o Partido Comunista e en matéria económica Quen che viu e quen che vefoi derivando cara a posicións máis conservadoras. Os estudantes que andabamos por Santiago pola década dos 70 mesmo ca Ramón Tamames tamén nos fomos diluíndo relevados por outros protagonistas naquel escenario.

Pero velaí que don Ramón Tamames arestora mergullado na súa venerable ancianidade resulta que se presenta a liderar un "show" esperpético, unha moción de censura contra o goberno na compaña dos partidarios daquel sistema fronte ao que el tanto se opuxo outrora, unha moción abocada ao fracaso pero que xa fixo o ruído suficiente como para espertar a curiosidade daqueles que están(mos) espectantes polo que vai dicir dende a tribuna do Congreso o candidato e ilustre disidente.

Algús pensan que o discurso actual de Tamames é moi coherente, o que evidentemente arroupa e avala o modelo social que defende Vox e a batería de derogacións de leis e dereitos que farían se algunha vez chegaran gobernaren. Alfonso Guerra dixo un día que co PSOE a España non a ía coñecer nin a mai que a pariu, e Vox quere volver á España en branco e negro prévia ao vaticinio aquel coa axuda de don Ramón. Sen dúbida unha proposta de morte anunciada que define perfectamente a quen a urdiu.

Ramón Tamames deixouse querer o mesmo porque a estas alturas xa non ten quen lle escriba, como ao coronel de García Marquez, agás Vox. Pasou de ser unha figura do activismol na loita social no franquismo e tardofranquismo a ser un títere nas mans dos que foron os seus enimigos ideolóxicos. Por todo iso: que mágoa don Ramón, quen che viu e quen che ve!
Rubia, Xoan
Rubia, Xoan


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES