Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

jueves, 09 de marzo de 2023
A neve é bonita

A neve é branca. A neve é bonita. Hoxe nevou. E nevou en lugares nos que non pensaba que nevaría. Nevou sobre piñeiros e lameiros. Nevou sobre os coches que quedaron fóra e sobre os corzos dos Castros, en Cartelle. Nevou de noite e nevou ás primeiras horas da mañá. Caeron folerpas brancas e bonitas. Dixen que a neve era bonita? A neve é bonita.
Pingas de Orballo A loba coas súas tres crías camiña nerviosa pola neve. Canto máis camiña, máis se lle enterran as patas, máis nerviosa se pon. A loba mira para adiante e para atrás, para un lado e para o outro; controlando ós fillos. Dunha galla, e a causa do vento, un bo puñado de neve cae facendo ruído. A loba asústase e chouta. As crías asústanse do susto da nai. Pero seguen xogando a furgar e a tombarse sobre a neve. Porque a neve é bonita.
Un home de trinta e algo anos asoma todo fachendoso por unha das pistas forestais dos Castros. Xactansioso e presumindo das súas gafas de sol. Intúo que as ten postas por medo ó forte reflexo do sol sobre a neve. Non obstante, sobre a neve branca e bonita empeza a caer unha néboa espesa que non tarda en diluír a neve caída.
Hoxe nevou. Pola mañá. Agora mesmo, pola tarde, xa non queda rastro de neve. E non habendo neve, a loba coas súas crías déixase ver de novo polos regatos de Xestosa. O home tamén aparece sen as súas gafas e un servidor repite unha vez máis que a neve é bonita. Porque a neve, en serio, é branca e bonita.

De raposo a vello

Tirei de raposo vello e quedei de pasmón contemplando o balcón da esperanza. Neses momentos, a verdade é que non había nada; catro macetas de xeranios e un tendal con dúas Pingas de Orballoprendas de roupa. Pero como din que a esperanza é o último que se perde... Si, tamén comentan que o que espera, desespera. Eu son máis dos que esperan pero se desesperar; quizais porque, ó final, obtense a recompensa.
Así é que non desesperei nin desespero. Aquí sigo, sentado baixo a sombra dun piñeiro e intentando rimar os versos dun poema. Un poema moi pobre, esa é a verdade, pois a situación non dá para moito: catro xeranios, dúas prendas de roupa e o silencio preñado de ilusións.
Como can vello que son, sei que, co tempo, algo asomará no horizonte; quizais unha cor do arco da vella ou o asubío dunha rula ou o estouro dun latexo ou o berro dun consolo ou o sorriso dun alivio. Mentres non asoma, os biosbardos son unha boa compaña nesta esperanza que non mingua, que non se vai.
Aparece sobre a varanda do balcón unha folla de carballo que voou desde a distancia. A partir de aí os acontecementos precipítanse: que se abre unha porta, que ó abrirse esta, un refacho de vento move a folla, que aterra ós pés dela. Ós pés da esperanza que chegou e que asomou. O que espera, ó final, obtén a recompensa. Deixei de pasmar e marchei coa ansia bailando sobre as meniñas dos ollos.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES