Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

viernes, 10 de marzo de 2023
O cravo de Rosalía

Son o cravo de Rosalía de Castro, que acabo de penetrar, con forza, mesmo con algo de carraxe, no corazón do paspán que escribe. Rosalía non sabía se era de ouro, de ferro ou de amor. O paspán que escribe tampouco o sabe. Intúe algo, pero tampouco quere meter as mans no lume. De ouro imaxina que non son, porque el ben sabe que non se merece tal Pingas de Orballocategoría, tal honor. El, o pobre, a verdade é que é pouca cousa. De ferro; aí xa deixa amosar un sorriso e pensa que vai máis con el. Incluso se eu estivera cheo de ferruxe, ata me abriría aínda máis o seu corazón. E de amor; iso xa son palabras maiores para el. Aínda que a estas alturas, nin el mesmo sabe que dicir.
Por moito que o pasmón que escribe diga que ten un corazón de ouro, pois vai ser que non, que eu non son de ouro por moito que penetrase no seu corazón. Lembrade que o fixen con algo de carraxe. A ver, tampouco é que o fixera por algo en especial, pero ás veces coma que non entro nos seus sentimentalismos de pacotilla. Por moito que o paiolo que escribe diga que ten cara de ferreiro, ou sexa, algo así coma un corazón negro, pois tampouco é. El terá o seu aquel, mais, no fondo, non é tan malo como se debuxa nin como o pinto. Por moito que o apaiolado que escribe diga que o amor é un forte latexo do seu corazón, tamén é un dicir seu, xa que a realidade aquí está: furgando nel con forza, a fondo e con carraxe.
Son o cravo de Rosalía de Castro que fedello, escaravello e remexo no corazón do pasmón que escribe. Non son de ouro nin de ferro nin de amor; estou enfurrexado.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES