Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A victoria das rosas contra a pólvora

viernes, 10 de marzo de 2023
No xornal, a foto dunha muller ucraína coidando o xardín. Entre o zunido das abellas e o ruxido das bombas. Está ben armada: cun sacho na man coida das roseiras na Praza da Paz de Kramatorsk. Nada sabemos desta cidade de 200.000 habitantes. Tampouco ela coñece a nosa que non chega a metade. Sí sabemos que a historia é xeografía. Que aquí vivimos nunha Fisterra das Españas que loitan para non seren abducidas polo burato negro xigante de Madrid que atrae economía e demografía. En Ucrania tamén saben desde hai séculos que a historia é xeografía. Que aquel imperio ruso, esgazado, tenta rexurdir. Que Ucraína soportou turradas do nacionalismo con zeta dos nazis e o xenocidio estalinista por fame do Holodomor.

A muller da praza de Kramatrosk sobrevive entre ventos de pólvora e sangue do leste, ventos de sangue e pólvora do oeste. Só quere poñer cor, o doce arrecendo das rosas na cidade ameazada por tanques e misís rusos.

Na terra negra de Ucraína, nesta primavera ás portas do verán, medran opulentas rosas brancas, amarelas, vermellas. Tentación para os que non fuxiron de chuchar o seu perfume. Dos 200.000 h. resisten 50.000. Se os invasores seguen asasinando casas e civís borrarán do mapa a próspera cidade.

A muller observa o voo de abellas e bolboretas que coa febre da vida fecundan as sementes. A terra negra de Ucraína non só fai florecer as rosas, produce o evanxélico cento por un de trigo e millo. Os xirasoles reflicten por millóns a gloria do sol na fértil terra das chairas. Pero, como recorda E. Galeano, toda guerra éche un roubo. Baldeirando silos, os invasores usan o gran como arma de guerra e bombardean con fame bandullos africanos a miles de quilómetros.

A batalla da muller é contra tristura e a escuridade que silencia as rúas de Kramatorsk. Fai un traballo importante: loita con rosas contra a depresión da xente. Sabe que un xardín con flores é unha victoria contra esta guerra absurda e descivilizadora.

A muller que coida das flores ten todo o tempo do mundo para pensar. E pensa no que di a radio, no que ve na televisión. Que si a FAO. Que si a UE. Que si o G20. Que si o ASEAN. Que si a OTAN. Que si a ONU. Hai máis organismos para vertebrar o mundo dos humanos que rosas na Praza da Paz. ¿Cómo é posible que un só canalla atolado, sinistro aprendiz de zar esté destruíndo o seu país? ¿Por que asasina aos nenos? ¿Por que pon en perigo o planeta e ameaza a casa Europa?. ¿Por que rouba o pan da boca dos famentos? Impunemente. Daquela, ¿para que tanto organismo incapaz de resolver civilizadamente os conflitos? Un só individuo engaiolando a tantos para borrar a vida, sementar odio, bombardear destrución. Fronte a el, a muller que coida as flores. Ou a teimuda victoria das rosas contra a pólvora.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES